Noticias

O Gaiás exhibe documentos do psiquiátrico de Conxo mostrando o tratamento como enfermas de mulleres que transgredían os roles de xénero da súa época

Inaugurouse hoxe no Arquivo de Galicia, coincidindo co 8 de marzo, a exposición 'Voces esquecidas. As mulleres do Hospital de Conxo', centrada na saúde mental abordada desde unha perspectiva de xénero. A mostra poderá verse na Cidade da Cultura ata setembro e está enmarcada na serie Mulleres Sobranceiras que cada ano se organiza con motivo do Día Internacional da Muller. A través de 57 pezas, do fondo do Hospital Psiquiátrico de Conxo transferido ao Arquivo de Galicia polo Servizo Galego de Saúde en 2012, móstrase o relato das mulleres internadas no centro, posto en marcha en 1885, por cuestións consideradas na época enfermidades mentais.

A exposición trata de visibilizar a condición das persoas dobremente estigmatizadas por ser mulleres e tratadas de loucas, un tema que foi tabú durante anos. O percorrido amosa expedientes de ingreso, diagnósticos médicos, historias clínicas ou mesmo correspondencia das propias internas. Nesta documentación quedan patentes os patróns de xénero propios da época.

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destacou durante o acto de inauguración que se trata de documentos “de gran valor para o estudo da psiquiatría e da saúde mental desde múltiples aspectos, entre os que destaca o coñecemento da sociedade á que pertencían esas mulleres que quedaron excluídas e esquecidas”, engadindo que o “Psiquiátrico de Conxo é un dos máis antigos da Península, no seu tempo cunhas instalacións modelo e prestixiosos profesionais, o que lle dá máis importancia ás conclusións que se poden sacar desta documentación custodiada no Arquivo de Galicia”

No acto estivo acompañado pola subdirectora xeral de Arquivos e Bibliotecas, Mª Carmen Calviño; a directora de Procesos de Soporte da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza, Fernanda López Crecente, e pola directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo. Asistiron tamén as comisarias da exposición, María del Mar García Miraz e Concepción García, e o comisario, Miguel López.

Diagnósticos e historias clínicas cargadas de significado

O Hospital Psiquiátrico de Conxo foi desde a súa creación en 1885 ata 1953 o principal centro de asistencia psiquiátrica de Galicia. Os documentos conservados pertencen a unha época na que, segundo explica a comisaria da mostra, “moitas persoas foron consideradas doentes mentais e illadas da sociedade por non adaptarse ás regras sociais establecidas. No caso das mulleres sufrían, ademais, a aceptación de que o seu sistema nervioso e reprodutivo as facía máis propensas a desordes patolóxicas, sendo diagnosticadas, como se le literalmente nos expedientes, con loucura histérica, loucura xenital, psicose melancólica ou de pasións violentas”.

A exposición exhibe cartas cargadas de significado enviadas por homes aos médicos en agradecemento pola cura das súas mulleres “que antes eran tristes”. Tamén correspondencia das propias internas a familiares expresando as súas vivencias, que nunca foron enviadas e se utilizaron para o seu seguimento clínico.

A mostra recolle os expedientes das dúas primeiras mulleres ingresadas no Hospital Psiquiátrico, en 1885 e 1886 (os ingresos de mulleres eran moito menores ao considerarse só casos graves os que ían na contra dos valores dunha sociedade patriarcal). Complétase con fotografías antigas, como a dos talleres nos que acababan facendo tarefas do fogar como lavar a roupa, ou documentos relacionados coa xestión do centro a nivel administrativo, como son os libros de rexistro de materiais.

R., 2023-03-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (premiso-rse-galicia-2026.jpeg) Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
Foto de la tercera plana (pesca-azul.jpg) A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade. Villaverde trasladará que Galicia afronta este debate desde unha posición singular pola dimensión e diversidade do seu complexo mar-industria, cunha extensa frota de baixura e pequena escala, unha importante presenza da altura e gran altura, unha industria transformadora e conserveira de referencia e unha acuicultura cun destacado peso na produción comunitaria.

Notas

Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
A campaña de escavación arqueolóxica realizada este verán na Cova do Santo e na Pala da Zorra, no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá, Ourense), permitiu obter novos datos sobre a ocupación e a historia destas cavidades ao longo da Prehistoria e confirma que conservan un rexistro de gran valor para coñecer tanto as comunidades humanas da Prehistoria como e as paisaxes que ocuparon este territorio miles de anos atrás. Os traballos dan continuidade ás investigacións iniciadas en 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES