
Así, a orde ten por obxectivo dar saída comercial aos produtos galegos de proximidade que, tras a declaración do estado do alarma, xa non se poden comprar nos mercados locais nin consumir nos negocios de hostalaría e restauración. Coa rede Mercaproximidade non só se permitirá ao consumidor acceder facilmente a estas producións nos establecementos de alimentación que permanecen abertos, senón tamén identificar a súa orixe con claridade.
Deste xeito, poderán acollerse á iniciativa en calidade de provedores os produtores de froitas e hortalizas, os produtores de mel e produtos apícolas, así como os gandeiros de vacún, porcino, ovino e caprino, entre outros. Han de estar inscritos, iso si, no Rexistro de explotacións agrarias de Galicia (Reaga) e, no caso dos produtos non transformados, estar integrados na sección de venda directa (Sevedi). A maiores, poderán incorporarse á rede as industrias de transformación de produtos agrogandeiros inscritas no Rexistro de industrias agrarias.
A adhesión a Mercaproximidade dos provedores levarase a cabo preferentemente a través das organizacións profesionais agrarias, das asociacións de produtores e dos consellos reguladores das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, previo mandato ao seu favor outorgado polo produtor.
Requisitos de adhesión
Para incorporarse á rede, os produtores e as industrias de transformación terán que enviar un correo electrónico a mercaproximidade@xunta.gal indicando os seus datos básicos e tipo de produción. A maiores, deberán achegar unha declaración responsable na que conste que un mínimo do 50 % dos seus ingresos proceden da hostalaría e os mercados municipais, pechados na actualidade.
No caso de que a adhesión se leve a cabo a través dunha organización agraria, asociación de produtores ou consello regulador, deberase aportar ademais a relación de produtores representados. En todo caso, os provedores poderán modificar, en calquera momento, o sistema de adhesión escollido.
Os produtores que queiran participar en Mercaproximidade estarán obrigados a cumprir toda a normativa hixiénico-sanitaria, de calidade alimentaria e demais protocolos que resulten esixibles segundo o seu tipo de produción. Igualmente, as persoas produtoras que se adhiran á rede deberán cumprir as condicións e requisitos fixados polos establecementos que comercialicen as súas producións.
A orde recolle que a Consellería do Medio Rural promoverá esta canle alternativa de comercialización entre as grandes cadeas de distribución, coas que xa se reuniu o conselleiro José González o pasado sábado para concretar a súa participación e con todas aquelas que desexen sumarse á iniciativa. A maiores, búscase a colaboración das empresas dedicadas á subministración de colectividades ou das plataformas online de venda de produtos agroalimentarios para instalas a mercar e poñer no mercado estas producións de proximidade.
Campaña de sensibilización
Paralelamente, a Consellería lanzará unha campaña dirixida aos consumidores finais, non só para conciencialos da calidade destes produtos, senón tamén para facerlles ver que coa súa compra poden contribuír á viabilidade do sector agrogandeiro galego. Nesa liña, os produtos de Mercaproximidade estarán perfectamente identificados, para que os consumidores saiban da súa orixe, así como do seu vínculo coa iniciativa.
Para que a sociedade teña coñecemento das empresas que accederon a dar saída a estas producións, a relación de entidades colaboradoras manterase debidamente actualizada tanto na campaña de comunicación como na páxina web da Consellería do Medio Rural.
De xeito excepcional, a orde tamén contempla que a Consellería poderá comprar directamente os produtos adheridos á rede para a súa cesión a comedores sociais, centros sanitarios ou residencias no contexto de loita contra o coronavirus.
A rede Mercaproximidade ten como finalidade última frear a perda de ingresos das persoas agricultoras e gandeiras galegas para apoiar o futuro das súas explotacións e garantir así a supervivencia do motor principal da dinamización do rural.
A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio. A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). 'Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral', indicou. 'Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega', salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.