Noticias

Galicia contará o vindeiro curso coa maior oferta de FP da súa historia, con 42.174 novas prazas de novo ingreso, un 12% máis

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que Galicia vai contar o vindeiro curso 2023-2024 'coa oferta máis alta e numerosa de Formación Profesional' da súa historia ao contar con 42.174 prazas de novo ingreso, un 12% máis respecto ao ano académico que remata. 'Créanse 4.500 novas prazas, o que supón que a oferta medra en todas as áreas e todos os sectores', indicou Rueda. Rueda explicou que esta oferta foi deseñada a través do Plan Conecta FP Galicia que busca coñecer as necesidades do tecido produtivo galego 'e adaptar a oferta formativa ás demandas actuais das empresas'.

Para iso, nos últimos meses realizáronse diferentes encontros sectoriais e territoriais nos que participaron máis de 10.000 empresas, 400 asociacións e clústeres e máis de 300 centros educativos expresaron as necesidades de cualificación de traballadores dos diferentes sectores socioprodutivos e áreas.

Rueda lembrou que a Xunta leva anos “apostando por impulsar” estas ensinanzas que xa contan con máis de 60.000 matriculados -un 75% máis que no curso 2008-2009- e que teñen unha alta taxa de inserción laboral: do 85% no caso da FP ordinaria e do 100% na FP Dual.

Do total de 42.174 novas prazas para o vindeiro ano académico, 34.704 son presenciais e outras 7.470 son a distancia. Haberá 1.482 grupos presenciais e só 151 a distancia.

Para reforzar esta formación, o presidente salientou que Galicia contará con 182 titulacións de Formación Profesional no vindeiro curso. Dentro deles, hai nove títulos que se implantan por primeira vez en Galicia. Ademais, outros tres adquiren unha nova dimensión ao enriquecerse o seu currículo con alta especialización, constituíndo tamén títulos renovados. A través da FP Dual implántanse estas tres ensinanzas que, partindo, dun ciclo formativo xa ofertado constitúense como novas posibilidades de estudos de FP demandas polas empresas.

Ademais, o Plan Conecta FP Galicia evidenciou a necesidade de seguir deseñando ofertas formativas adaptadas ás necesidades das empresa. En ocasións isto pasa por engadir formación doutros ciclos formativos á que xa está incluída nun título de FP, por exemplo combinando o ciclo superior en Patronaxe e moda con oferta parcial do de Vestiario á medida e de espectáculos ou o grao medio en Carpintaría e moble con oferta parcial do grao superior en Deseño e amoblamento, entre outros.

A FP Dual como prioridade

O Plan Conecta FP Galicia vén a consolidar a FP Dual como vía prioritaria de formación e, no seu marco, a oferta do vindeiro curso potencia esta modalidade. En concreto, o crecemento da FP Dual permite incorporar na provincia de Lugo as familias profesionais de Imaxe e son (ciclo de grao medio de Son para audiovisuais e espectáculos no IES Sanxillao) e de Marítimo pesqueira (ciclo de grao medio en Navegación e pesca de litoral no IES María Sarmiento de Viveiro). Tamén incorpora a familia de industrias extractivas na provincia da Coruña (ciclo de grao medio de Escavacións e sondaxes no IES As Fontiñas de Santiago de Compostela).

Cómpre lembrar que a FP Dual permite deseñar plans de formación específicos, a medida das necesidades das empresas. “Os titulados nesta modalidade acadan case o 100% da inserción laboral”, resaltou o presidente.

Máis másteres

As ensinanzas máis especializadas da FP galega son os másteres, que se realizan ao remate dos ciclos e supoñen un valor engadido na formación dos titulados, especialmente en áreas punteiras como as redes 5G, os vehículos híbridos, a ciberseguridade ou a robótica.

Para continuar impulsando esta vía, Rueda salientou que “aumentan un 55% as prazas de novo ingreso ata as 1.082”, que se impartirá en 52 grupos distintos por toda a xeografía galega. Serán en total 20 titulacións de especialista (acceso desde grao medio) e máster FP (acceso desde grao superior). Deles, tres serán novos, en concreto os másteres en Auditoría enerxética (no CIFP Valentín Paz Andrade, Vigo), en Robótica colaborativa (CIFP Ferrolterra, en Ferrol; CIFP Universidade Laboral, en Culleredo, CIFP Politécnico de Lugo e CIFP Fontecarmoa, en Vilagarcía de Arousa) e en Sistemas de sinalización e telecomunicacións ferroviarias (IES Francisco Daviña Rey, Monforte de Lemos).

Flexibilidade: a FP a distancia

O impulso da modalidade a distancia permite achegar a formación a un maior número de persoas, tamén no ámbito rural, así como que máis persoal das empresas poidan actualizar a súa formación e as súas competencias profesionais. Ademais, permite conciliar a vida laboral e persoal da poboación en xeral.

Co obxectivo de facilitar o acceso á FP e flexibilizar o seu estudo, “increméntanse nun 74% as prazas nestas modalidade”, ata un total de 7.470. Ademais, por primeira vez haberá catro grupos de másteres de FP nesta modalidade, un total de 120 prazas. Será nos másteres de Ciberseguridade en contornos das tecnoloxías de operación (CIFP Politécnico de Santiago), Ciberseguridade en contornos das tecnoloxías de información (IES San Clemente, Santiago de Compostela), e dous grupos no de Intelixencia artificial e big data (un no IES San Clemente e outro no IES de Teis, en Vigo).

Impulso ao rural

A adecuación da oferta formativa ás necesidades e profesións do rural constitúese como unha magnifica oportunidade para fixar a poboación no territorio. En total ofértanse cerca de 6.842 prazas no rural, un 9,35% máis que no curso pasado.

O Plan Conecta FP Galicia permitiu detectar as necesidades de formación do territorio rural e estreitou as relacións de confianza entre a administración educativa e as empresas, ampliando os ciclos formativos e cursos de especialización na modalidade Dual. Son os casos da ofera en Mecatrónica industrial (en Vilalba e As Pontes), Produción agroecolóxica e Paisaxismo e medio rural (en Arzúa) ou Gandaría e asistencia en sanidade animal (en Melide e Xinzo de Limia), entre outros.

Ademais, préstase especial atención ao impulso da oferta de ciclos de FP Básica no ámbito rural como ferramenta de loita contra o abandono escolar temperá e para favorecer a inserción laboral. En concreto, amplíase o número de prazas de FP Básica preto do 3%.

Atención ás necesidades educativas especiais

A FP e un instrumento de especial relevancia para que o alumnado con necesidades educativas especiais poida conseguir a súa incorporación ao mercado laboral ou a súa continuidade no sistema educativo. A mellora da oferta de programas formativos favorece a igualdade de oportunidades para todo o alumnado, polo que a Xunta incrementa nun 17% as prazas para o vindeiro curso, ata un total de 630, que se poderán cursar en 12 centros distintos.

R., 2023-06-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (premiso-rse-galicia-2026.jpeg) Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
Foto de la tercera plana (pesca-azul.jpg) A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade. Villaverde trasladará que Galicia afronta este debate desde unha posición singular pola dimensión e diversidade do seu complexo mar-industria, cunha extensa frota de baixura e pequena escala, unha importante presenza da altura e gran altura, unha industria transformadora e conserveira de referencia e unha acuicultura cun destacado peso na produción comunitaria.

Notas

Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
A campaña de escavación arqueolóxica realizada este verán na Cova do Santo e na Pala da Zorra, no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá, Ourense), permitiu obter novos datos sobre a ocupación e a historia destas cavidades ao longo da Prehistoria e confirma que conservan un rexistro de gran valor para coñecer tanto as comunidades humanas da Prehistoria como e as paisaxes que ocuparon este territorio miles de anos atrás. Os traballos dan continuidade ás investigacións iniciadas en 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES