Noticias

A Xunta condonará total ou parcialmente a débeda do 80% das persoas que cobraron o IMV e a Risga á vez

A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou hoxe, nunha resposta no pleno do Parlamento galego, que a Xunta condonará total ou parcialmente a débeda do 80% das persoas que recibiron o Ingreso Mínimo Vital (IMV) e a Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) de xeito simultáneo. Trátase daquelas persoas que teñen fillos ao seu cargo. Fabiola García explicou que, como Galicia, son moitas as comunidades que coa aparición do Ingreso Mínimo Vital se atopan con duplicidades entre prestacións. Para que as persoas que cobraron ambas rendas poidan normalizar a súa situación o Goberno galego achega varias facilidades, como conceder un prazo de 30 meses para devolver as contías ou condonar a débeda.

A conselleira de Política Social recordou que a Xunta de Galicia advertiu en varias ocasións ao Goberno central que o deseño e a aprobación desta nova prestación non eran axeitadas. A Administración autonómica avisou, entre outros aspectos, da falta de capacidade da Seguridade Social para xestionala, o que provocaría grandes demoras na súa tramitación. E alertou, así mesmo, de que habería desaxustes entre o IMV e as rendas autonómicas que darían lugar a solapamentos e duplicidades.

Por iso, solicitouse ao Goberno central que tomase as medidas necesarias para evitalo e, incluso, se demandou o traspaso de competencias da prestación estatal, como se fixo no País Vasco ou Navarra, petición que, sen embargo, se lle denegou a Galicia. A pesar das advertencias, Fabiola García lamenta que “o tempo deunos a razón, pero sinceramente, ter ou non a razón é o que menos nos importa, o que nos preocupa é resolver esta situación provocada polas présas e a improvisación do Goberno central”.

Tres alternativas

Ante tal situación, a Xunta de Galicia barallou tres alternativas para resolver o desaxuste. A primeira foi unha reforma rápida da Lei de inclusión social, que non foi posible levar a cabo porque o Real Decreto-lei do Ingreso Mínimo Vital, tivo que ser modificado media ducia de veces e aínda, logo de trinta prórrogas, estase a negociar a Lei que o aprobará definitivamente.

A segunda alternativa levou á Administración autonómica a solicitar ao Goberno central un mecanismo para compensar os indebidos, cunha negativa por parte do Executivo nacional. Polo que, en terceiro lugar, o Goberno galego decidiu manter a Risga durante todo o período que os solicitantes do IMV se mantiñan á espera de cobrar a prestación para evitar deixalos sen ingresos.

De cara a medio e longo prazo, a Xunta de Galicia adaptará a súa política de inclusión ao Ingreso Mínimo Vital. Para iso, no vindeiro trimestre tramitarase a reforma da Lei de inclusión social, para o que a conselleira de Política Social pediu un amplo apoio parlamentario. O Goberno galego leva meses traballando nesta reforma, para a que conta coas achegas das entidades de loita contra a pobreza.

R., 2021-06-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES