
A directora anunciou durante a súa comparecencia que onte se publicou unha nova licitación do Polo Aeroespacial de Galicia para a contratación de sistemas e ferramentas 5G e ciberseguridade para o Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), que estará aberta á presentación de propostas ata o 13 de decembro. Destinaranse 2M para implantar no CIAR un laboratorio 5G que permitirá ensaiar solucións para vehículos aéreos non tripulados baseado na conectividade desta tecnoloxía; e 1,98M para o desenvolvemento de sistemas de ciberseguridade que poidan ser empregados en futuros ensaios de aeronaves como parte do sistema de seguridade en voos.
Sinalou tamén que o Centro de Investigación Aeroportada de Rozas leva Galicia á primeira liña de vangarda en infraestruturas e indicou que así o testemuñan proxectos europeos como AMU-LED e COMP4DRONES, que atraeron ao centro a 66 empresas e centros tecnolóxicos de máis de 15 países.
Argerey puxo en valor na súa intervención que Galicia conta cun sector sólido, que seguirá crecendo nos próximos anos. Indicou tamén que a recente sinatura dos contratos cos socios estratéxicos do Polo Aeroespacial de Galicia ata o ano 2026 é un dos principais fitos da nova folla de ruta e explicou que Airbus, Babcock e Telespazio darán continuidade ao traballo iniciado por outras compañías tamén referentes, como Indra e Boeing, e que a súa presenza suporá unha oportunidade sen precedentes para todas as empresas tecnolóxicas e industriais galegas.
Destacou ademais que o Polo Aeroespacial de Galicia é unha iniciativa cunha gran capacidade transformadora e que conta cunha estratexia de crecemento e consolidación con compromisos certos ata 2026; e valorou que as consellería do Mar, Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e do Medio Rural xa están a utilizar sistemas non tripulados nas súas operativas diarias e que o impacto da incorporación destas solucións supón un antes e un despois na prestación dos servizos públicos.
Galicia marcará a axenda
Tal e como informou a directora da Axencia Galega de Innovación, a Xunta está a traballar para que Galicia marque a axenda de futuro do segmento dos vehículos non tripulados con tecnoloxías e solucións que van supoñer grandes avances para a cidadanía e para todo o sector como unha plataforma pioneira que permitirá cubrir todo tipo de operacións civís cun mesmo dron, sistemas de reducido impacto ambiental, plataformas certificadas e, polo tanto, seguras para diferentes misións, tecnoloxías que servirán para impulsar o mercado dos sistemas non tripulados ou un sistema integral de observación e monitorización da biodiversidade a partir de datos capturados mediante sistemas non tripulados mariños e aéreos que será exportable para o seu uso por parte da comunidade científica, empresas e administracións de todo o mundo.
No relativo á selección de novos socios estratéxicos do Polo Aeroespacial de Galicia explicou que os innovadores instrumentos desenvolvidos pola Xunta para a licitación de Compra Pública Precomercial permitiron incorporar financiamento adicional do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR), como o devandito Plan Complementario de Biodiversidade.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.