Noticias

Galicia manterá as notas numéricas no ensino e reforzará as competencias lingüísticas, humanísticas, matemáticas e científicas en todas as etapas educativas

Galicia manterá as cualificacións numéricas para o alumnado en todos os cursos ao tempo que reforza as competencias lingüísticas, humanísticas, matemáticas e científicas nos currículos educativos para todas as etapas que se aplicarán a partir de setembro coa entrada en vigor da nova lei estatal. O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, deu conta das novidades, da estrutura e dos contidos curriculares da parte autonómica (Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato).

Segundo explicou, estes contidos foron deseñados “desde unha perspectiva técnica” e “baixo os principios irrenunciables de situar o alumno no centro de todas as decisións ao tempo que blindar o noso modelo propio de éxito avalado polos resultados e que se sostén sobre os piares da calidade, da equidade e da igualdade de oportunidades ”.

Nesta liña, os grupos de traballo docente realizaron as propostas baixo a premisa de non recortar contidos, manter o peso dos bloques lingüístico e matemático-científico ao longo das etapas así como ter en conta a transición entre etapas, pero, sobre todo, “tendo moi presente que a formación competencial do alumno é o centro de referencia do currículo en Galicia”, incidiu o conselleiro. Todo isto baixo os criterios de respecto ao marco normativo vixente, que os cambios sexan os menores posibles para os centros, para os alumnos e para as familias; que os currículos teñan unha estrutura clara e sinxela, e que haxa unha conexión entre os elementos.

Mentres segue a traballar na elaboración dos decretos que desenvolverán os currículos das distintas etapas, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade avanza a estrutura de cada un deles así como as materias a impartir co obxectivo de “dar certezas” á comunidade educativa, expresou o conselleiro. Deste xeito, os centros educativos poden comezar xa a planificar a organización interna dos seus horarios e a oferta, isto é “a súa arquitectura para o vindeiro curso”.

Certezas fronte á improvisación

Román Rodríguez lembrou que a “aplicación atropelada dunha mala lei a través do caos e da improvisación” dálle a razón sobre as advertencias de que se ía chegar ao inicio do vindeiro curso sen ter os decretos aprobados. “Isto obríganos á toma de decisións para que os centros conten con todas as garantías e certezas de planificación”, explicou.

Para atallar estas eivas e ofrecer seguridade aos centros educativos, a Consellería está traballando nunhas instrucións que clarifiquen a organización do vindeiro curso, xa que os equipos directivos terán que aplicar dúas leis simultaneamente, unha para os cursos pares (a actual LOMCE) e outra para os impares (a nova lei LOMLOE). Estas instrucións estarán á súa disposición ao longo do mes de maio, antes do inicio do período de matrícula de Secundaria.

A maiores, a Consellería está traballando en coordinación coa Amtega para a posta en marcha dunha aplicación informática na que se ofrecerá toda a información sobre os contidos dos currículos, e que tamén se espera pechar o próximo mes. Deste xeito, paralelamente a que continúen os trámites administrativos preceptivos, os centros poderán coñecer os contidos para que os docentes poidan ir deseñando a organización académica e as editoriais preparando os materiais de traballo.

Con estas medidas, a Xunta trata de minorar o impacto que a tardanza do Ministerio ten tanto a nivel organizativo (organización de horarios, planificación da xornada lectiva, optatividade...) e a nivel de contidos (a concreción dos currículos de cada unha das materias).

Román Rodríguez insiste en que “fronte aos 15 meses de demora do Ministerio, a Xunta está resolvendo en 15 días”, que é o tempo transcorrido desde o pasado día 6 de deste mes, cando o Ministerio publicou no BOE a parte estatal do currículo de Bacharelato.

Cualificacións numéricas

No que atinxe ás cualificacións, Román Rodríguez avanzou que en Galicia se van manter as notas numéricas como complementarias das cualificacións literais (isto é, insuficiente, suficiente, ben, notable e sobresaínte) que establece a nova lei LOMLOE.

A este respecto, o conselleiro explicou que Galicia “vai respectar a normativa básica do Estado” coas notas literais pero, a maiores, incorpórase tamén a cualificación numérica correspondente, como se fai ata o de agora. “Tómase esta decisión porque cremos que é fundamental que tanto o alumnado como as familias dispoñan da máxima información” e porque, sobre todo, “é necesario pór en valor o esforzo realizado polos alumnos”.

No que atinxe aos currículos propiamente ditos, o conselleiro fixo especial fincapé no reforzo das competencias básicas con “máis lingua, más humanidades, máis matemáticas e máis tecnoloxía”, con máis sesións docentes (por exemplo en Lingua galega e Lingua castelá en Primaria), coa implantación de materias específicas (Filosofía en Bacharelato, Tecnoloxía e Dixitalización ou Oratoria en ESO, entre outras) e con bloques específicos dentro das materias, especialmente un bloque de competencias STEM (Matemáticas, Ciencias e Tecnolóxia) en Ciencias Naturais en Primaria.

Educación Primaria

A etapa de Primaria mantén a carga e a distribución horaria de cinco sesións lectivas/día ata un total de 25 sesións semanais, pero cunha estrutura curricular cun reforzo significativo das linguas e das áreas STEM.

No que atinxe á área lingüística, en Galicia os nenos desta etapa a partir do próximo curso terán dúas horas más de linguas (unha en Lingua galega e literatura e outra en Lingua castelá e literatura) en 6º curso de Primaria, ata acadar as 24 sesións no conxunto da etapa.

Por outra banda, a parte galega do currículo de Primaria acomete unha reestruturación das Matemáticas que supón impulsar a área STEM a través das Ciencias Naturais. Isto é, réstanse dúas sesións no conxunto da etapa (concretamente unha menos en 5º EP e outra en 6º de EP) para a materia concreta de Matemáticas. Pero esta área vese reforzada de xeito significativo con tres sesións máis en Ciencias Naturais, onde se introduce un bloque completo de contidos STEM, de matemáticas, ciencia, tecnoloxía e dixitalización. Isto, segundo explicou o conselleiro, “vai acorde coas novas liñas pedagóxicas dun enfoque de aprendizaxe competencial por proxectos”, cunhas Ciencias Naturais “desde unha perspectiva aplicada de coñecementos matemáticos a situacións da vida real”.

Outra novidade é a introdución da nova materia Educación en valores cívicos e éticos, que marca o Estado, cunha carga horaria dunha sesión en 6º curso de Primaria.

A maiores, Galicia introduce como materia “espello” á Relixión o Proxecto competencial de centro. Nesta alternativa a Relixión (cunha carga dunha sesión/semana por curso) os centros traballarán cos alumnos o desenvolvemento de proxectos desde a súa fase inicial de idea, as intermedias de planificación e deseño e a fase final de presentación e exposición.

Educación Secundaria Obrigatoria

Ao igual que en Primaria, no deseño do currículo de ESO a Consellería tivo en conta o tránsito desde a etapa de Primaria e o mantemento da carga horaria de cada materia na medida do posible.

Precisamente atendendo a esta transición entre etapas, acométese a reordenación de Lingua galega e Literatura e Lingua castelá e literatura. Dúas sesións (unha de cada materia) que ata o de agora se impartían en 1º de ESO trasládanse a 6º curso de Primaria. Así pois, mantense a carga horaria total das áreas lingüísticas en todo o período do ensino obrigatorio.

Na área matemático-científica introdúcese como obrigatoria a nova materia Tecnoloxía e dixitalización, cunha carga lectiva de seis sesións/semanais a razón de tres sesións en 1º de ESO e outras tres en 2º curso.

E unha das novidades na etapa de ESO é a introdución de catro sesións de Libre disposición de centro a razón de dúas en 1º e outras dúas en 2º de ESO. Isto, en palabras de Román Rodríguez, atende á liña de “fomentar a autonomía dos centros”, que nos dous primeiros cursos da ESO van dispoñer de “certa marxe de manobra para empregar unha parte do tempo en reforzar aquelas áreas que consideren máis necesarias”.

No que atinxe ás materias optativas, a maiores do bloque do marco estatal, os alumnos poderán cursar unha optativa autonómica en 3º de ESO e outra en 4º de ESO cunha carga lectiva de tres sesións/semana a elixir entre 2ª Lingua estranxeira, Cultura Clásica, Educación Dixital e Oratoria (para 3º curso) e Filosofía, Cultura Clásica ou Oratoria (en 4º curso).

Román Rodríguez explicou que neste bloque, que é onde a Consellería ten marxe para poder deseñar unha proposta propia, a Xunta optou por traballar a capacidade de análise e pensamento crítico dos estudantes a través da oferta de Filosofía “fronte ao esquecemento do Goberno do Estado, que incumpre os seus propios compromisos ratificados no Congreso dos Deputados”, en alusión ao acordo asinado en 2018 para reforzar as ensinanzas de Filosofía e Ética no sistema educativo español.

Bacharelato

En Bacharelato, o currículo estatal establece catro modalidades de Bacharelato que son o de Ciencias e Tecnoloxía, o de Humanidades e Ciencias Sociais, o de Artes (cunha vía de Plásticas, Imaxe e Deseño e outra de Música e Artes Escénicas), e o Xeral (de nova implantación). Todos eles contan cunhas materias comúns, unhas específicas de modalidade e materias optativas que, ao igual que en ESO, é onde as autonomías dispoñen de máis marxe para completar contidos.

Atendendo a esta estrutura, en Galicia deseñouse unha optativa de catro sesións/semana co fin de “procurar unha formación máis competencial e especializada co fin de xerar itinerarios formativos potentes e vertebrados ”dentro dun abano de propostas cuxos contidos se están pechando, aínda que xa están deseñados os títulos das materias, como salientou o conselleiro. Ademais, confirmou a incorporación de contidos anteriores a 1812 na materia de Historia de España.

Así mesmo, en 1º curso de Bacharelato refórzase Educación Física cunha sesión lectiva máis á semana ata un total de tres.

Román Rodríguez tamén se referiu ao novo Bacharelato Xeral como un exemplo da “improvisación e da incongruencia do Ministerio, que non sabe moi ben en que consiste”. En todo caso, este novo Bacharelato esixe dunha reorganización da oferta e en Galicia vaise poder cursar en 36 institutos públicos que foron escollidos atendendo á dinámica poboacional e á demanda estimada. Así pois, os alumnos poderán cursar esta modalidade nas principais cidades, nas cabeceiras comarcais máis destacadas e en áreas metropolitanas densamente poboadas, principalmente.

Tramitación administrativa

Nestes momentos o currículo de Educación Infantil (o primeiro que aprobou o Goberno do Estado en febreiro) é o máis adiantado, porque xa foi abordado na Mesa Sectorial Docente, conta co informe do Consello Escolar e doutros organismos (Orzamentos, Igualdade, Amtega,...) e foi exposto no Portal de Transparencia. Agora mesmo estase ultimando a Memoria para elevar á Asesoría Xurídica Xeral, posteriormente sometelo a ditame do Consello Consultivo de Galicia e finalmente elevalo á aprobación do Consello da Xunta para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

No que atinxe ao currículo de Educación Primaria (que o Goberno do Estado publicou no BOE o 2 de marzo), hoxe mesmo está previsto elevalo á Mesa Sectorial Docente para o inicio dos trámites da fase intermedia.

Nos de ESO (no BOE de 30 de marzo) e de Bacharelato (BOE de 6 de abril), os grupos de traballo están apurando para realizar os novos axustes derivados dos cambios que o Goberno do Estado fixo no texto consolidado fronte ao recollido nos borradores enviados ás comunidades autónomas. A previsión é que sexan remitidos á Mesa Sectorial Docente entre finais de abril e maio para continuar co resto dos trámites.

Con esta situación, e dado que os trámites administrativos dun decreto levan entre seis e sete meses, Román Rodríguez sinalou que o decreto de Primaria “vai moi xusto para que estea listo en setembro” mentres que os de ESO e Bacharelato non estarán ata despois do inicio do período lectivo.

O conselleiro lamentou “ter razón” cando xa en outubro de 2021 “advertimos no Parlamento dos serios problemas que nos ía xerar o retraso do Ministerio, e así llo fixemos saber en cada unha das reunións de traballo mantidas ao longo destes meses”.

Non obstante recalcou que en Galicia “estamos facendo un esforzo por manternos dentro da normativa, pero preservando o noso modelo propio de educación”.

R., 2022-04-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (mitec-42-2025.jpg) A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas presentou hoxe a programación da súa 42ª edición, que se celebrará entre os días 22 de xuño e 6 de xullo no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela, así como nas rúas e noutros espazos da vila do Morrazo, que acollerán 26 espectáculos e un nutrido programa de actividades lúdicas e sectoriais. O certame, organizado desde 1984 pola Asociación Cultural Xiria, é un dos poucos festivais de teatro europeos cuxo principal selo de identidade é a comedia, unha marca consolidada e referente da produción escénica deste xénero en calquera das súas vertentes: negra, branca, xestual, contemporánea, circense, dramática, musical e, dende hai máis dunha década, tamén na danza.
Foto de la tercera plana (musica-clasica.jpg) A praza Conde de Fontao de Foz será o enclave elixido para a actuación extraordinaria do festival o 31 de xullo con La Carroza Del Real, mentres que o destacado pianista Denis Kozhukhin abrirá oficialmente o ciclo de concertos o 12 de agosto na Fortaleza de Alfoz. O 13 de agosto a Real Filharmonía de Galicia e o Coro da Comunidade de Madrid realizarán o primeiro concerto sinfónico-coral no que interpretarán o Réquiem de Mozart na Catedral de Mondoñedo. A clausura do XII Festival Bal y Gay será co barítono galego Borja Quiza, o 21 de agosto, no Teatro Pastor Díaz de Viveiro, cita na que tamén participarán o pianista Javier Carmena e a mezzosoprano Andrea Rey, nunha proposta que mesturará as raíces galegas e españolas.

Notas

Afondar no papel que a evidencia científica pode e debe xogar nas decisións políticas e na implantacións de políticas públicas foi o obxectivo central da conferencia impartida pola presidenta do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, Eloísa del Pino, na UVigo. Sustentar as actuacións públicas na ciencia, defendeu Del Pino, posibilita en primeiro termo 'ser eficiente cos recursos, porque sabes que é máis probable que unha política funcione, aínda que non é unha garantía de éxito'.
A Sociedade Europea de Biomateriais recoñeceu cun dos seus premios europeos de doutoramento Julia Polak 2025 a Ana Iglesias Mejuto e Miguel Pereira Silva, que realizaron a súa tese de doutoramento en iMATUS da USC. O galardón distingue persoal investigador novo que completou un doutoramento de excelencia no ámbito dos biomateriais e a enxeñería de tecidos, valorando tanto a calidade da súa investigación como a súa formación internacional.
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES