
A directora xeral lamentou a confusión xerada arredor da oferta de FP a distancia, e lembrou que todos os alumnos que iniciaron un ciclo ordinario presencial o curso 2022/23 van poder rematalo tamén de xeito presencial o curso que vén. No caso do alumnado que procede do réxime modular para adultos, os centros poderán regular a posibilidade de presencialidade, que vai do 25% do horario ao 100%, en función das necesidades do alumno.
De feito, a orde de 2010 que regula a FP a distancia xa recolle que a docencia nesta modalidade inclúe unha parte presencial no centro educativo cunha duración de entre o 25 % e o 100 % das horas semanais establecidas para cada módulo profesional. Os centros educativos adecuarán a duración desta formación para atender ás necesidades do alumnado matriculado. Esta posibilidade recordarase esta mesma semana na publicación da oferta no Diario Oficial de Galicia.
En calquera caso, a representante da Xunta reiterou que o obxectivo da oferta a distancia é incrementar as oportunidades dos estudantes, atendendo ás necesidades de distintos colectivos como traballadores en activo aos que esta modalidade, máis flexible, lles permite compatibilizar estudos e traballo, favorecer así a conciliación e achegar a oferta a poboación do rural.
Cómpre lembrar que a formación a distancia é unha necesidade demandada por centros, estudantes e empresas, transmitida á Xunta durante os encontros realizados ao abeiro do Plan Conecta FP nos últimos meses para deseñar a oferta. Esta formación faise exclusivamente na modalidade de adultos e só en titulacións que, polas súas características, o permiten. De feito, moitas solicitudes dos centros para impartir esta modalidade non foron atendidas por este motivo.
Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade. Villaverde trasladará que Galicia afronta este debate desde unha posición singular pola dimensión e diversidade do seu complexo mar-industria, cunha extensa frota de baixura e pequena escala, unha importante presenza da altura e gran altura, unha industria transformadora e conserveira de referencia e unha acuicultura cun destacado peso na produción comunitaria.