
En concreto, dentro das combinacións máis favorables, observan que illar por completo ao grupo dos máis novos (entre 0 e 19 anos) xunto cos de máis idade e, polo tanto, máis vulnerables (de 70 anos en adiante) provocaría unha redución global do impacto da pandemia maior do que resulta de illar por completo cada municipio.
O artigo Assessing the risk of pandemic outbreaks across municipalities with mathematical descriptors based on age and mobility restrictions, publicado na revista Chaos, Solitons and Fractals, está asinado polos investigadores Alejandro Carballosa, Pablo Boullosa, Adrián Garea, Jorge Mira e Alberto Pérez Muñuzuri, da Facultade de Física, e José Balsa Barreiro e Ángel Miramontes da Facultade de Xeografía e Historia. Entre outras achegas, o traballo permite detectar as zonas xeográficas máis febles ante pandemias e que, polo tanto, poderían requirir reforzo de apoio médico.
Novo tipo de confinamento
O equipo analizou a incidencia do virus en combinación cos fluxos de mobilidade durante a denominada segunda vaga, do 1 de agosto ao 30 de novembro de 2020. Unha vez validado o modelo, consideraron diferentes escenarios de confinamento e contención destinados a controlar a propagación do virus. As simulacións realizadas suxiren que o confinamento das persoas economicamente inactivas poden xerar unha redución significativa do risco, explican. Os resultados deste tipo de medida serían, tal e como os autores subliñan nas conclusións do artigo, equivalentes aos do confinamento total da poboación.
Os investigadores recrearon o mapa da poboación en España a nivel municipal e estudaron os datos da incidencia da COVID-19, axustando o seu modelo matemático ás curvas de infectados de cada municipio. Xuntando isto cos fluxos de movementos intermunicipais, simularon a evolución da pandemia ao longo do Estado contemplando distintos escenarios posibles. Analizaron tamén as mellores estratexias para o control da pandemia, considerando tanto illamentos a nivel territorial (por municipios, provincias e comunidades autónomas) como illlamentos por grupos de idade (de 0 a 19 anos, de 20 a 39, de 40 a 69 e de 70 anos en adiante).
Trátase dun modelo multicapa, explican os investigadores, no que ademais de abordar os datos específicos da pandemia, poden engadirse características especiais da xeografía dun lugar (rede de estradas, comunicación ou mobilidade poboacional) e que tamén permite a estratificación por idades. Deste xeito, esta ferramenta pode erixirse en peza clave na toma de decisións por parte das autoridades sanitarias xa que este método pode axudar a escoller aquelas medidas que sexan o menos prexudiciais para a cidadanía no seu conxunto, explican os investigadores.
Este estudo desenvolveuse no marco do proxecto 'Predico' sobre modelos de predición dinámica sobre escenarios de afectación por COVID-19 a curto e medio prazo, que recibiu financiamento por parte do Instituto de Salud Carlos III (ISCIII).
Os últimos concertos de Atardecer no Gaiás do mes de xullo traen unha das bandas galegas de rock máis internacionais do momento: Bala. O dúo coruñés actuará o xoves 23 de xullo, logo de ter pasado por escenarios e festivais de toda España, Reino Unido, Australia, Estados Unidos e Xapón. A actuación será ás 21,00 horas na Praza central da Cidade da Cultura, con acceso libre e gratuíto. Con catro discos e un directo explosivo, Ánxela Baltar e Violeta Mosquera farán un repaso dos temas cos que deron forma a unha identidade única na escena. Guitarra, batería e voz son suficientes para lanzar disparos sonoros que lembran ao rock intenso dos 90 con influencias que van desde o stoner, ao hardcore e o punk.
Serán 33 os expedientes que serán avaliados nesta sesión co fin de acadar o máximo recoñecemento patrimonial por parte da Unesco. Esta valoración farase ao longo das xornadas do venres, do sábado, do domingo e do luns. A programación rematará o mércores 29 coa aprobación do informe final, a adopción de decisións e a clausura oficial do Comité. A previsión é que a resolución sobre a candidatura galega se coñeza 'entre o domingo 26 e o luns 27'. Cómpre lembrar que este encontro se leva a cabo na cidade de Busán, onde o expediente será analizado por 21 embaixadores de Estados membros, entre eles Armenia, Acerbaixán, Bangladesh, Chequia, Granada, Xamaica, Kazakistán, Kenia, Kuwait, Líbano, Mongolia ou Perú.