Noticias

Galicia achega máis do 60% dos proxectos que desenvolve o Consejo Jacobeo no marco do Xacobeo 2021

Galicia achega máis do 60% dos proxectos que desenvolve o Consejo Jacobeo no marco do Xacobeo 2021, liderando así a remisión de propostas a este órgano de coordinación entre as autonomías polas que pasa o Camiño de Santiago e o Goberno central. En concreto, das 92 iniciativas aprobadas por este ente, un total de 58 –o 63%– foron presentadas pola Xunta de Galicia, tal e como se informou hoxe no marco da xuntanza da Comisión Organizadora do vindeiro Ano Santo, que está integrada por representantes de diferentes departamentos da Xunta, da Igrexa e do Concello de Santiago de Compostela.

Segundo avanzou o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, no marco desta xuntanza, 49 dos 58 proxectos presentados son iniciativas propias, desenvolvidas pola Xunta de Galicia, mentres que outros 9 son proxectos liderados por Galicia aos que se adheriron outras comunidades autónomas. Con todo, a totalidade das accións están abertas ás achegas da iniciativa privada grazas ao programa de patrocinios impulsado con motivo do Ano Santo.

Precisamente, o titular de Cultura e Turismo fixo balance do desenvolvemento desta ferramenta, que xa permitiu captar máis de 8 millóns de euros para esta celebración tras a sinatura de acordos de patrocinio con algunhas das empresas máis recoñecidas da Comunidade. Neste sentido, avanzou que nos próximos días e semanas se espera que se concreten novas incorporacións a este programa.

Avaliación da programación

Ademais, a comisión executiva da Comisión Organizadora do Xacobeo 2021 analizou o desenvolvemento do avance da programación do vindeiro Ano Santo, presentada a finais do ano pasado. Este avance contempla a posta en marcha de máis de 7.600 actividades no marco de 180 proxectos aos que se espera que asistan máis de 7 millóns de persoas nos 313 concellos de Galicia co obxectivo de estender a influencia desta celebración a todos os municipios da nosa Comunidade.

De feito, co obxectivo de achegar este evento á cidadanía e reforzar as canles de comunicación online desta celebración, Román Rodríguez avanzou que a Xunta de Galicia ultima a creación dun microsite específico do Xacobeo 2021 incluído dentro da web caminodesantiago.gal. Este portal sitúase na actualidade como un referente na información sobre a Ruta Xacobea, ao recibir no último ano máis de 500.000 visitas, un 56% máis que o ano pasado.

Control de fluxos en torno á Catedral

Outro dos asuntos abordados no seo da xuntanza da comisión executiva da Comisión Organizadora do Xacobeo 2021 foron as accións do grupo de traballo específico creado a proposta do Concello de Santiago para deseñar un plan de aparcamentos disuasorios, mobilidade e control de fluxos de persoas en torno á Catedral de Santiago. Trátase dunha acción recollida no Eixo Acollida do Plan Estratéxico do Xacobeo 21 cuxa coordinación asume o Concello de Santiago. Neste sentido, o conselleiro de Cultura e Turismo puxo en valor a coordinación entre as distintas administracións, incluíndo tamén a proposta de engadir á Universidade e a Igrexa, para avanzar nunha mellor ordenación do turismo na capital galega e a ampliación de novos circuítos.

R., 2020-01-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES