Noticias

Falece aos 90 anos Saleta Goy, viúva do escritor Manuel María

No serán do sábado, faleceu na cidade da Coruña, Saleta Goy, a viúva do escritor Manuel María e Presidenta da Fundación que acolle o legado do poeta na Casa-Museo Manuel María en Outeiro de Rei (Lugo). Os seus restos serán velados no tanatorio de Servisa da Coruña e o luns realizarase na Casa-Museo en Outeiro de Rei, unha despedida civil, ás 17 hrs, previo a recibiren sepultura, ás 18 hrs, no cemiterio de San Xoán de Outeiro de Rei. Os seus restos repousarán xunto aos do escritor Manuel María falecido no ano 2004, con quen compartiu 45 anos de vida e de intensa actividade cultural. Saleta Goy García cumpriu 90 anos o 6 de xuño e vivía na cidade da Coruña desde que en 1998 se trasladou alí, xunto a Manuel María, cando chegou á idade de xubilación.

Noticia Saleta e Manuel María coñecéronse no ano 1957 e casaron dous anos máis tarde pasando a residir en Monforte de Lemos onde o escritor exercía como procurador dos tribunais. Foron eses momentos primeiros de dificultades económicas que obrigaron ao escritor a compatibilizar o seu traballo de procurador coas clases nunha academia de ensino e as colaboracións xornalísticas. A pesar diso, Manuel María vai renunciar ao traballo de director de “La Voz de Vigo” por esixírselle a afiliación á Falanxe.

Desde o ano 1970 Saleta vai rexentar en Monforte a libraría Xistral que o matrimonio decidira abrir como un xeito de dinamización cultural e de obter os medios económicos imprescindíbeis para que o escritor conservase a súa plena independencia creativa. Foi aquel un lugar habitual de encontro de escritores e intelectuais, tanto galegos como de fóra, e un importante foco de difusión da literatura galega. A esa altura Saleta e Manuel xa tiñan un claro compromiso nacionalista o que acentuou máis a represión exercida sobre eles polo réxime fascista. Non só se viu censurada a obra literaria do escritor e prohibidos os seus recitais e conferencias, senón que a represión cebouse sobre as súas propias persoas con multas cuantiosas, vixilancia domiciliaria permanente e detencións arbitrarias.

Mais a represión non logrou que Saleta e Manuel María renunciasen ás súas conviccións nin cesasen en ningún momento na súa loita contra a ditadura franquista e en favor dos dereitos políticos de Galiza e, sobre todo, no traballo pola recuperación de usos para a lingua galega e polo dereito a vivir dignamente na propia Terra en paz e harmonía cos demais pobos do mundo.

Despois do falecemento de Manuel María no ano 2004, Saleta Goy, acompañada dun grupo de amizades e de persoas que compartían o proxecto, creou a Fundación Manuel María de Estudos Galegos co fin de adquirir a casa natal do escritor, coñecida como Casa de Hortas, e convertela en Casa-Museo para dar así acollida ao conxunto do legado do poeta chairego. A Fundación presidida pola propia Saleta, creouse no ano 2007 e a Casa-Museo inaugurouse no ano 2013 despois de ser remodelada convenientemente para a nova función. Alí deposítase e móstrase ao público en xeral e a escolares todo o legado do escritor e promóvese a difusión da súa obra literaria mediante publicacións, certames de teatro para compañías profesionais, certames de composicións musicais arredor da obra do escritor, concursos de recitado poético e de videopoemas, ademais da actividade semanal que vai máis aló da figura do escritor. A Fundación, con Saleta ao fronte, non só concibiu a Casa-Museo Manuel María como unha homenaxe permanente ao escritor senón que a converteu nunha casa da memoria, dentro da batalla contra o esquecemento ou da loita por rescatar aquilo que lle sigue sendo útil e funcional á sociedade galega. O Padroado da Fundación acordou realizar na súa sede -a Casa-Museo Manuel María- un acto civil de homenaxe de despedida.

R., 2022-09-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES