Noticias

A futura Estratexia galega de saúde 2023-2030 incorporará o enfoque de xénero a todas as políticas sanitarias

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou hoxe, na inauguración da Xornada: Saúde con perspectiva On-LIVE, que o seu departamento acaba de iniciar o proceso participativo da nova Estratexia galega de saúde 2023-2030, 'coa que poremos a saúde da muller no centro de todas as políticas sanitarias'. Segundo o titular da carteira sanitaria do Executivo galego, 'esta estratexia vai incorporar o enfoque de xénero na súa planificación e programas asistenciais, así como nos ámbitos de investigación'.

Na xornada, liderada por Sanidade, e co apoio de Organon e da Axencia galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), o conselleiro dixo que, na elaboración da Estratexia de Saúde, o seu departamento vai contar “coa participación multidisciplinar de profesionais do sistema sanitario galego e daquelas organizacións e institucións que xogan un papel esencial no desenvolvemento do ecosistema de saúde galego”.

O noso obxectivo, -incidiu o máximo responsable do Sergas-, “non é ter un documento específico de saúde da muller, senón contar co documento máis integral e participado posible e que nel a saúde da muller impregne todas as políticas sanitarias”.

Comesaña remarcou que a Xunta ten xa unha traxectoria implementando actividades pensadas para reforzar e mellorar a atención á saúde das mulleres. En concreto, no ámbito da prevención, Sanidade está a poñer moita énfase nos cribados poboacionais, “unha liña na que o Goberno galego ten unha aposta clara co aumento de máis do 70 % da partida para cribados nos Orzamentos para 2023, ata acadar os 2,6 millóns”.

Galicia conta, tamén, cun programa de cancro de mama con máis de 30 anos de historia, e co que se realizaron máis de tres millóns de exploracións. Grazas a este cribado descubríronse nestes anos preto de 11.000 cancros, “dos que case o 70% estaban en estadíos precoces”, tendo un prognóstico moito máis favorable. Para seguir mellorando este programa, o conselleiro sinalou que a Xunta ampliará nesta lexislatura o actual rango de 50 a 69 anos, para estendelo tamén ás galegas dende os 45 ata os 74 anos.

Segundo detallou Comesaña, Galicia tamén destaca no ámbito do cribado de cancro de cérvix. Iniciouse a súa implantación na área de Lugo en 2021, estendéndose ás áreas de Pontevedra e Ferrol o pasado ano, e no actual chegará ás restantes áreas. Deste xeito, “a nosa comunidade adianta en seis anos o obxectivo fixado polo Ministerio de Sanidade, que indica o 2029 como ano tope para rematar a implantación”. Comesaña dixo que, a comezos deste mes, “contábamos xa con máis de 17.000 resultados de mulleres participantes, das que máis dun 6% resultaron positivas ao virus do papiloma humano de alto risco”. Deste xeito, o programa está a axudar a previr o avance deste cancro en moitas mulleres galegas, conseguindo que máis do 50% das mulleres da poboación obxectivo participen no programa.

Unidades solo pelviano

No ámbito asistencial, o conselleiro remarcou que un gran punto forte dos programas de saúde da muller do Executivo galego é a atención ao solo pelviano. Así, dende 2017, o Sergas conta cun programa estruturado de atención ás disfuncións do solo pelviano en atención primaria no que, segundo os últimos datos dispoñibles, dende 2017 a 2021 as matronas atenderon neste nivel asistencial, a máis de 4.500 mulleres con disfunción de solo pelviano.

Neste apartado, remarcou Comesaña que Galicia constituiu, no último ano, unidades multidisciplinares de solo pelviano en cada área sanitaria, e completou a creación de consultas específicas para a endometriose, tamén en todas as áreas.

Xunto ao anterior, a incorporación dos robots Da Vinci nas sete áreas galegas posibilitou que os servizos de xinecoloxía realizaran xa 300 intervencións con esta nova tecnoloxía, e na actualidade estanse a usar para operar endometrioses ou cancros de cérvix ou de ovario.

Para rematar a súa intervención na xornada, Comesaña amosouse moi satisfeito do desenvolvemento do primeiro Plan de igualdade do Sergas, aprobado co consenso de todas as organizacións sindicais da Mesa Sectorial, e que ten medidas tan importantes como a sensibilización e formación en igualdade para as e os profesionais do Sergas.

R., 2023-03-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (mariscadoras.JPG) O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, informou esta mañá de que o Consello deu luz verde aos textos 'dos estatutos das mulleres do rural e do sector marítimo-pesqueiro de Galicia', que entran así na súa última fase de tramitación coa súa remisión ao Consello Consultivo para que emita o informe preceptivo 'e estean aprobados a finais de ano'. Este trámite, que coincide coas vésperas do Día Internacional das Mulleres Rurais -que se conmemora cada 15 de outubro- busca 'avanzar no recoñecemento das mulleres' destes eidos e 'mellorar o seu acceso a novas oportunidades e recursos'. Ambos documentos buscan ademais, tal e como explicou Calvo, visibilizar a súa contribución ao desenvolvemento territorial; garantir o seu acceso en igualdade a dereitos, oportunidades e recursos; fomentar a contratación feminina en profesións masculinizadas ou impulsar a titularidade compartida en explotacións e embarcacións.
Foto de la tercera plana (economia-porcentaxe.jpg) A economía galega medrará catro décimas máis do previsto hai un ano, cando se elaboraron os orzamentos vixentes. Así se desprende do Informe sobre as previsións macroeconómicas que se incluirán nos orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2027, elaborado polo Instituto Galego de Estatística (IGE) e que hoxe foi avalado pola AIReF. Deste xeito, segundo constata o documento, Galicia medrará máis do previsto para este ano. Non en van, se en xullo, cando se aprobou o teito de gasto non financeiro, a Comunidade xa mellorou a previsión de crecemento que estaba nos orzamentos para este ano en dúas décimas, pasando do 1,9 % ao 2,1 %, agora volve a facelo, mellorando noutras dúas décimas (ata o 2,3 %) a previsión para o peche de 2026.

Notas

A Rede de Centros Singulares de Investigación da USC conmemora o 24 de outubro o 10º aniversario de Ciencia Singular, a xornada de portas abertas que desde 2017 achega a miles de persoas o labor científico punteiro da USC. Esta iniciativa cumpre unha década ofrecendo á cidadanía a oportunidade de coñecer o traballo que realizan centos de investigadores en química, tecnoloxías intelixentes, medicina molecular, física de partículas ou tecnoloxías ambientais, descubrindo a aplicación práctica do coñecemento científico.
Entre os meses de outubro de 2026 e xuño de 2027 desenvolverase o VI Plan Ciencia de ida e volta, unha nova tempada de actividades de divulgación científica na UVigo, impulsado pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (co financiamento da FECYT-Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Ao longo de nove meses sucederase un amplo programa de actividades de lecer científico, co que a UVigo volverá sacar a ciencia dos laboratorios ás rúas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES