Noticias

A participación de Galicia no Clúster da Eólica Mariña permitirá posicionar o norte de España como referente internacional do sector

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou na presentación do novo Clúster da Eólica Offshore que, segundo dixo, permitirá a Galicia, Asturias e Cantabria desenvolver unha estratexia compartida para posicionarse como referente internacional neste sector. Acompañando aos conselleiros de Industria dos gobernos de Galicia, Asturias e Cantabria, participan nesta iniciativa tres socios industriais que representan máis de 200 empresas con actividade e experiencia no sector: o Consorcio Tecnolóxico da Enerxía de Asturias, o Clúster Sea of Innovation de Cantabria e Asime, a través do Galician Offshore Energy Group.

Conde explicou que se trata de impulsar a posta en marcha de proxectos de colaboración que contribúan a consolidar no norte de España un polo industrial de referencia en eólica mariña, tanto no desenvolvemento de proxectos de demostración, como no impulso comercial desta tecnoloxía renovable e para a consolidación dunha cadea de valor propia con proxección internacional. “Hoxe nos convoca aquí unha visión compartida da industria e da transición enerxética”, dixo Conde, para destacar “o valor da colaboración público-privada como a fórmula para afrontar o proceso de transformación económica, dixital e sustentable no que estamos inmersos”.

Apelou, así, á importancia de crear sinerxías. Por iso, entre os cometidos deste novo clúster, ademais de favorecer a colaboración entre os diferentes axentes do sector, estará o de promover unha comunicación e colaboración fluída co Goberno central para facilitar o desenvolvemento desta industria en España.

Traballar desde o consenso

Nese sentido, o vicepresidente económico avogou por traballar desde o consenso para que a industria poida atopar neste contexto de transición ecolóxica unha oportunidade para a sustentabilidade, a competitividade e o desenvolvemento de novos proxectos. Segundo dixo, hai que procurar o máximo acordo e coordinación a todos os niveis para que, efectivamente, a transición cara a un modelo máis sustentable sexa xusta.

Conde asegurou que os fondos europeos Next Generation proporcionan o marco máis acaído para redobrar a aposta polas enerxías renovables desde a transparencia, a coherencia e o sentido común. E, nese contexto, recoñeceu que a implantación da eólica mariña debe facerse previa consulta cos sectores e axentes implicados e sempre velando pola compatibilidade e o equilibrio entre desenvolvemento industrial e respecto ao medio ambiente.

Para Galicia, dixo, non existe outra prioridade que non sexa garantir o desenvolvemento desta tecnoloxía renovable desde o respecto, o equilibrio e a compatibilidade coas actividades pesqueiras e a preservación do ecosistema mariño. E proba dese compromiso é o Observatorio de Eólica Mariña que se puxo en marcha en Galicia e que supón un punto de encontro de todos os axentes desta industria onde identificar oportunidades e acordar os pasos a dar.

Industria electrointensiva

O vicepresidente concluíu salientando a necesidade de traballar desde a unidade porque Galicia, Asturias e Cantabria teñen máis proxectos que defender en común, como así o están a facer ao pedir o corredor verde do norte para impulsar a mobilidade sustentable na cornixa cantábrica ou reclamar ao Goberno medidas adicionais para a industria electrointensiva.

“Temos que seguir traballando e identificando aquelas cuestións nas cales podemos sumar, xerar valor e compartir esa pegada industrial que hai que impulsar para consolidar a noso tecido produtivo e o emprego”, abondou.

R., 2021-09-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES