Noticias

A campaña 'Cada litro conta' conciencia á poboación sobre o aforro de auga

Como todos os anos, coa chegada do verán, a Xunta, a través de Augas de Galicia, pon en marcha unha campaña destinada a lembrarlle a todos os galegos e galegas a importancia de minimizar o consumo de auga, para conseguir así ademais un aforro económico para as familias, mentres evitamos o desperdicio dun ben tan prezado. O proxecto ‘Cada litro conta’ chama a toda a poboación a facer pequenos cambios nos sus hábitos, encamiñados a conseguir un consumo máis responsable deste recurso. Deste xeito, loitaremos tamén por asegurar a dispoñibilidade de auga no futuro, e con iso preservar hábitats e ecosistemas fluviais.

Estes son algún dos consellos que se ofrecen para maximizar o aforro:

- Electrodomésticos do fogar: a lavadora ou o lavalouzas só deben poñerse en funcionamento cando estean cheos. Iso permitirá aproveitar ao máximo a súa capacidade. Unha lavadora pode gastar ata 90 litros cada vez que se pon en marcha, e un lavalouzas, ao redor de 30.

- Na cociña: é aconsellable utilizar cuncos para lavar os pratos. Quen teña na súa cociña un vertedoiro con dúas cubetas, unha pódese usar para enxaboar e outra para aclarar. Para beber auga fría, non se debe deixar correr a billa, o aconsellable para non malgastar é poñer unha xerra de auga na neveira.

- Alimentos: desconxelar os alimentos a temperatura ambiente, e nunca baixo a billa. Iso permite un aforro de 15 litros. Lavando a froita e a verdura nun bol afórranse dez litros.

- Pechar a billa cando non se utilice. Por unha billa aberta corren ata 12 litros de auga por minuto. Mentres un se cepilla os dentes, aféitase ou se enxaboa na ducha, debe pecharse a billa. Iso permitirá un aforro de ata dez litros de auga. Cando unha persoa usa a ducha no canto de se bañar, o gasto pódese reducir en 30.000 litros ao ano.

- Fugas: cada dez pingas de auga por minuto supoñen 5.000 litros de auga ao ano desperdiciados.

- Baños: nos cuartos de baño que non son de dobre descarga, pódese meter dentro da cisterna unha ou varias botellas de plástico cheas. Cada vez que se tire da cadea aforraranse entre dous e catro litros.

- Atomizadores: o seu uso aumenta o chorro con menor cantidade de auga. Con estes difusores pódese aproveitar mellor a auga e iso permite reducir o consumo. Tamén son recomendables as billas monomando que están deseñadas para evitar que goteen.

- Plantas: é aconsellable regar as plantas á noitiña ou ao amencer, cando a temperatura é máis baixa. Desta forma evitaranse perdas de auga por evaporación.

- Xardín: débense utilizar sistemas automáticos de rega por aspersión. En época de seca, non se debe utilizar a mangueira.

- Chave de paso: pechar levemente a chave de paso de auga á vivenda axuda a que saian menos litros da billa por minuto, reduce o malgasto e a factura.

En resume, trátase de facer pequenos axustes nos nosos hábitos de consumo, para aproveitar mellor este recurso natural. Outra idea fundamental que trata de transmitir esta campaña é que, aínda que poidamos pensar o contrario, en Galicia non sobra a auga, así que é moi importante que todos e todas (tanto cidadáns como administracións) sexamos conscientes diso e traballemos xuntos para conservala.

R., 2023-07-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (premiso-rse-galicia-2026.jpeg) Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
Foto de la tercera plana (pesca-azul.jpg) A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade. Villaverde trasladará que Galicia afronta este debate desde unha posición singular pola dimensión e diversidade do seu complexo mar-industria, cunha extensa frota de baixura e pequena escala, unha importante presenza da altura e gran altura, unha industria transformadora e conserveira de referencia e unha acuicultura cun destacado peso na produción comunitaria.

Notas

Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
A campaña de escavación arqueolóxica realizada este verán na Cova do Santo e na Pala da Zorra, no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá, Ourense), permitiu obter novos datos sobre a ocupación e a historia destas cavidades ao longo da Prehistoria e confirma que conservan un rexistro de gran valor para coñecer tanto as comunidades humanas da Prehistoria como e as paisaxes que ocuparon este territorio miles de anos atrás. Os traballos dan continuidade ás investigacións iniciadas en 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES