Noticias

A Xunta marca como obxectivo para este ano que o 90% do persoal de Atención Primaria teña cita dispoñible en menos de 4 días

A Xunta de Galicia vén de facer público o contido dos sete acordos de xestión asinados este ano polo Sergas con cada unha das áreas sanitarias galegas. Dentro dos obxectivos fixados destacan os relacionados coa reforma e mellora da atención primaria. En particular, o primeiro destes obxectivos está directamente relacionado coa accesibilidade dos servizos deste nivel asistencial: márcase o obxectivo de que o 90% das cotas de persoal sanitario de atención primaria (medicina de familia, enfermaría ou pediatría) teñan cita dispoñible para o paciente en menos de 4 días.

Na actualidade, o 86% dos profesionais de primaria teñen cita dispoñible para os seus pacientes en menos de 4 días e o 66% en menos de dous, co que os acordos de xestión marcan o obxectivo de superar esta situación.

A Xunta de Galicia ten en marcha diversos instrumentos deseñados para desconxestionar as axendas dos profesionais. En coherencia, outros dos obxectivos marcados nos Acordos de Xestión son os de implantación destes instrumentos, que serán os que permitan poder acadar este obxectivo fundamental de accesibilidade. Así, fíxase que como mínimo o 90% dos servizos de Atención Primaria de cada área deberán ter implantado o sistema XIDE de xestión integral da demanda en equipo (que contribúe a distribuír a demanda entre os diferentes profesionais do servizo) ou as axendas de calidade para o persoal de medicina de familia e enfermaría, que contribúen a unha ordenación máis racional do seu tempo.

O reforzo da actividade administrativa nos centros tamén está recollido en obxectivos como a fixación dun 100% de servizos de atención primaria que deben ter unha axenda implantada para o seu persoal administrativo ou a fixación dun 95% de chamadas de usuarios devoltas no mesmo día, co uso do sistema CRM100 de xestión de chamadas que se está a despregar nos centros de saúde de toda Galicia.

Obxectivos asistenciais

En global, o cumprimento dos indicadores de carácter asistencial supón o 60% da avaliación dos resultados das áreas sanitarias segundo os Acordos de Xestión asinados.

Sen saír da atención primaria, tamén se marcan metas na atención ao paciente crónico fixando por exemplo que un 30% das citas programadas en medicina de familia e un 50% das citas de enfermaría sexan atención proactiva ao paciente crónico. Do mesmo xeito, tamén se fixan retos de extensión da atención domiciliaria e da implantación da plataforma de teleasistencia TELEA para atender a estes pacientes. Outros indicadores miden os resultados en saúde desta maior atención ao paciente crónico fixando obxectivos de porcentaxe máxima de reingresos hospitalarios nos pacientes con enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (EPOC) ou insuficiencia cardíaca, asumindo que o reforzo da atención a estes pacientes crónicos suporá a redución dos reingresos.

Tamén a coordinación entre niveis asistenciais terá retos para as áreas ao fixarse en 7 días o obxectivos de tempo máximo de resposta nas e-interconsultas entre profesionais de atención primaria e hospitalaria ou no impulso da teleasistencia tamén desde os servizos clínicos hospitalarios, o que reporta información na historia clínica compartida tamén aos profesionais de atención primaria.

No que ten a ver coa atención hospitalaria os principais obxectivos marcados son os relativos a mellorar os datos de lista de espera. A pesares de situarse Galicia en decembro de 2021 como a terceira comunidade autónoma con mellores datos de lista de agarda para acceder a unha intervención cirúrxica en todo o sistema sanitario español, cunha media de 77 días, o obxectivo do goberno galego é retornar aos resultados record obtidos no ano 2019 e, como primeiro paso, marca para 2022 uns obxectivos de redución axeitados ás circunstancias de cada área e que se atopan entre cinco e vinte días por debaixo da espera media de Galicia de 2021. Ningunha área deberá superar os 72 días.

Tamén no tempo medio de espera para primeiras consultas fíxase un reto de redución, neste caso de que ningunha área remate 2022 con máis de 50 días de espera media, fronte ao tempo medio de 56 días obtido a finais de 2021. Unha rebaixa mínima de 6 días que en varias áreas supera os 10, con compromisos de esperas medias inferiores aos 45 días.

Vacinación, cribados e saúde mental

En relación cos obxectivos de saúde pública, os acordos de xestión instan ás áreas sanitarias a acadar taxas superiores ao 75% de cobertura da vacina antigripal nos grupos de persoal sanitario e de persoas maiores de 65 anos, o que suporá mellorar os xa de por si bos resultados da campaña de vacinación contra a gripe de 2021 onde as taxas de cobertura deses grupos chegaron ao 69% e ao 74% respectivamente.

Tamén se marcan obxectivos de axilidade na resposta dun dos programas de saúde pública máis ambiciosos da Xunta: o programa de detección precoz do cancro colorrectal, estendido desde 2019 á totalidade das áreas sanitarias. Unha vez consolidada esta cobertura ao 100% da poboación galega, márcase agora o reto de asegurar en toda Galicia unha espera menor a 70 días para as colonoscopias derivadas deste programa.

Pola súa parte, o desenvolvemento do Plan de Saúde Mental de Galicia ten unha gran relevancia nestes acordos de xestión, fixándose para todas as áreas obxectivos nos grandes retos deste plan: o incremento da atención á saúde mental infanto-xuvenil, a axilidade na actuación en casos con risco de suicidio, a relación fluída coa atención primaria ou a humanización dos dispositivos de hospitalización psiquiátrica.

Finalmente, a Xunta de Galicia marca obxectivos que continúan as políticas de xestión marcadas desde hai anos como o aumento da prescrición de medicamentos xenéricos ou biosimilares ou a promoción das compras centralizadas.

R., 2022-05-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival.jpg) O porto da Coruña converterase este outono nun dos grandes espazos da música en directo en Galicia coa celebración da segunda edición de Son & Mar A Coruña. Entre o 18 de setembro e o 11 de outubro traerá á cidade máis de 30 artistas en 12 eventos repartidos ao longo de catro fins de semana, reforzando unha proposta que combina música, cultura e territorio. A principal novidade desta edición é precisamente o seu crecemento. Tras a boa acollida da estrea en 2025, Son & Mar A Coruña pasa de seis a 12 eventos, ampliando tamén a súa duración de dous a catro fins de semana consecutivos. Esta evolución reforza a vocación do ciclo de consolidarse como unha das novas citas musicais de referencia do calendario galego.
Foto de la tercera plana (medallas-ouro-galicia-2026.jpg) Unha das Medallas recae en Claudia Álvarez, empresaria arxentina de orixe galega, que preside o grupo Álvarez Argüelles Hoteles. Un negocio familiar que comezou en Mar del Plata e que conta con hoteis en distintos puntos de América. Outra das galardoadas é a fiscal xefa de Menores no cantón suízo de Argovia, Beatriz Gil, que mantén unha estreita colaboración co asociacionismo galego en Zúrich. A terceira Medalla homenaxea a Carla Angola, filla dunha ourensá exiliada tras a guerra civil española, e hoxe 'unha das xornalistas máis influentes de Venezuela'. A cuarta Medalla de Galicia é para a odontológa Camila Fernández, unha das profesionais máis relevantes no Brasil.

Notas

Un equipo internacional liderado desde Galicia polo grupo de Biotecnoloxía e Mellora Forestal da Misión Biolóxica de Galicia do CSIC e que contou coa participación do investigador da Facultade de Bioloxía Javier Sampedro conseguiu por primeira vez a edición xenética dun xene de susceptibilidade nunha especie forestal, o castiñeiro europeo (Castanea sativa), aplicando a tecnoloxía CRISPR/Cas9. No estudo colaboran tamén as Universidades de Turín e Politécnica de Madrid.
Un equipo do Instituto de Investigación en Física, Computación e Ciencia Aeroespacial (Ifcae) da Universidade de Vigo está a desenvolver un proxecto estatal centrado na simulación de sistemas cuánticos non lineais multidimensionais mediante redes neuronais informadas por física. Empregando intelixencia artificial, nel buscan atopar novas propiedades físicas en sistemas cuánticos e fotónicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES