Noticias

Galicia esixe ao Goberno central rigor e criterios claros e xustos no reparto ás autonomías dos fondos do Plan de recuperación

A Xunta de Galicia esixiu hoxe ao Goberno central que explique ás comunidades autónomas, con rigor e claridade, os criterios de reparto dos fondos que se mobilizarán nos próximos tres anos a través do Plan nacional de recuperación, transformación e resiliencia. Esta foi a postura que defendeu a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, no transcurso da reunión da Conferencia Sectorial convocada esta mañá polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e que se celebrou telematicamente.

O obxecto da xuntanza era, precisamente, informar aos representantes autonómicos sobre o plan de recuperación anunciado polo Goberno o pasado mes de outubro e que guiará a execución de 72.000 millóns de euros de fondos europeos ata 2023.

A este respecto, Ángeles Vázquez incidiu na necesidade de coñecer o antes posible cales serán as condicións e criterios que aplicará o Executivo central á hora de repartir entre todas as autonomías os fondos que porá a UE á disposición de España no período 2021-2023, e que suporán aproximadamente a metade dos recursos mobilizados a través do instrumento europeo Next Generation.

Dada a importancia deste financiamento e os seus previsibles efectos para garantir a recuperación económica tras o impacto da Covid-19, a conselleira reclamou ao Goberno que os criterios de reparto sexan claros, obxectivos e xustos con todas as comunidades. De feito, lamentou a escasa información facilitada polo Ministerio antes da celebración da Conferencia Sectorial sobre o plan de recuperación, dificultando así a súa preparación.

Cómpre lembrar que o fondo de recuperación desenvolverase a través de dúas liñas: os mecanismos para a recuperación e resiliencia (MRR), pensados para proxectos de carácter estrutural que axuden á recuperación económica tras a pandemia; e os chamados fondos React, pensados para actuacións máis concretas e a curto prazo.

Os proxectos que optarán a este segundo subfondo serán seleccionados pola propia Xunta con financiamento a través do Feder, de xeito que non será necesario negociar co Goberno. Sen embargo, o financiamento europeo asignado ao MRR enmárcase nos orzamentos xerais do Estado e por tanto, son os correspondentes ministerios os encargados da súa distribución territorial.

Polo que respecta a Galicia, a Consellería de Facenda seleccionou xa máis dun cento de proxectos das diferentes consellerías que serían susceptibles de optar ao reparto destes fondos por parte do Goberno do Estado. No caso concreto da Consellería de Medio Ambiente, son seis os proxectos que aspiran a beneficiarse dos fondos MRR nos vindeiros anos, cun orzamento global de 230,5 millóns.

Por todo o exposto, Ángeles Vázquez remarcou a urxencia e a necesidade de que as comunidades autónomas saiban baixo que criterios se realizará a selección entre todas as iniciativas que se presenten.

Outros proxectos estratéxicos

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda tamén lle trasladou ao Ministerio a necesidade de impulsar proxectos estratéxicos en materia de augas na Comunidade a través do financiamento dos fondos de reconstrución europeos (Next Generation), en liña coa estratexia verde de crecemento da Unión Europea.

Solicitou, concretamente, que actuacións como a modernización da estación de tratamento de auga potable do Casal de Vigo sexan incluídas no financiamento co Next Generation Next e, no caso da nova depuradora de augas residuais de Santiago de Compostela, que xa está incluída, se financie o 100% a través destes fondos.

R., 2020-11-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES