Noticias

Máis do 97% dos concellos galegos conta con sede electrónica

A dispoñibilidade de sede electrónica nos concellos de Galicia continúa á alza. Nos últimos 4 anos, os municipios con este servizo incrementáronse nun 22,7%. En 2021 a práctica totalidade (97,3%) dos concellos galegos xa dispoñen dunha sede electrónica fronte ao 79,3% do ano 2017. Son datos recollidos no informe bianual 'Estatística da administración dixital nos concellos galegos', que publica hoxe o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e que rexistra datos de 2021.

En 2021 a práctica totalidade dos concellos con sede electrónica contan con rexistro electrónico (99,6%). Respecto do ano 2019, incrementáronse a maioría dos servizos dispoñibles nas sedes electrónicas municipais, especialmente as “comunicacións administrativas entre a entidade e os cidadáns e outras AAPP” que experimentaron un crecemento 11,1%, ou a “disposición de formularios electrónicos de inicio de trámites”, que tivo un crecemento do 7,3% nos últimos dous anos.
 
No 2021 os concellos galegos que contan cun catálogo de procedementos dispoñibles a través de internet, acadaron o 66,4%.
 
Vantaxes da Administración electrónica

Grazas á dixitalización, nos últimos dous anos, o 29% dos concellos suprimiu obrigas de achegar algunha documentación (DNI, certificación de obrigacións tributarias, familia numerosa, discapacidade, inscrición en rexistros, etc.).
 
Ademais, durante o 2021 un 51,1% dos concellos substituíu por declaracións responsables algúns dos documentos que había que achegar (certificación de conta bancaria, poderes de representación, etc.).
 
Comunicación e participación da cidadanía

O correo electrónico é a canle de comunicación máis empregada nos concellos galegos cun 98%. Por outra banda, incrementouse o emprego das redes sociais con Facebook á cabeza, cunha porcentaxe de uso do 84,8%, seguida de Instagram cun 37% e de Youtube cun 34,3%.
 
No 2021 a acción máis común de participación coa cidadanía foi a posibilidade de realizar queixas e suxestións dende a web, presente nun 56,9% de concellos.
 
Entre 2019 e 2021 a porcentaxe de concellos con portal de transparencia creceu case un 9%, rozando o 95%.
 
Equipamentos, aplicacións e teletraballo

No ano 2021 avanza a dixitalización dos procedementos máis comúns. As aplicacións con maior presenza nos concellos galegos son: o “Padrón de habitantes” (100%), a de “Contabilidade” (98,8%) e a de “Rexistro da entidade” (98,5%). A aplicación con maior crecemento nos últimos dous anos foi a “Xestión on line de Plenos” que no 2021 obtén un 24,4% o que supón un crecemento do 84,8% respecto ao 2019.
 
Só un 4,2% dos concellos sufriron un incidente de ciberseguridade no ano 2021, sendo os concellos de máis de 50 mil habitantes os que máis incidentes sufriron.
 
En canto ao uso das tecnoloxías disruptivas nos concellos galegos, o 17,6% dispoñen de servizos de Cloud Computing e preto do 21% de sistemas IoT aplicados a medidores intelixentes, control e xestión do alumeado público ou do rego e subministro da auga.
 
Con respecto ao teletraballo no ano 2021, o 69,8% dos concellos galegos contaban con empregados e empregadas que traballaban de xeito telemático.

R., 2022-12-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES