Noticias

O II programa Muller e Ciencia propiciou a incorporación de 524 mulleres á investigación e o ascenso doutras 20 a postos directivos

O II programa Muller e Ciencia 2016-2020 da Xunta de Galicia tivo impacto directo na carreira profesional de 544 mulleres: 520 incorporáronse ao ámbito investigador e 20 conseguiron unha promoción para desenvolver postos de carácter directivo. O balance deste programa, do que a Xunta está a preparar a terceira edición, evidencia deste xeito a súa efectividade cara a avanzar na presenza feminina nestes sectores e na rotura das fendas de xénero inda existentes. Grazas ao II programa Muller e Ciencia promovido pola Unidade Muller e Ciencia desenvolvéronse en Galicia máis dun cento de actuacións por parte de diferentes departamentos da Xunta que alcanzaron a máis de 10.000 persoas de diferentes colectivos.

As accións estiveron dirixidas principalmente ao eido escolar e universitario e permitiron, entre outras finalidades, a formación de docentes; activar medidas para “enganchar” ás nenas ás carreiras tecnolóxicas e facelas máis partícipes da Sociedade da Información por medio de programas de éxito como ADA, Diana ou Atenea; ou emprender proxectos como Nin + nin – co que se favorece o encontro de mozos e mozas de centros de Secundaria e Bacharelato con mulleres senlleiras en sectores tradicionalmente masculinizados.

No período de vixencia, destináronse máis de 242 millóns de euros a financiar estas actuacións. Soamente no último ano (2020) o orzamento situouse nos 60,3 millóns de euros, un 25% máis que en 2019.

A Unidade Muller e Ciencia creouse hai 15 anos co obxectivo de situar nun primeiro plano a perspectiva de xénero na actividade científica. Está integrada por representantes da Consellería de Emprego e Igualdade; Economía, Empresa e Innovación; Cultura, Educación e Universidade; Sanidade; a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia; así como por mulleres expertas no eido social, educativo, científico e tecnolóxico.

Desde o ano 19, conta cunha partida específica nos Orzamentos da Xunta, que en 2022 suporá máis de 46.000 euros. Este ano modificarase o seu decreto de creación para actualizar a súa composición e obxectivos, coa intención de que dea resposta a novas necesidades e retos como a integración na mesma das universidades públicas galegas e do movemento asociativo feminino, que nos últimos anos ten traballado para remover obstáculos no desenvolvemento das carreiras profesionais das mulleres científicas por razón de embarazo e/ou maternidade e outras cuestións de xénero.

Entre as finalidades da Unidade de Muller e Ciencia, atópase a de poñer en marcha os programas galegos de muller e ciencia. Concluídos o I e o II, a Xunta está a traballar no deseño do III Programa (2021-2025), para o que está a contar coa participación de mulleres do ámbito científico e tecnolóxico de Galicia a través de mesas de traballo e enquisas sobre as súas percepcións e experiencias. Neste marco, xa se celebraron xuntanzas das 4 mesas creadas: de accións transversais na administración autonómica; das asociacións de científicas e investigadoras, de empresas e centros tecnolóxicos; e a mesa de resumo e conclusións.

R., 2022-01-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-mare-2026.jpg) O Festival Maré celebrará do 23 ao 27 de setembro a súa sétima edición en Santiago de Compostela, cunha programación que volve situar a cidade como punto de encontro de culturas, linguas e diferentes expresións musicais. A cita reunirá artistas de máis de 16 países e con representación de 12 linguas. A programación desta sétima edición estará formada por máis de 30 espectáculos, catro producións propias, oito propostas inéditas en Galicia e unha estrea absoluta. Entre os principais nomes do cartel atópanse Aterciopelados, Bia Ferreira, Omar Souleyman, Haydée Milanés & Javier Colina, Ala.ni, António Zambujo, Magalí Sare & Vox Stellae e Marcos Coll.
Foto de la tercera plana (portugal_galicia.jpg) Foi prsentada a Visión Estratéxica 2026-2028 da Asociación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal. A visión estratéxica ofrece un novo marco de actuación co que se pretende reforzar o papel da cooperación transfronteiriza e consolidar a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como un espazo común de oportunidades, coñecemento, innovación, competitividade e desenvolvemento. Ademais, estrutura a intervención da AECT en cinco grandes áreas -cultura, turismo, xuventude e emprego transfronteirizo e investigación e competitividade-, consolidando proxectos cun impacto recoñecido e abrindo novas frontes de cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal.

Notas

A Real Academia Galega de Ciencias recoñece coas Medallas de Investigación a cinco científicos e científicas galegos da USC e da UVigo. Esta distinción valora as traxectorias singulares e consolidadas en investigación desenvoltas na nosa comunidade, ademais de fomentar a promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas. A entrega dos galardóns terá lugar durante o acto do Día da Ciencia en Galicia (8 de outubro).
O VIII Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade, convocado pola Deputación da Coruña, vén de recoñecer sete iniciativas que destacan pola súa contribución á igualdade de xénero, á loita contra a violencia machista e á defensa da diversidade sexual. As propostas premiadas representan diferentes ámbitos de intervención –social, cultural, comunitario, artístico e de recuperación da memoria– e comparten o obxectivo de avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria e diversa.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES