Noticias

Novo programa do Bono Alugueiro Mocidade, que se poderá solicitar por medios electrónios

A Xunta ven de publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do novo Programa do bono alugueiro mocidade e se procede á súa convocatoria para o ano 2022. Estas subvencións, que se concederán por un período de 2 anos e cun importe de 250 euros —sempre que non supere a contía da renda mensual—, están dirixidas a persoas de entre 18 e 35 anos que teñan a súa residencia habitual nunha vivenda ou habitación en réxime de alugamento ou de cesión de uso.

De igual xeito, deberán acreditar que dispoñen dunha fonte regular de ingresos e estes non poderán superar 3 veces o Iprem, é dicir, 24.318,84 euros anuais.

A partir deste venres, as persoas que reúnan os requisitos económicos, de idade e todos os que se recollen na propia convocatoria poderán solicitar esta subvención, un trámite que terán que facer, obrigatoria e necesariamente, por medios electrónicos.

Para isto, os interesados deberán presentar o correspondente formulario de solicitude na sede electrónica da Xunta, realizar unha serie de declaracións responsables —oito en total— así como cumprimentar os anexos correspondentes.

A maiores, os solicitantes do bono terán que achegar pola mesma vía a seguinte documentación complementaria:

· Contrato de alugamento da vivenda ou de habitación ou contrato de cesión de uso.

· Referencia catastral do inmoble, se non figura no contrato.

· Documento asinado polo arrendador no que conste o importe da renda ou prezo de cesión individualizado, no caso de que se inclúan gastos de comunidade e/ou anexos, cuxo importe non estivese desagregado.

· Certificado ou volante de empadroamento colectivo no que consten as persoas que teñen o seu domicilio habitual na vivenda en cuestión; ou ben certificado individual, se na vivenda reside unicamente o solicitante.

· Documentación xustificativa da fonte regular de ingresos da persoa solicitante.

Así mesmo, no caso de que o solicitante teña dereito ao recoñecemento da axuda con carácter retroactivo —desde a data de sinatura do contrato de alugueiro ou cesión, pero nunca con efectos anteriores ao 1 de xaneiro de 2022— tamén deberán presentar estrato ou certificado bancario que acredite o pagamento da renda nas mensualidades anteriores á solicitude, e no caso de que o pago íntegro fose realizado por unha única persoa en nome das restantes, un escrito de conformidade dos outros arrendatarios.

Por último, se o solicitante aínda non ten asinado ningún contrato pero está en condicións de subscribilo, tamén poderá pedir o bono alugueiro mocidade e optar á súa concesión nas mesmas condicións.

Para isto, deberá achegar xunto coa súa solicitude electrónica un compromiso, asinado por arrendador e arrendatario ou arrendatarios, da formalización dun contrato de alugamento ou cesión de uso no que se faga constar o importe da renda ou do prezo da cesión individualizado; o concello no que se localiza a vivenda; a referencia catastral do inmoble; as persoas arrendatarias que subscribirán o futuro contrato; e a data a partir da cal terá efectos económicos.

R., 2022-06-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES