
Ademais destes cinco eixes, o Plan ten 20 prioridades de actuación, 70 obxectivos estratéxicos e 140 indicadores para avaliar as súa consecución.
A maiores, o presidente da Xunta tamén se referiu aos obxectivos que se pretenden acadar noutros eidos como a competitividade, o campo da saúde e a calidade de vida no que o obxectivo é que o 100% das persoas dependentes reciban unha prestación efectiva, a educación ou a sustentabilidade.
Así, no relativo á competitividade fixo fincapé na pretensión de aumentar o peso do sector industrial, ampliar o tamaño das empresas en máis dun 25%, duplicar o gasto en I+D+i, incrementar un 25% o número de empresas innovadoras ou que o 90% da poboación adulta teñan competencias dixitais básicas.
A nivel educativo aspírase a reducir a taxa de abandono escolar temperán ata o 7%, acadar un 45% da poboación de entre 25 a 64 anos con estudos superiores e a obter unha taxa de cobertura escolar de 0 a 3 anos con prazas públicas do 60%. E, finalmente, no referido á sustentabilidade buscarase avanzar cara unha Galicia climaticamente neutra coa redución dos gases de efecto invernadoiro ata o 55% respecto a 1990 e aumentar o peso das renovables no mix produtor ata o 58% no consumo final.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.