Noticias

O Sistema Universitario Galego contará a partir do vindeiro curso cun modelo de graos e mestrados duais pioneiro en España

O Sistema Universitario de Galicia (SUG) contará a partir do vindeiro curso 2023-2024 cun modelo de graos e másteres duais pioneiro en España, nos que o alumnado combinará a súa formación nas tres universidades públicas cun contrato laboral regrado e remunerado nunha empresa. O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, realizaba esta confirmación este venres no transcurso da xornada Formación Dual universitaria: unha aposta de futuro para estudantes e empresas, celebrada na Cidade da Cultura, e na que participaron os reitores das universidades de Santiago de Compostela (USC), Antonio López; da Universidade de Vigo (UVigo), Manuel Reigosa e da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde.

O conselleiro destacou que esta iniciativa quere “reproducir o éxito que a opción dual tivo na FP tamén nas nosas universidades” e lembrou que o alumnado da FP Dual acada unha taxa de empregabilidade de case o 100%, grazas á confianza de máis de 800 empresas colaboradoras, “o que demostra que se trata dun modelo educativo de éxito para a captación de talento e para a formación de calidade de profesionais cualificados e necesarios para o tecido económico”. O titular de Universidades confirmou que se está a avanzar sobre o traballo previo para achegar a oferta universitaria á realidade dos sectores produtivos galegos, “un camiño que conta cunha folla de ruta, o Mapa de Titulacións para o período 2021-2026, que afonda na adaptabilidade ao mercado laboral e a especialización de cara a un escenario profesional máis diverso”. Esta estratexia inclúe a mellora da oferta cunha decena de mestrados e unha ducia de novos graos nos sete campus galegos que, sinala a Consellería, permitirán dotar a Galicia de profesionais cos perfís adaptados ás necesidades da sociedade do futuro.

Precisamente, o titular de Educación da Xunta avanzou este venres que están pendentes de asinar un convenio coa UVigo e Stellantis sobre o Grao dual en Enxeñaría da Automoción, cuxo informe a Universidade de Vigo trasladou hai meses a Axencia de Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) cara a súa posible implantación o vindeiro curso na Escola de Enxeñaría Industrial.

A primeira iniciativa autonómica

O programa de titulacións duais impulsado pola Xunta e as universidades é a primeira iniciativa autonómica liderada por unha administración educativa para todo o territorio baixo a súa xestión, o que constitúe un modelo sistematizado e integral que vai máis aló da experiencia desenvolvida pola Universidade de Mondragón. Ata o momento só existe unha regulación da formación dual universitaria moi xenérica e inconcreta, a través da Mención Dual, que en Galicia funciona no Grao en Enxeñaría Eléctrica, da UDC no campus de Ferrol, no Grao en Hostalaría da USC, no campus de Santiago.

O que se propón agora é configurar un marco normativo que permita sistematizar para o SUG un procedemento único regrado para a implantación das titulacións duais que, á súa vez, confira seguridade a estudantes e empresas colaboradoras. Este marco incluirá tanto a esixencia de que a titulación dual sexa un proceso de aprendizaxe integrado na contorna académica e na contorna profesional e que exista unha especial corresponsabilidade entre a universidade, a empresa e o estudantado no codeseño do programa formativo. Ademais, en cada plan de estudos deberán quedan fixados tamén os requisitos a cumprir por parte das entidades colaboradoras.

A modalidade dual avanza sobre o modelo de prácticas en empresas ao esixir unha secuenciación de períodos formativos na entidade colaboradora, unha maior integración do período formativo na empresa no currículo formativo, unha coordinación máis estreita entre a universidade e a entidade colaboradora, unha titorización da parte académica e da entidade colaboradora máis integrada e a incorporación do traballo fin de grao ou mestrado. Como resultado, ofrécese unha alta cualificación ao alumnado, moi axustada ás necesidades reais do mercado de traballo e, polo tanto, con maiores expectativas de empregabilidade.

Marco específico

Román Rodríguez explicou que a iniciativa parte dunha análise encargada á Fundación Empresa–Universidade Galega (FEUGA), en colaboración coa Universidade de Mondragón, que achegou a súa experiencia nun proxecto similar. “Esta análise previa permitiu definir un marco específico de actuación común para as universidades galegas, cun proceso xeral de desenvolvemento e execución da implantación”, expuxo. O conselleiro fixo fincapé no esforzo de todos os axentes educativos e económicos para impulsar esta iniciativa e sinalou a necesidade de ”seguir unindo forzas para avanzar, consolidar e asegurar o éxito deste programa”, non en balde, os próximos pasos pasan polo traballo conxunto coas universidades e as empresas para sistematizar un método de traballo a través do que ir deseñando os plans de estudos, ben sexan titulacións totalmente novas ou adaptadas á modalidade dual. “Estamos satisfeitos de ter no noso sistema universitario un motor conectado á realidade que fai que Galicia avance con máis fortaleza e benestar. Coa chegada das titulacións duais seguiremos afianzando a excelencia e a innovación que fixeron do Sistema Universitario de Galicia un modelo de referencia”, salientou Rodríguez.

Na xornada de traballo celebrada este venres participaron tamén o director de Feuga, Francisco Javier Pereiro, que afondou nos principais procesos implicados no desenvolvemento do modelo dual desde as perspectivas empresarial e universitaria, e o vicerreitor académico da Universidade de Mondragón, Jon Altuna, que presentou a experiencia da súa institución académica. Ademais, celebrouse unha mesa redonda arredor dos retos actuais e futuros deste modelo en Galicia, na que interviñeron o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro; a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e representantes das tres universidades públicas galegas e do mundo empresarial.

R., 2023-03-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (cambio-hora.jpg) En 2025, Lara Weed e Jamie M. Zeitzer, da Universidade de Stanford, publicaron un artigo no que se relacionaba a práctica do cambio estacional de hora con aspectos negativos para a saúse, tanto de sintomatoloxía aguda (infartos ou accidentes cerebrovasculares), como crónica (obesidade). Agora, os profesores José María Martín Olalla, da Universidade de Sevilla, e Jorge Mira Pérez, da Universidade de Santiago de Compostela, tras analizar a metodoloxía aplicada neste estudo, constataron que 'o que o mundo leu como unha evidencia científica contra o cambio de hora resultou ser unha ilusión matemática'.
Foto de la tercera plana (oposicions.jpg) Un total de 15.733 persoas concorrerán ás oposicións de Educación deste ano 2026 segundo a listaxe provisional de admitidos publicado no Portal Educativo. Cómpre lembrar que, froito do acordo entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e os sindicatos CC.OO., ANPE, UGT-SP Ensino e CSIF, como novidade nesta ocasión os interinos non teñen a obriga de presentarse ao exame, co obxectivo de axilizar o proceso. Isto provoca un descenso de case o 23% nas probas respecto á convocatoria do ano pasado. En concreto, 4.689 aspirantes menos. A Xunta de Galicia convoca para este proceso un total de 1.601 prazas, o que supón esgotar o 120% da taxa de reposición marcado polo Estado.

Notas

Do 29 de abril ao 3 de maio, a localidade de Tui acollerá a 22ª edición do Play-Doc Festival Internacional de Cine, que presenta a súa Competición Internacional, unha selección de obras recentes do cinema contemporáneo internacional con películas procedentes de distintos contextos e xeografías. A sección reúne títulos de diversas procedencias, con obras de Europa, América, África e Asia, en formatos que van da curtametraxe á longametraxe.
El próximo 1 de mayo, la localidad salmantina de Escurial de la Sierra acogerá la Primera edición del Festival Miña Ruliña, una iniciativa cultural promovida por el Centro Gallego de Salamanca que nace con el objetivo de acercar la música tradicional a toda la ciudadanía, promoviendo el conocimiento, la participación y el disfrute de un patrimonio que forma parte esencial de nuestras raíces.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES