Noticias

Juancho Marqués e Rocío Saiz, referentes da música urbana e o electropop en España, abren o ciclo de concertos gratuítos de “Atardecer no Gaiás”

Este xoves e venres arrinca o ciclo de concertos Atardecer no Gaiás, impulsado pola Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura, con dous concertos de balde que traen a dúas figuras destacadas no panorama musical español. Juancho Marqués, un dos referentes do hip hop estatal, será o encargado de estrear o escenario na Praza central do Gaiás o xoves 6 de xullo a partir das 21,00 horas. Na tardiña do venres, tómalle o relevo a proposta de pop electrónico de Rocío Saiz.

Con máis dunha década de carreira rompendo as barreiras e estereotipos do rap e co seu estilo inconfundible, de ton cálido e temática sentimental, Juancho Marqués presentará no Gaiás Paraíso 39, o seu quinto álbum, que ten un vínculo especial con Galicia. Os temas naceron precisamente durante o confinamento pola covid-19 en 2020, que o madrileño pasou no concello lugués de Viveiro. O nome fai referencia á rúa da vila onde viviu eses meses, dando forma ao disco.

Pola súa banda, a cantante, presentadora e activista Rocío Saiz acode á Cidade da Cultura o venres día 7 de xullo para saldar a súa débeda do ao pasado co público de Atardecer no Gaiás, cando se vira obrigada a cancelar a súa actuación por motivos de saúde. A madrileña está de volta con toda a súa enerxía e ritmos pop que convidan ao baile.

Ambos concertos serán a partir das 21,00 horas na Praza central da Cidade da Cultura e con acceso libre e gratuíto. Haberá un servizo especial de bus urbano coa liña C11 ao finalizar as actuacións, con saída ás 22,45 do Gaiás.

As propostas musicais de Atardecer no Gaiás seguen nos meses de xullo e agosto cun total de 18 concertos ao aire libre de estilos que van do punk rock aos ritmos urbanos, o jazz, o soul ou o folk electrónico.

O ciclo, que conta nesta edición co apoio de Cervezas Alhambra, combina algúns dos talentos emerxentes e artistas consolidados máis importantes do panorama galego, español e internacional. O cartel inclúe oito propostas do país: Moura, KYRA, Lontreira, Catuxa Salom, Mariagrep, Madalena Gamalho, así como os artistas novos Faíscas e Xa’lum, premiados no certame Xuventude Crea impulsado pola Consellería de Política Social e Xuventude.

Canda eles sobresaen nomes como o da estrela do pop español Natalia Lacunza, o rapeiro Bejo ou o punk rock de Biznaga. Dulzaro, Paquesvr e Júlia Colom súmanse ao listado de bandas estatais que poderemos escoitar no Gaiás. Desde Francia, San Salvador trae a súa innovadora proposta de polifonía punk e Ben L'Oncle Soul os ritmos do soul máis actual. O novo jazz da trompetista portuguesa Jéssica Pina completa o elenco internacional dos atardeceres.

R., 2023-07-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (premiso-rse-galicia-2026.jpeg) Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
Foto de la tercera plana (pesca-azul.jpg) A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade. Villaverde trasladará que Galicia afronta este debate desde unha posición singular pola dimensión e diversidade do seu complexo mar-industria, cunha extensa frota de baixura e pequena escala, unha importante presenza da altura e gran altura, unha industria transformadora e conserveira de referencia e unha acuicultura cun destacado peso na produción comunitaria.

Notas

Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
A campaña de escavación arqueolóxica realizada este verán na Cova do Santo e na Pala da Zorra, no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá, Ourense), permitiu obter novos datos sobre a ocupación e a historia destas cavidades ao longo da Prehistoria e confirma que conservan un rexistro de gran valor para coñecer tanto as comunidades humanas da Prehistoria como e as paisaxes que ocuparon este territorio miles de anos atrás. Os traballos dan continuidade ás investigacións iniciadas en 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES