
O conselleiro do Medio Rural, José González, asistirá esta tarde a unha das actividades programadas dentro do I Congreso Internacional de Innovación Spin Rural-Visionarios da terra, que se celebra ata o vindeiro venres no pazo de Xerlís, no municipio pontevedrés da Estrada.
Así, González estará, xunto coa directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, na cata de preguntas visionarias. Esta experiencia terá como protagonistas viños e augardentes galegos amparados por unha denominación de orixe (DO). Desta forma, representantes dos consellos reguladores dos viños de Monterrei, Ribeiro e Ribeira Sacra, así como da DO Augardentes e Licores de Galicia, exporán as principais características destas bebidas e serán sometidos a preguntas sorpresa. Ademais, farase unha cata especial centrada nun dos sentidos que non se empregan ao degustar unha bebida: o ouvido.
Neste evento, así como en todos os programadas dentro deste Spin Rural, participarán expertos en innovación de diferentes ámbitos, tanto da empresa privada como das administracións ou das universidades, así como os xa mencionados responsables de distintos consellos reguladores de produtos agroalimentarios galegos de calidade diferenciada. Como mestra de cerimonias actuará Helena Díez-Fuentes, experta presentadora e dinamizadora de eventos en directo, gran parte deles relacionados cos sectores da innovación, o investimento e a tecnoloxía.
Benvida
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, foi a encargada de dar esta mañá a benvida aos participantes nun evento que, tal como destacou, pretende fomentar a innovación no agro galego e contribuír, ao tempo, á difusión de diferentes proxectos que camiñan nesta liña. Trátase, así mesmo, de coñecer a experiencia de distintos expertos na materia, todo nun ambiente distendido e lúdico, que pretende facer o máis atractivas posible as xornadas de debate, remarcou.
Así, o programa deste Spin Rural, que ten un aforo limitado, inclúe charlas, mesas redondas, encontros de negocio e conversas entre especialistas, combinadas todas elas con degustacións de produtos galegos de calidade diferenciada e outras citas de carácter lúdico.
O evento pode seguirse, na súa integridade, en formato de realidade virtual mediante vídeos 360 en Youtube, no enlace https://www.youtube.com/watch?v=DYznLlozYbo. Trátase do primeiro congreso destas características que incorpora esta posibilidade. Asemade, tamén estará dispoñible nas redes sociais: en twitter e en Instagram, no enderezo @Spin_Rural.
Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.