
Con este obxectivo, Feijóo avanzou que se traballará na atención ao trauma, ao dó e á depresión; na atención aos maiores e persoas ingresadas en centros sociosanitarios; en impulsar a teleasistencia como ferramenta de apoio ás consultas presenciais; en favorecer o apoio aos profesionais sanitarios en primeira liña fronte á covid-19; e en promover o fortalecemento dos programas de prevención do suicidio.
Nesta liña, o presidente da Xunta confirmou que o plan recolle a creación de 241 novas prazas en catro anos, das que 54 son para psiquiatras; 45 para psicólogos clínicos e 66 para enfermeiros especialistas en saúde mental. Tamén haberá 5 novas prazas para terapeutas ocupacionais, 42 para auxiliares de enfermería e 29 para traballadores sociais.
Así mesmo, crearanse novos dispositivos asistenciais localizados en centros de especialidades, centros hospitalarios e centros de atención primaria. Trátase de cinco novas unidades de saúde mental de adultos (dúas en Santiago, dúas en Vigo e unha na Coruña) e dúas unidades de psicoxeriatría (na Coruña e en Ourense). Unha unidade de hospitalización para nenos e adolescentes, no Hospital Álvaro Cunqueiro en Vigo, que será de referencia para a zona sur de Galicia. Dúas unidades ambulatorias de saúde mental infanto-xuvenil en Vigo e A Coruña, ademais de reforzarse a de Santiago. Dotarase a todas as áreas sanitarias de hospitais de día infanto-xuvenís, para a atención ás patoloxías de maior gravidade.
Do mesmo xeito, engadiu, incrementaranse as prazas de hospitalización de agudos e prazas hospitalarias destinadas á rehabilitación das persoas con trastorno mental grave: 22 novas prazas de hospitalización de pacientes agudos (15 na Coruña e 7 en Pontevedra) e 40 de rehabilitación psiquiátrica hospitalaria (20 en Vigo de referencia para Vigo-Pontevedra e 20 en Santiago de referencia para A Coruña-Santiago-Ferrol).
Reforzo da prevención
Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo destacou tamén a decisión de reforzar o acordo de medidas de prevención para facer fronte á pandemia, aprobado o pasado 12 de xuño.
Se ben será publicado no DOG, o presidente da Xunta avanzou algunha das novidades. Así, refórzase a obrigatoriedade do uso de mascarilla; incídese na necesidade de que os sintomáticos comuniquen a súa situación e refórzanse os mecanismos de control e seguimento ante posibles casos positivos; permítese a progresiva apertura dos locais de ocio nocturno a partir do 1 de xullo, con dous terzos do aforo máximo en discotecas, uso obrigatorio de mascarilla e un sistema de rexistro no acceso para poder localizar aos asistentes en caso de producirse un brote. E, en xeral, en todos os ámbitos como por exemplo nas praias, os parques infantís ou as verbenas-, auméntase o aforo máximo a unha persoa por cada 3 metros cadrados.
Compra de material e equipamento sanitario fronte á covid-19
Por último, Feijóo referiuse tamén á autorización da tramitación de emerxencia de tres novos expedientes de contratación por valor de 1,13 millóns de euros para subministrar material e equipamento aos hospitais do Sergas fronte á covid-19.
A primeira destas contratacións permitirá a adquisición de 239 camas de hospitalización, das que 120 son para o Hospital Universitario da Coruña e 119 para o Hospital Universitario de Ourense; 11 centrais de monitorización para varios hospitais; e un equipo portátil dixital de raios X para o Hospital Público de Monforte.
Os outros dous expedientes son relativos ao subministro de determinados materiais e produtos na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras para facer fronte á epidemia da covid-19.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.