
O Centro Dramático Galego participa por vez primeira no Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida ao representar mañá e mais o mércores dúas funcións dunha das súas producións propias máis recentes: Shakespeare en Roma. A Xunta afianza así a proxección exterior da súa unidade de produción teatral, que reúne neste espectáculo as catro pezas escritas polo gran dramaturgo inglés ambientadas na época romana.
O director da compañía institucional de teatro, Fran Núñez, participou hoxe na capital estremeña na presentación das dúas funcións de Shakespeare en Roma xunto ao director do Festival de Teatro Clásico, Jesús Cimarro, e diferentes membros do equipo da montaxe: Quico Cadaval, director da parte centrada no texto Tito Andrónico; Sara Rey, responsable da dirección de Antonio e Cleopatra, e os intérpretes Rebeca Montero e Toni Salgado que representaron o elenco do que tamén forman parte Xurxo Cortázar, Sheyla Fariña, Keka Losada, Marcos Orsi, Fran Peleteiro e Santi Romay.
O Teatro Romano acollerá ás 22,45 horas tanto a representación prevista para mañá martes como a do mércores dentro do programa do prestixioso encontro escénico, para a que se realizaron ensaios específicos de adaptación ao singular espazo escénico. Co desembarco de Shakespeare en Roma no Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades amplía as vías de colaboración e intercambio con entidades e estruturas teatrais doutros territorios a través do Centro Dramático Galego.
De Istambul a Almagro
A esta participación no Festival de Mérida, cómpre unirlle a presenza da unidade de produción teatral da Xunta noutros encontros internacionais como o Maltepe en Istambul, o do Alentejo en Portugal ou o de Almagro en 2021 e 2022, ano no que Galicia foi a comunidade convidada e participou a través das coproducións Arte sen guión, La Toffanna e A barca do inferno.
Nesta mesma liña, súmase a implicación en proxectos europeos como Phōnē, iniciativa na que participan entidades escénicas de Irlanda, Francia, Italia, Romanía, Alemaña, Noruega e os Países Baixos e marco do que sairá a vindeira produción do Centro Dramático Galego. Este espectáculo, co que a unidade teatral da Xunta conmemorará en 2024 o seu 40 aniversario, estará dirixida por Tamara Canosa e reunirá en escena os 20 intérpretes que resultarán do proceso de selección en curso.
Con 47 personaxes
O elenco de Shakespeare en Roma dálles vida ao longo da montaxe a 47 personaxes baixo a dirección de catro equipos de dirección que se encargan de cadansúa peza. Así, aos xa citados Quico Cadaval e Sara Rey, súmanselles Xúlio Lago e María Barcala, que se encargan do Xulio César asinado por Ana Carreira, e Rui Madeira, quen leva a escena a versión condensada de Coriolano polo autor ucraíno Volodymyr Snegurchenko. A tradución ao castelán para as representacións en Mérida asínaa Rosa Moledo.
A nómina artística de Shakespeare en Roma complétase con Ana Abad de Larriva e Lorena Conde nas adaptacións de Antonio e Cleopatra e Tito Andrónico, respectivamente; Xosé Lois Romero, á fronte do espazo sonoro; Juanjo Amado, na iluminación e Saturna, no deseño de vestiario.
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, liderou esta na capital comunitaria a delegación da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM) que mantivo unha reunión de traballo na sede da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG MARE) con representantes deste departamento da Comisión Europea. No encontro participaron mandatarios e representantes de territorios costeiros de concas como o Atlántico, o Mediterráneo ou o mar do Norte para abordar a futura estratexia Visión 2040 e a necesaria actualización da Política Pesqueira Común (PPC).
Un total de cinco candidaturas galegas optan como finalistas aos XIX Premios Nacionais de Artesanía, convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Galicia convértese así na comunidade con máis finalistas, con candidaturas en catro das cinco categorías. En concreto, os ceramistas Barreiros Artesanía e a deseñadora e redeira Amalia Puga optan ao Premio Produto, mentres que Sandra Vilas é candidata por segundo ano consecutivo ao Premio Emprendemento.