Noticias

Galicia acada a maior converxencia en renda con España da serie histórica, un 90,9%

Galicia é a segunda comunidade autónoma que rexistrou maior incremento do PIB per cápita en 2019, e isto permitiu acadar un nivel de converxencia en renda con España do 90,9%, o maior da serie histórica, segundo indican os datos de Contabilidade Rexional publicados hoxe polo Instituto Nacional de Estadística. En 2019 o PIB per cápita de Galicia medrou un 3,67% respecto a 2018, ao pasar de 23.183 a 24.034 euros. Isto supón o segundo maior avance de todas as comunidades autónomas, só superado por Navarra (4,15%) e nove décimas superior á media española (2,76%). Con esta evolución, o PIB per cápita de Galicia pasa a representar o 90,91% da renda española. Este é o maior nivel de converxencia en renda con España de toda a serie histórica, e tamén é o segundo ano consecutivo en que se supera a barreira do 90%, un feito que se produciu por primeira vez no ano 2018 (90,11%).

Ademais, en termos constantes a variación de volume do PIB de Galicia en 2019 foi do 1,93%, o sexto maior incremento de España tras Navarra (2,83%), Madrid (2,46%), Valencia (2,29%), Murcia (2,25%) e Andalucía (2,14%). Pola contra, outras 11 comunidades rexistraron unha variación interanual do PIB inferior a Galicia, que se situou cinco centésimas por baixo da media española (1,98%) e máis de 4 décimas por riba da media de UE-28 (1,5%). En prezos correntes, o PIB de Galicia medrou o pasado ano un 3,67%, oito centésimas por riba de media española (3,59%) e o quinto maior incremento de España.

Os datos da Contabilidade Rexional publicados hoxe polo INE indican tamén que Galicia é a comunidade autónoma onde máis aumentou o PIB per cápita neste século. De feito, o incremento do PIB per cápita desde o ano 2000 en Galicia é do 93,8%, case 30 puntos máis que a media española, que medrou un 65,5% neste mesmo período.

Tendo en conta a última década, Galicia é a segunda comunidade con maior incremento do PIB per cápita, cun crecemento do 18,2% respecto a 2009. Este aumento só é superado por Extremadura (19,6%) e está por riba da media das comunidades autónomas (14,6%).

R., 2020-07-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES