
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na presentación da xa tradicional xira que a Xunta de Galicia, Bolanda Edicións, Gadis e TVG preparan cada ano e que levará este Nadal á familia Bolechas polos concellos de Santa Comba, Vimianzo, Abadín, Verín, Viana do Bolo, Negreira, Trazo e As Pontes de García Rodríguez.
Na presentación da xira, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade mostrou a súa satisfacción polo feito de que, un ano máis, os Bolechas celebren connosco o Nadal, levándolles aventuras e ilusión en lingua galega a nenos e nenas das catro provincias.
Canda o representante autonómico tamén participaron neste acto no Pazo de San Roque, Jaime Arias, director de Proxección Social da TVG; Román Roo, delegado de Gadis en Santiago, e Antonio Couto, responsable de Bolanda Edicións. A presentación contou, ademais, coa presenza dos actores e dos propios Bolechas.
Os Bolechas e o crebanoces de Nadal
Este Nadal, os Bolechas están a preparar unha carta a Papá Noel, pero a cousa complícase e deciden seguir o labor comendo noces, que así pensan mellor. Mais as noces teñen a casca moi dura e escachan os dentes. Entón, os irmáns collen un crebanoces na cociña, pero trillan os dedos. De súpeto, alguén chama á porta e aparece un enorme crebanoces de Nadal chegado directamente de Alemaña para axudalos, mais ao pouco de empezar, o convidado fica inmóbil. Tras unha chamada ao 112, os Bolechas descobren que o crebanoces non é humano, senón un boneco de corda e, ademais, non teñen a chave para volver activalo. Poderán os Bolechas recuperar o seu crebanoces de Nadal?
Para descubrir como acaba o misterio que se lle presenta á familia Bolechas este Nadal, os interesados poderán visitar algunha das paradas da xira deste espectáculo de monicreques manipulados. A primeira parada será o vindeiro sábado 18 no concello de Santa Comba (no auditorio do Edificio Multiúsos, ás 18,00 horas). O tour seguirá o domingo 19 en Vimianzo (Auditorio Municipal, ás 18,30 horas), o xoves 23 en Abadín (ás 16,30 horas no salón de actos da Casa do Concello), o domingo 26 en Verín (no Auditorio Municipal, ás 18,00 horas), o mércores 29 en Viana do Bolo (na Casa da Cultura, ás 18,00 horas), o xoves 30 en Negreira (ás 18,00 horas no Auditorio Centro Sociocultural), o domingo 2 de xaneiro en Trazo (no Centro Social Polivalente, ás 17,00 horas) e o martes 4 nas Pontes de García Rodríguez (no Auditorio Municipal Cine Alovi, ás 18,00 horas).
En todas as localidades, as entradas son de balde ata encher a cabida. Toda a información e calendario están dispoñibles no Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.