
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello aprobou na súa reunión desta mañá a primeira normativa galega de vivendas colaborativas, o modelo de convivencia denominado Cohousing. Trátase dunha normativa que regula e define as condicións materiais, arquitectónicas e de persoal en que desenvolverá esta nova tipoloxía de recurso que permite a un grupo de persoas maiores vivir nun mesmo lugar de xeito autónomo e compartir servizos, explicou.
Rueda destacou que o cohousing ou vivenda colaborativa é un modelo de convivencia que conta cunha ampla traxectoria noutros países como os nórdicos. A regulación que agora aproba a Xunta permite, subliñou, dar resposta a unha demanda da sociedade que esixe un novo modelo de coidados que atenda ás necesidades e preferencia das persoas maiores. Porque o obxectivo, como resaltou o presidente, é impulsar medidas para que os maiores poidan ter unha vida autónoma e libre.
Entre as condicións e requisitos que se establecen nesta normativa atópase que as instalacións poderán albergar un máximo de 150 persoas cunha idade igual ou superior aos 55 anos. Ademais, os centros contarán con espazos privados conformados por un cuarto, baño, cociña, salón e rochoasí como zonas de uso común.
Así mesmo, tamén se prevé unha sala ou espazo de atención sociosanitaria para a asistencia de persoas que requiran coidados. Ademais, estes centros deberán contar cun plan de organización de servizos e actividades comúns. No caso de haber persoas dependentes, estas poderán ser atendidas mediante un servizo ou axuda pública ou a través de profesionais vinculados ao centro.
Este tipo de recurso, que conta cunha ampla traxectoria nos países nórdicos, xerou un importante interese social en Galicia durante os últimos tempos.
Servizos de proximidade
O Goberno galego reforza a súa aposta por aqueles servizos de proximidade que lles permitan ás persoas maiores decidir onde e como vivir esta etapa das súas vidas. Neste sentido, destaca o reforzo do Servizo de Axuda no Fogar, que leva coidados profesionais aos domicilios das persoas maiores e no cal Galicia é líder a nivel nacional con máis de 25.000 usuarios.
Outros programas que perseguen este mesmo obxectivo son o impulso de máis dun cento de casas do maior; o programa Coidados porta a porta, que percorre todo o territorio galego ofrecendo servizos gratuítos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria; o Xantar na casa, que leva menús sans e equilibrados aos fogares de 1800 maiores, ou a teleasistencia, que ofrece un apoio tecnolóxico para recibir atención inmediata en caso de emerxencia.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.