Noticias

A Cidade da Cultura e o Centro Dramático Galego reinterpretan nove textos clásicos no ciclo anovador de 'Clásicas desfeitas'

A Cidade da Cultura e o Centro Dramático Galego (CDG) amosan ao público este mes de marzo os proxectos artísticos Clásicas desfeitas, coproducidos por ambas institucións da Xunta de Galicia no marco do programa das Residencias artísticas do Gaiás (REGA) 2021 impulsado polo Goberno autonómico. Nestas estadías creativas unha trintena de artistas traballaron con nove textos clásicos para reinterpretalos e ofrecer unhas anovadoras versións. O resultado do primeiro proxecto darase a coñecer esta fin de semana. Deste xeito, o sábado 13 e o domingo 14 de marzo a compañía Nononon Lab representará ás 12,00 h. nas Torres Hejduk o Volume I de Clásicas desfeitas.

Nesta obra adapta textos de Prometeo encadeado de Esquilo, A tráxica historia do Doutor Fausto de Marlowe e o Frankenstein de Mary Shelley. Para as dúas sesións as entradas xa están á venda en ataquilla.com.

A compañía galega —formada por José Faro, Xacobo Castro, Lucía Estévez, Laura Iturralde e Montse Piñeiro— escolle estes tres personaxes pertencentes ao imaxinario colectivo e histórico coa intención de configurar un retrato da humanidade moderna. A partir destes textos clásicos confórmase un cadáver exquisito, multifacético e atemporal, que guía o público arredor dun espazo común, permitíndolle desta maneira verse reflectido. A premisa desta obra é a experimentación, polo que se pretende activar un espazo de reflexión e de diálogo.

Reinterpretación de ‘Antígona’, ‘Medea’ e ‘As Bacantes’

O domingo 21 de marzo, o coñecido pianista e compositor Pablo Seoane dirixirá o Volume II, que baixo o título de Phármakon aglutinará relatos de Antígona de Sófocles e de Medea e As Bacantes de Eurípides. Nesta versión colectiva, que se representará no Salón de Convencións do edificio CINC, participan María José Pámpano, á viola; e Benxamín Otero, no corno inglés e no óboe. A interpretación está a cargo de Raquel Fernández e de Artús Rei e a escenografía lévaa Laura Iturralde.

Phármakon indaga na relación entre o chibo expiatorio (significado primeiro do termo que dá título á obra) e a comunidade. Tamén se afonda nela sobre os inestables límites da identidade persoal e a clásica iconografía na que adoitan manifestarse esas relacións. Aínda que non se fai uso da palabra falada ou escrita en escena, o espectáculo estará acompañado dun texto introdutorio, autoría de Pablo Seoane.

O domingo 28 de marzo representarase a última das pezas de Clásicas desfeitas. Gena Baamonde, Rut Balbís e Manu Lago están ao fronte do Volume III, baseado en fragmentos de Orlando de Virginia Woolf (1928), A consagración da primavera de Igor Stravinski (1913) e o Mito de Sísifo de Albert Camus (1942).

As entradas para asistir á representación o 21 e 28 de marzo dos volumes I e II de Clásicas desfeitas, respectivamente, poranse á venda a principios da mesma semana das funcións, que terán lugar ás 12,00 h.

O número de asistentes para as tres pezas de Clásicas desfeitas está limitado a cumprir as medidas de seguridade sanitaria que esixe a situación da covid-19, polo que a capacidade dispoñible para público será reducida nos tres espazos: Torres Hejduk, Museo Centro Gaiás e Salón de Convencións do CINC.

‘Clásicas desfeitas’ en REGA 2021

Clásicas desfeitas compón a primeira das cinco residencias artísticas do novo programa REGA co que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade busca impulsar no Gaiás a creación artística. A través desta liña de traballo, a Cidade da Cultura pon os seus espazos, recursos e equipos técnicos ao servizo de medio cento de creadores de dentro e fóra da nosa Comunidade que acudirán ao Gaiás para desenvolver os seus proxectos culturais.

Esta iniciativa, anual e con vocación de permanencia, ten un carácter multidisciplinar e ábrese a proxectos dos eidos da música, da escena, da danza, das artes performativas e visuais ou da literatura. O obxectivo é afianzar o Gaiás como viveiro creativo a través de coproducións e unha ampla rede de colaboracións con institucións e colectivos.

Ademais de Clásicas desfeitas, as REGA confórmanas RESIS, vencellada coa danza e co audiovisual e que conta coa colaboración do colectivo cultural AÏS; a Residencia literaria dirixida polo escritor galego Javier Peña; e as Paraíso, estadías creativas ao redor da danza e da arte en acción contemporáneas. E completan este novo programa as Residencias CHARCO, vencelladas coa arte contemporánea e co colectivo cultural do mesmo nome, que procura nas súas accións o intercambio creativo entre artistas dos dous lados do Atlántico.

R., 2021-03-11

Actualidad

Foto del resto de noticias (estudantes.jpg) A Consellería de Educación vai dotar aos centros educativos de apoios específicos de acompañamento, formación e recursos materiais para desenvolver os novos programas de reforzo Avanza Lectura e Avanza Matemáticas, que se van poñer en marcha este curso en Primaria ao abeiro do novo Marco galego para o impulso educativo. O conselleiro Román Rodríguez reuniuse co Consello Escolar de Galicia para avaliar o inicio de curso e dar conta das accións da Xunta enfocadas a 'reforzar aprendizaxes apoiando a quen máis o precise, fomentar a cultura do esforzo e impulsar unha mellora integral e continua do sistema'.
Foto de la tercera plana (incendios-xente.jpg) O Consello da Xunta analizou na súa reunión de hoxe un informe da Consellería do Medio Rural sobre o anteproxecto de Lei de loita contra os incendios forestais de Galicia (LLCIF), antes da súa remisión para consulta ao Consello Forestal de Galicia, cuxa reunión está prevista para mañá martes. A futura normativa prioriza reforzar a protección da poboación e a xestión integral do territorio. O presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, lembrou que actual lexislación sobre incendios forestais 'ten case 20 anos' e 'cómpre actualizarla e adaptala aos novos tipos de lumes así como aos avances que houbo tanto na loita como na prevención de incendios'.

Notas

A Universidade de Santiago de Compostela presenta a súa programación para o Outono Cultural de 2026, unha proposta que reúne música, exposicións, audiovisual, teatro e formación, con novas iniciativas que amplían a oferta en materia de cultura da institución. Entre as principais novidades no campus compostelán destaca ‘Sons de peto’, un novo ciclo de música de pequeno formato pensado para un gran espazo como a Igrexa da Universidade.
Ecofeminismo, arte en contexto, comunidade, herdanza e territorio. Estes cinco conceptos guían ao longo desta semana os once artistas, investigadoras e investigadores que participan en Ons na residencia Geografía Poética, promovido pola profesora da Facultade de Belas Artes da UVigo Holga Méndez e a docente da Universidad de Zaragoza Belén Díez, no marco da rede europea Artistic Intelligence. Responsiveness, accessibility, responsibility, equity (ARTinRARE).
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES