Noticias

Un proxecto internacional busca revitalizar o turismo sostible en diferentes rexións europeas, entre elas Galicia

Buscar estratexias capaces de reactivar e pór en valor o turismo sostible en diferentes rexións europeas, entre elas Galicia. Este é o obxectivo co que esta semana se está a celebrar na cidade italiana de Palermo o proxecto internacional Ecotours, liderado desde Italia e no que a Universidade de Vigo é única representante española. Participan sete socios procedentes de Italia, Grecia, Francia, Chipre, Hungría e España, entidades de moi distintos perfís que ao longo dos tres vindeiros anos traballarán de maneira conxunta na consecución dun obxectivo común.

'Crear un valor adicional ao turista que se achegue a estas rexións, neste caso ás nosas terras galegas, ofrecéndolles ás empresas do sector turístico formación en turismo circular, mentorización para innovar e creación de itinerarios de turismo circular', explica a profesora da Facultade de Comercio Pilar Muñoz, coordinadora xeral do proxecto na UVigo, quen adianta que desde Ecotours se planificarán unha gran variedade de actividades que terán as pequenas empresas turísticas como grandes protagonistas.

Financiado con preto de 1,2 millóns de euros polo programa COSME

Financiado con preto de 1,2 millóns de euros polo programa COSME, Competitividade das Empresas e para Pequenas e Medianas Empresas, o proxecto tratará de pór sobre a mesa novas alternativas que melloren o valor empresarial da rexión de Sicilia, en Italia; Macedonia occidental, en Grecia; Córcega, en Francia; Nicosia, en Chipre; o Condado de Csongrád-Csanád, en Hungria, e Galicia, en España. “Todas estas localizacións teñen unha ampla traxectoria no desenvolvemento turístico pero, ao igual que aconteceu en Galicia, a pandemia provocou unha presión sen precedentes no sistema produtivo que debilitou o tecido empresarial en xeral e o turístico en particular, especialmente ás Pemes”, explica a coordinadora española do proxecto, facendo así fincapé na importancia de buscar novas estratexias capaces de revitalizar estas rexións.

Na procura dunha nova oferta turística máis sensible coa contorna

O turismo representa unha parte moi importante da actividade económica e do emprego en Galicia (aloxamentos, restaurantes, axencias de viaxe..., pero tamén provedores de oferta turística complementaria como empresas doutros sectores interrelacionados), múltiples empresas nas que a pandemia da covid provocou unha presión sen precentes. Con Ecotours, Empowering local communities turning them into laboratories for co-development of circular and sustainable tourism ecosystems, buscarase mellorar a capacidade das Pemes do eido turístico para que os ecosistemas empresariais asuman as prácticas e os principios do turismo circular na súa actividade comercial e produtiva, “de maneira que acaden unha maior competitividade nun campo, como é a sustentabilidade, que nos vindeiros anos influirá máis na toma de decisións dos clientes turísticos”.

Entre as iniciativas que tratarán de pór en marcha salientan unha gran variedade de actividades coas Pemes turísticas dirixidas, sobre todo, a crear novas capacidades de xestión para competir en mercados internacionais, acompañamento na formación, definición e establecemento de estratexias de turismo circular, formación en ferramentas de medición da súa actividade, creación de certificados de boas prácticas, etc. “Para isto na UVigo contamos cun grupo interdisciplinario de, aproximadamente, unha decena de investigadores dos campus de Vigo e Ourense que enriquecen o achegamento ao problema amosando solucións innovadoras para ter un turismo máis sostible”, salienta Muñoz, integrante do grupo de investigación OE7 de Organización do Coñecemento, un equipo interdisciplinario no que participan investigadores e investigadoras da área de Matemáticas, Estatística, Dereito, Organización de Empresas e Marketing e Finanzas, “o que vai permitir detectar as necesidades e solucións dunha maneira máis ampla”.

Como punto forte deste proxecto, Muñoz destaca que permitirá asociar o desenvolvemento económico co turismo sostible, o que pode supor un bo punto de partida para diferenciar a oferta europea fronte a outras localizacións internacionais. Neste sentido, destaca que a evolución cara unha economía circular pode ofrecer novas oportunidades de desenvolvemento empresarial, tanto ás Pemes como a outros sectores interrelacionados co turismo como son a agricultura, a pesca, a cultura e as artes. “A proposta de experiencias turísticas que integren actividades tradicionais con escasa pegada medioambiental axudará a mellorar non só a satisfacción dos clientes, senón a valorizar a cultura inmaterial, ademais de favorecer a renovación da oferta empresarial integrando unha maior sensibilidade coa contorna”, recalca Muñoz.

“Unha oportunidade de poder transferir o noso coñecemento ás Pemes da contorna”

A participación da Universidade de Vigo en Ecotours xurde a partir dunha relación previa e convite feito polo coordinador do proxecto, a empresa italiana sen ánimo de lucro PRISM. Esta empresa, con sede en Palermo, ten como misión impulsar a igualdade de oportunidades para o progreso sostible das sociedades, comunidades e persoas, actuando como un axente de desenvolvemento cualificado, unha misión coa que os integrantes do grupo de investigación OE7 da UVigo concordan amplamente. “Neste caso concreto, dadas as características de emprego desta industria, existen moitos traballadores de grupos especialmente vulnerables pola natureza estacional do turismo”, recalca a investigadora viguesa, ao que engade que existe unha “inquedanza compartida” por traballar conxuntamente nese desafío de mellorar as oportunidades para as comunidades locais e rurais co seu conseguinte efecto multiplicador na economía.

Independentemente do recoñecemento do papel desenvolvido neste ámbito, participar neste proxecto supón para este equipo de investigación da UVigo “unha nova oportunidade de poder transferir o noso coñecemento ás Pemes que nos rodean, que son o público obxectivo das accións COSME, como é o caso”. Ao mesmo tempo, tal e como destacan as dúas participantes viguesas nesta xuntanza en Palermo, é tamén unha grande oportunidade de compartir este reto co resto de socios europeos, “o que enrique aínda máis o noso labor”.

R., 2023-02-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival.jpg) O ciclo xa ofreceu xa en marzo e abril as actuacións de Andhrea & The Black Cats na Pecera de Vigo e na Pousada da Galiza Imaxinaria, de Sabela King & The Heartbreakers e The Lakazans en La Room, de Ferrol, e continuará mañá venres 22 de maio co concerto de Berlai na sala boirense. A programación seguirá o 30 de maio con Habelas Hainas, na sala Guión de Pontedeume; o 13 de xuño con Cachas & Cousins, no Club Clavicémbalo, de Lugo; o 1 de agosto con Habelas Hainas, na Arca da Noe, de Vilar de Santos; o 11 de setembro con Sacha na Horta, no Club Clavicémbalo; o 10 de outubro con Blues do País e O Sindicato da Verbena, na Arca da Noe; o 24 de outubro con The Lakazans e o 28 de novembro con Habelas Hainas, estas dúas últimas no Pub Gatos, de Melide.
Foto de la tercera plana (lobo-galicia.jpg) A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, denunciou hoxe que o Goberno central está a comprometer a viabilidade das explotacións gandeiras coa súa postura sobre a protección do lobo. Durante unha visita que realizou esta mañá en Vilalba a unha explotación gandeira en extensivo que sufriu varios ataques de lobo, a conselleira explicou que o sector gandeiro está a sufrir as consecuencias do empeño do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico en que o estado de conservación desta especie sexa desfavorable ao contrario do que reflicten os datos oficiais.

Notas

Promovida polo Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, un equipo de investigadores e investigadoras da UVigo inicia estes días en Ons unha nova campaña arqueolóxica no castro do Castelo dos Mouros. As escavacións, que se desenvolverán ao longo de catro semanas, céntranse en dúas áreas que foron obxecto de sondaxes arqueolóxicas na campaña realizada o pasado ano, co propósito de obter novos datos.
A UDC, a través do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil, participa no proxecto europeo TiBeRIUM, unha iniciativa financiada pola Comisión Europea destinada a impulsar novas capacidades tecnolóxicas e estratéxicas para o fortalecemento da defensa europea. O proxecto, concedido pola Comisión Europea en xaneiro deste ano, celebrou esta semana a súa Kick-off Meeting.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES