Noticias

A Cidade da Cultura organiza unha vintena de exposicións e intervencións artísticas cun plan de itinerancias por Galicia

O 2021 será o ano de maior actividade expositiva na Cidade da Cultura, cunha vintena de mostras e intervencións artísticas. Procúrase así consolidar o Gaiás como factoría cultural, provedora de contidos para outros espazos de Galicia, cun programa de itinerancias que levará proxectos como Galicia, de Nós a nós, As miradas de Isaac ou Galicia Futura a diferentes lugares da Comunidade. O complexo continuará, ademais, a liña de dixitalización iniciada en 2020 para seguir conectada co seu público a través das novas tecnoloxías, con tours virtuais, foros en streaming ou o programa didáctico de visitas a través de videoconferencias cos guías do Museo.

O programa expositivo para 2021 foi presentado hoxe no Museo Gaiás polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, nun acto no que tamén participaron o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez. Coincidindo cos dez anos da apertura ao público do complexo do Gaiás, anúnciase este ambicioso programa expositivo, que inclúe cinco novas mostras no Museo Centro Gaiás –ademais da dedicada a Isaac Díaz Pardo, que pode visitarse actualmente–, oito na Biblioteca e Arquivo de Galicia, e tamén sete intervencións artísticas nos espazos verdes e nas Torres Hejduk.

Román Rodríguez detallou tamén que unha das prioridades deste ano será o lanzamento dun plan de itinerancias para levar as exposicións da Cidade da Cultura a outros puntos de Galicia. “Queremos aproveitar a capacidade do Gaiás coas grandes exposicións para nutrir outros espazos da Comunidade, co obxectivo de transformar a Cidade da Cultura nunha factoría de contidos culturais para toda Galicia”. Esta liña iniciouse xa coas itinerancias da mostra Galicia, de Nós a nós a Ourense –onde pode visitarse actualmente– e Pontevedra, e continuará con As miradas de Isaac e Galicia Futura, que tamén poderán visitarse noutros puntos da Comunidade.

Cinco grandes exposicións no Museo

A programación do Museo Centro Gaiás para este ano, no que precisamente se cumpre unha década da apertura ao público do compexo, inclúe cinco grandes exposicións, das que o proxecto central chegará en xullo con Galicia Futura. Con ela, a Xunta pecha a triloxía de grandes mostras internacionais organizadas no marco do Xacobeo 2021. Galicia Futura convidará ao público a “imaxinar o noso porvir da man dalgunhas das persoas máis creativas e talentosas de Galicia, nunha atractiva mestura de arte, tecnoloxía e pensamento para ollar a través dunha fiestra cara ao mañá que desexamos”, explicou Román Rodríguez.

Xa antes, neste mesmo mes de marzo, inauguraranse tamén outros dous proxectos, neste caso centrados no patrimonio histórico de grandes civilizacións e na arte contemporánea. Así, o 18 de marzo abrirá as súas portas Os brancos segredos de seu ventre, unha exposición que amosa unha escolma de fondos da Fundacion RAC, realizada pola comisaria Bea Espejo, unha das críticas de arte máis recoñecidas de España. A mostra dará ao público galego a oportunidade de coñecer os fondos da Fundación Rosón Arte Contemporáneo, unha das coleccións privadas máis destacadas do país, depositaria de máis de 300 obras de 170 artistas nacionais e internacionais.

Recoñecemento internacional

Unha semana despois, o 26 de marzo, inaugurarase Faraón. Rei de Exipto, organizada no marco do Xacobeo 2021, en colaboración coa Fundación ”la Caixa” e con fondos do British Museum. “Para un museo tan novo como o Museo Centro Gaiás, é toda unha proba de recoñecemento profesional que unha institución como o Bristish Museum, un dos museos máis relevantes do mundo, confíe en nós para xestionar pezas dun valor tan extraordinario como as que se amosarán nesta mostra”, destacou o conselleiro.

Xa no outono o Museo continuará a traballar na posta en valor de destacados artistas galegos como é o caso de Jorge Castillo, a través dunha exposición que se concentrará na súa faciana como escultor e que estará comisariada por Pilar Corredoira: Castillo, escultor. Ferro, bronce, arxila. A última grande exposición do Museo deste ano terá o fenómeno xacobeo e a fotografía como protagonistas, baixo o título O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra.

O conselleiro de Cultura anunciou tamén que a exposición As miradas de Isaac se estenderá ata o 30 de maio, en lugar de clausurarse a comezos de abril como estaba previsto. “Tomamos a decisión de mantela dous meses máis conscientes do extraordinario interese que esperta a figura de Díaz Pardo, e das dificultades de moitas persoas para achegarse a Santiago pola situación sanitaria”, destacou.

Espazos verdes

O complexo do Gaiás manterá a liña de traballo que ten por obxectivo “unir arte e natureza promovendo intervencións artísticas nas zonas verdes do complexo, como se fixo coa obra Espellos, de Manolo Paz, ou o Banco do Peregrino, de Clara Montoya”, destacou o conselleiro, que avanzou tamén que “proximamente anunciaremos novos proxectos artísticos neste entorno, con artistas galegos e non galegos de proxección internacional”. Precisamente a finais de abril arrancará xa a terceira edición de Reb/veladas na paisaxe, ciclo que cada ano presenta tres intervencións artísticas nos exteriores e que se propón facer visible o traballo de mulleres creadoras e comisarias no eido da arte contemporánea.

Biblioteca e Arquivo de Galicia

No acto tamén se deu a coñecer o programa expositivo da Biblioteca e Arquivo de Galicia, que inclúe un total de oito mostras que contribuirán “a pór en valor a primeira década de vida de dúas institucións que funcionan como gardiás da memoria documental e bibliográfica da nosa comunidade e conservan fondos de extraordinario valor histórico, documental e cultural”.

O programa expositivo da Biblioteca e do Arquivo incluirá mostras temáticas sobre figuras sobranceiras como a ilustradora Lolita Díaz Baliño ou a poeta Luz Pozo Garza –dúas exposicións que poden visitarse xa–, e sobre as escritoras Xela Arias e Emilia Pardo Bazán, que se inaugurarán ao longo do ano.

Mostras sobre a ilustración xacobea, o patrimonio paisaxístico ou a historia do ferrocarril en Galicia, completan este programa, do que un dos proxectos centrais chegará en outubro coa mostra Dez anos da Biblioteca de Galicia, na que as persoas visitantes poderán achegarse aos fondos máis valiosos que conserva unha institución que “ao longo destes dez anos se consolidou como fundamental para a memoria e o legado de Galicia atesourando e poñendo a disposición da cidadanía un rico patrimonio documental”, destacou.

Por último, as Torres Hejduk completan os espazos expositivos do Gaiás con outras dúas intervencións artísticas: O perpetuo tránsito cara ao presente, un traballo de Miguel Moreno arredor da auga que será inaugurado este mesmo mes, e En terra firme, que converterá as Hejduk nun faro xacobeo a partir do vindeiro mes de agosto.

Novas tecnoloxías

Ademais, a Cidade da Cultura continuará a redundar nos esforzos iniciados en 2020 para achegar contidos e seguir conectada co seu público a través das novas tecnoloxías. Froito deste traballo, estanse a organizar desde visitas virtuais ás exposicións, foros, charlas ou propostas escénicas en streaming, catálogos de balde para descarga dixital, e un programa pioneiro de visitas comentadas por videoconferencia dirixido aos centros de ensino.

Enmarcadas no programa didáctico do Gaiás, estas visitas en liña permitiron que, pese ás restricións sanitarias, o alumnado seguise a poder gozar da oferta cultural do complexo, chegando en 2020 a máis de 3.000 escolares, unha cifra que continúa a medrar neste 2021. O programa didáctico é un dos piares da actividade do Museo Centro Gaiás e só en 2019 –último ano antes da pandemia– pasaron polo complexo máis de 20.000 alumnos e alumnas.

Froito destes esforzos, a Cidade da Cultura foi recoñecida polo Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea como a mellor proposta cultural de 2020 en Galicia.

R., 2021-03-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (educacion-infantil-.jpg) Galicia reforza por terceiro curso consecutivo o seu liderado na taxa de escolaridade de 0 a 3 anos e achégase ao 65 %, máis de 15 puntos por riba da media de España, segundo os últimos datos oficiais que vén de publicar hoxe o Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes. Deste xeito, Galicia segue sendo a comunidade autónoma onde máis familias poden acudir a unha escola infantil totalmente gratuíta. As cifras oficiais revelan que Galicia rexistrou no curso 2024-2025 unha taxa do 64,3 % de escolarización, máis de catro puntos por riba do 60,6 % acadado no período anterior. Esta porcentaxe mantén á comunidade ao nivel dos países con maiores índices de benestar en Europa, como Suecia ou Dinamarca.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) No marco do Plan de Actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, vénse de activar o nivel 1 de alerta a diversas áreas da comunidade autónoma por episodio de calor. Meteogalicia informa que a partir da xornada do venres 27, as altas presións volverán localizarse ao norte da península Ibérica, achegando unha masa de aire moi cálida de orixe norteafricana. Isto fará que as temperaturas experimenten significativos ascensos, tanto nos valores mínimos como nos máximos. Este ascenso de temperaturas comezará a notarse desde ese mesmo día, cando en moitos puntos de Galicia se superarán os 30ºC, e mesmo os 35ºC, en puntos do interior.

Notas

A Universidade de Santiago acolleu este venres o acto de constitución da Rede Española de Filosofía da Intelixencia Artificial, que nace con vocación interdisciplinar e transversal ao integrar máis de cen investigadoras e investigadores de todo o Estado interesados nos aspectos ontolóxicos, conceptuais, epistemolóxicos, éticos, políticos e sociais da IA. A sesión constitutiva tivo lugar na propia Facultade, cuxo decano Xavier Donato é promotor desta iniciativa que fixará a súa sede en Compostela e que organizará o primeiro congreso nacional de filosofía da IA.
Do 26 ao 28 de setembro, o concello ourensán de Lobios acollerá o Xurés 2025, que aglutina a celebración do IV Seminario Internacional de Educación Social, a IV Convivencia Profesional e Interuniversitaria da Educación Social e o festival musical Xurés Son. A cita, o maior encontro internacional de profesionais da educación social, está promovida polo Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia e coordinada pola Facultade de Educación e Traballo Social da UVigo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES