Noticias

Galicia pon en marcha dous hospitais de reforzo para ampliar toda a planta hospitalaria pública e privada da Comunidade

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, en rolda de prensa, novas medidas para afrontar a pandemia do coronavirus, tanto no eido sanitario como no eido das residencias de maiores e de discapacitados internos, entre as que destacou a posta en marcha de dous hospitais de reforzo para ampliar toda a planta hospitalaria pública e privada coa que conta a Comunidade. Logo de manter onte unha nova reunión co comité clínico, na que se avaliou a situación da pandemia, Feijóo explicou a decisión de que a xerencia da área de saúde da Coruña e da área de saúde de Santiago inicien todos os preparativos para instalar dous hospitais de reforzo: un na cidade da Coruña e outro na cidade de Santiago.

Así, na Coruña, o hospital de reforzo instalarase no recinto feiral e contará cun aforo de entre 200 e 300 camas a maiores; e, no caso de Santiago, o recinto para albergar o hospital será o Multiusos do Sar, onde se instalarán entre 100 e 150 camas adicionais a toda a planta hospitalaria pública e privada que existe na área sanitaria de Compostela.

Nesta mesma liña, e no tocante á área de Vigo, o titular do Goberno galego resaltou que a Xunta non descarta utilizar o Ifevi como hospital adicional para completar todo o aforo público e privado da cidade olívica, se ben ata o momento considérase suficiente co novo Hospital Público Álvaro Cunqueiro, con Povisa e co Hospital de Fátima, deixando o Meixoeiro para pacientes sen coronavirus.

“E tomamos a decisión de poñer en marcha por parte do 061 unha noria de ambulancias, é dicir, dun sistema de traslados específicos para os pacientes de coronavirus, nos que se priorizarán os traslados entre estes novos hospitais”, engadiu, referíndose tamén á decisión, onte, de poñer gratuitamente a disposición dos traballadores sanitarios unha serie de hoteis para os que o precisen.

Priorizar os tests de diagnóstico nas residencias

Por outra banda, o responsable do Goberno galego aseverou que as residencias de maiores e de discapacitados internos seguen a ser unha das prioridades da Administración autonómica. “Seguiremos actuando para previr contaxios e para dar resposta aos que se produzan”, afirmou, anunciando a decisión de priorizar os tests de diagnóstico nas residencias de Galicia, tanto aos residentes como aos empregados. “O obxectivo é chegar a todos os centros, comezando por aqueles nos que se teñen detectado casos e levando a cabo arredor de 800 tests diarios para completar o mapa de todas as residencias”, dixo.

“Seguiremos ademais implementando os protocolos activos desde hai semanas. Estamos facendo reparto de material diariamente. Hai unha supervisión sanitaria continua do que sucede en cada unha delas. E seguimos tratando de illar ao máximo os casos que imos detectando, xa sexan nos propios centros onde se producen ou trasladando aos usuarios contaxiados ás residencias integradas que xa habilitamos ou que imos ir habilitando en cada área sanitaria en función da demanda”, recordou, a modo de resumo.

Nesta liña, Feijóo lembrou a posta en marcha de dúas residencias integradas, en Baños de Molgas e en Santiago, e subliñou a intervención onte de dúas residencias privadas, en Vigo e en Cangas, transformándoas en residencias integradas baixo a supervisión directa das autoridades sanitarias. Unha intervención que supón o nomeamento dunha dirección que coordine a actividade asistencial, garantir a aplicación dos protocolos e levar a cabo a supervisión médica de todos os residentes.

Por outra banda, e en relación ao tecido produtivo, Feijóo pediu novamente ao Goberno de España unha maior concreción das actividades que están permitidas e cales non, para que non se sigan a xerar dúbidas e incertezas, aínda na mañá de hoxe martes.

O presidente da Xunta concluíu incidindo en que a Comunidade se atopa nun momento clave no que é necesario non relaxarse, senón redobrar o compromiso para evitar o contaxio. “Cada un no seu sitio e exercendo a súa responsabilidade. Formamos unha cadea”, dixo, trasladando o agradecemento aos que están a loitar por salvar vidas no ámbito sanitario, aos que vixían por que se cumpran as restricións, aos que garanten os servizos esenciais e a todos aqueles que están nas súas casas.

R., 2020-03-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (medio-ambiente.jpg) Foron presentadas as xornadas Galicia Biodays, que buscan posicionar Galicia como un territorio de referencia en innovación biotecnolóxica no ámbito internacional. Este evento vaise celebrar os días 6 e 7 de maio no Auditorio Mar de Vigo, e permitirá reforzar a marca Galicia Calidade en biotecnoloxía, fomentar o intercambio de coñecemento e establecer novas colaboracións científicas, empresariais e institucionais. Está previsto que asistan máis de 1000 persoas de 9 biorrexións convidadas, con máis de 130 relatores.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) Alfonso Rueda informou de que o Consello deu conta do inicio da tramitación do anteproxecto da que será 'a primeira Lei do terceiro sector da acción social de Galicia'. Unha norma que busca 'unificar nun único texto legal a regulación deste eido e recoñecer de xeito formal o seu traballo e o papel que xogan as entidades na sociedade galega'. A necesidade de aprobar esta lei xustifícase na importante presenza destas entidades en Galicia, preto de 1.500, -que constitúen 'unha auténtica rede de solidariedade', segundo resaltou a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García-, para apoiar as persoas e fogares máis vulnerables.

Notas

A Universidade da Coruña acollerá do 10 ao 14 de agosto dous congresos internacionais, o Third Solar MHD Conference e o New Frontiers in Cosmology, coincidindo co fenómeno da eclipse. Dúas citas para especialistas na materia que contan coa colaboración da Universidade da Coruña.
Financiado pola convocatoria comunitaria Europa Creativa, o proxecto HYP-Hypothesis You Preserve, ten entre os seus obxectivos a creación dunha 'enciclopedia dixital colaborativa de historia alternativa', unha disciplina que propón reflexionar sobre que tería acontecido se determinados feitos históricos se tivesen desenvolvido dunha forma diferente.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES