
Neste sentido, Ángeles Vázquez subliñou a gran acollida que recibiu este programa de subvencións a cidadanía galega desde a súa posta en marcha hai tres anos por parte do Instituto de Estudos do Territorio (IET), cun número de solicitudes que foi en aumento con cada nova convocatoria e que reflicte un interese tamén crecente por contribuír ao embelecemento da Comunidade coa execución de pequenas obras e reparacións exteriores que teñen un impacto moi positivo sobre a contorna.
Por iso, incidiu na necesidade de poñer en valor a achega que están a facer de cara á preservación e mellora da paisaxe non só as distintas administracións públicas senón tamén os comprometidos co entorno no que viven a través do coidado exterior das súas vivendas, peches e outro tipo de edificacións.
De feito e tras poñer como exemplo o muíño que visitou en Coristanco no que se eliminou o recebado que cubría todas as fachadas exteriores e se renovou por completo o acabado da cuberta coa colocación de tella cerámica, explicou que as intervencións que subvenciona a Xunta a propietarios particulares desde o ano 2021 tamén serven para recuperar e poñer en valor elementos de titularidade privada, pero que forman parte á vez do acervo cultural e etnográfico de Galicia polo que o beneficio que se consegue é dobre: individual e colectivo.
Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade. Villaverde trasladará que Galicia afronta este debate desde unha posición singular pola dimensión e diversidade do seu complexo mar-industria, cunha extensa frota de baixura e pequena escala, unha importante presenza da altura e gran altura, unha industria transformadora e conserveira de referencia e unha acuicultura cun destacado peso na produción comunitaria.