Noticias

41 entidades galegas están adheridas á Alianza polo Clima, e Galicia é membro activo da misión de adaptación da UE

Galicia avanza na loita contra o cambio climático con 41 entidades adheridas xa á Alianza polo Clima e como membro activo da Misión de Adaptación da Unión Europea. Á Alianza Galega polo Clima xa se uniron universidades, autoridades portuarias, clubes deportivos, empresas e outras entidades, o que pon á nosa comunidade na vangarda fronte ao quecemento global e as súas consecuencias. Esta Alianza supón asumir as liñas estratéxicas marcadas polo Goberno galego nesta materia e unha serie de deberes como establecer accións dirixidas á adaptación ou mitigación do cambio climático en Galicia.

Galicia avanza na loita contra o cambio climático con 41 entidades adheridas xa á Alianza polo Clima e como membro activo da Misión de Adaptación da Unión Europea, segundo puxo en valor hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a sinatura do convenio de adhesión de Congalsa á iniciativa impulsada pola Xunta.

Logo de salientar que á Alianza Galega polo Clima xa se uniron universidades, autoridades portuarias, clubes deportivos, empresas e outras entidades, Ángeles Vázquez incidiu en que o apoio de Congalsa suporá un “avance moi importante” para poñer á Comunidade na vangarda fronte ao quecemento global e as súas consecuencias.

Como lembrou a conselleira, esta Alianza supón asumir as liñas estratéxicas marcadas polo Goberno galego nesta materia e unha serie de deberes como establecer accións dirixidas á adaptación ou mitigación do cambio climático en Galicia; fomentar o intercambio de información científica, tecnolóxica, socioeconómica ou xurídica sobre este tema; promover e apoiar a investigación vinculada ao clima, e acelerar o desenvolvemento e a difusión de tecnoloxía para a transición cara a sistemas de enerxía de baixas emisións.

Nesa liña, como incidiu a conselleira, hai moitas maneiras de contribuír a frear o cambio climático, como fan as industrias, que modifican o seus sistemas de produción para facelos máis eficientes e sostibles, ou as universidades, que investigan e deseñan sistemas para favorecer que esa produción sexa respectuosa co medio ambiente.

E engadiu que “o fan as empresas que optan por produtos máis sostibles e ecolóxicos”, como é o caso de Congalsa, unha das compañías de alimentación líderes do mercado con presencia comercial en países de catro continentes, que pechou 2021 cunha facturación de 113 millóns de euros e mobilizou un total de 26 millóns de quilos de produtos das súas diferentes gamas.

Ademais, é consciente da necesidade de rexenerar o estado natural do territorio e o medio mariño así como do impacto que as cuestións vinculadas ao cambio climático poden ter na organización a curto, medio e longo prazo. De feito, entre outras cuestións, contan cun equipo propio para traballar no seguimento e avaliación dos obxectivos ambientais da empresa e fomentan a transición cara a un modelo de economía circular a través da reciclaxe e unha adecuada xestión enerxética e da auga.

Misión de Adaptación ao Cambio Climático da Unión Europea

A conselleira tamén puxo en valor o traballo que está a desenvolver a Comunidade no marco da Misión de Adaptación ao Cambio Climático da Unión Europea, cuxo obxectivo é apoiar ás comunidades para acelerar a súa transformación cara á resiliencia climática, prestándolles axuda para comprender, prepararse e xestionar mellor os riscos introducidos por este fenómeno.

Cómpre lembrar que Galicia foi seleccionada para participar nesta iniciativa o pasado mes de setembro, o que supón unha extraordinaria oportunidade para compartir experiencias e aproveitar sinerxías xunto con outras rexións.

De feito, a semana pasada unha delegación galega compartiu en Bruxelas proxectos e experiencias innovadoras con representantes de diferentes rexións europeas no obxectivo de impulsar os esforzos de adaptación a través da participación da cidadanía no proceso de toma de decisións e do estímulo de investimentos públicos e privados.

R., 2023-02-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (premiso-rse-galicia-2026.jpeg) Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
Foto de la tercera plana (pesca-azul.jpg) A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade. Villaverde trasladará que Galicia afronta este debate desde unha posición singular pola dimensión e diversidade do seu complexo mar-industria, cunha extensa frota de baixura e pequena escala, unha importante presenza da altura e gran altura, unha industria transformadora e conserveira de referencia e unha acuicultura cun destacado peso na produción comunitaria.

Notas

Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
A campaña de escavación arqueolóxica realizada este verán na Cova do Santo e na Pala da Zorra, no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá, Ourense), permitiu obter novos datos sobre a ocupación e a historia destas cavidades ao longo da Prehistoria e confirma que conservan un rexistro de gran valor para coñecer tanto as comunidades humanas da Prehistoria como e as paisaxes que ocuparon este territorio miles de anos atrás. Os traballos dan continuidade ás investigacións iniciadas en 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES