Noticias

Galicia pecha o segundo trimestre do ano sendo a terceira comunidade con menor endebedamento por habitante de España

Galicia pechou o segundo trimestre do ano sendo a 3ª Comunidade Autónoma con menor endebedamento por habitante de España. Así, a débeda por habitante sitúase en Galicia nos 4.476 euros fronte aos 6.607 euros da media de comunidades, co que cada galego debe hoxe 2.131 euros menos que a media autonómica. Os datos de débeda segundo o Protocolo de Déficit Excesivo (PDE) publicados hoxe polo Banco de España volven situar a Galicia como a terceira comunidade de réxime común con menor endebedamento de toda España.

En concreto, a ratio de débeda/PIB de Galicia situouse no 20,1% ao peche do segundo trimestre do ano e baixou tres décimas respecto ao primeiro trimestre (20,4%). Ademais, este indicador é 6,8 puntos inferior ao da media de comunidades (26,9%) e só superior ao de dúas comunidades autónomas de réxime común, Canarias e Madrid.

Volume de débeda

O Banco de España ratifica ademais que Galicia é a comunidade autónoma con menor aumento de volume de débeda desde o ano 2008, exercicio no que comezou a tendencia ascendente na evolución do endebedamento no conxunto das administracións públicas de España, incluídas as comunidades autónomas.

A redución do endebedamento nos últimos exercicios fai que Galicia estea nunha mellor posición financeira para responder ás esixencias económicas derivadas dos efectos negativos do coronavirus e para poder seguir combatendo a pandemia, impulsar a reactivación económica e atender as necesidades das familias, pemes e autónomos.

R., 2021-09-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (vacina-gripe-2026.jpg) A Xunta iniciou hoxe nas residencias de maiores a campaña de vacinación fronte á gripe, que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos. En Galicia hai 926.000 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 549.000 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a que está indicada a inmunización fronte á covid. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así, logo do arranque de hoxe nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o vindeiro día 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios.
Foto de la tercera plana (empresas-transformacion.jpg) O informe de balance do programa de axudas para a Atracción de Empresas a Galicia, unha liña xestionada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape que se consolida como un piar estable dentro da estratexia económica do Goberno galego, reflicte que entre os anos 2024 e 2026, este programa permitiu a concesión de 74,08 millóns de euros en subvencións públicas, unha contía que impulsou a posta en marcha de 96 proxectos empresariais e que xerará un impacto económico total de 256,75 millóns de euros en mobilización de investimento privado.

Notas

Anne L'Huillier, Premio Nobel de Física en 2023, visita esta semana Santiago de Compostela no marco do Programa ConCiencia da USC e do Consorcio de Santiago. Entre o extenso programa de actividades previsto, a profesora da Universidade de Lund (Suecia) pronunciará o 2 de outubro, ás 19.30 horas, no Auditorio ABANCA (Rúa Preguntoiro, 23. Santiago), a conferencia ‘O mundo dos átomos á escala de tempo do attosegundo’, aberta ao conxunto da cidadanía.
Como 'unha selección de miradas' a un 'territorio híbrido entre arte e ciencia' preséntase un libro editado polo grupo de investigación dx5, da Facultade de Belas Artes, en colaboración co grupo AF4, da Escola de Enxeñaría Forestal, que fai balance das reflexións xurdidas nas tres primeiras edicións do ciclo de encontros científicos Art at the Edge of Nature, que puñan o foco nas conexións da creación artística co medio ambiente, a sustentabilidade, os novos materiais ou as humanidades dixitais.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES