Noticias

Galicia reduciu en 2018 a taxa de risco de pobreza e baixou a mínimos históricos a desigualdade e os fogares con dificultades

Galicia volveu reducir no ano 2018 a taxa de risco de pobreza, ao tempo que baixou ata mínimos históricos os indicadores que miden a desigualdade de ingresos e o número de fogares con dificultades económicas, segundo mostran os datos anuais da Enquisa Estrutural a Fogares publicada hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE). En concreto, a taxa de risco de pobreza ou exclusión social (indicador AROPE) de Galicia baixou por terceiro ano consecutivo en 2018, ao pasar do 20,26% ao 18,95%. É a primeira vez que este indicador baixa do 20% en toda a serie histórica, que comeza en 2011. En canto á taxa de risco de pobreza, tamén baixa por terceiro ano e sitúase no 15,51%.

Os datos da enquisa anual do IGE tamén indican que os indicadores que miden a desigualdade de ingresos situáronse en Galicia en mínimos históricos. Así, o índice de Gini baixou ao 0,265 e o indicador S80/S20 –que mide a diferencia entre o quintil máis rico e o máis pobre- tamén descendeu ata o 4,01. En ambos casos son as cifras máis baixas de toda a serie histórica, iniciada no ano 2007.

Mínimo histórico de fogares con dificultades

A enquisa do organismo estatístico galego mostra que en 2018 seguiron mellorando as condicións económicas dos fogares galegos. De feito, o número de fogares que chegan con algunha dificultade a final de mes baixou ao 46,28%, a cifra máis baixa de toda a serie histórica. Esta serie comeza no ano 2007, cando o número de fogares con algunha dificultade en Galicia era 20 puntos maior (66,01%).

Esta mellora da situación económica dos fogares galegos é consecuencia da baixada tanto do número de fogares con dificultade (que baixa do 38,17 ao 37,81%) como do descenso de fogares con moita dificultade, que pasan do 9,65 ao 8,47%. Ambos indicadores tamén acadaron en 2018 o nivel máis baixo de toda a serie histórica, iniciada en 2007.

Ademais, o número de fogares con carencia material severa tamén se reduciu en 2018 ao pasar do 4,8 ao 4%. Esta é igualmente a menor cifra da serie histórica, que comeza no ano 2011, cando o número de fogares nesta situación era do 7,8%.

Ingreso medio por fogar

A Enquisa Estrutural a Fogares confirma a senda á alza dos ingresos dos fogares galegos que se viña rexistrando nos últimos anos. En concreto, o ingreso medio por fogar ascendeu en 2018 ata os 2.196 euros, a maior cifra contabilizada ata agora polo IGE logo de acadar un incremento do 5,63% respecto ao ano anterior.

Ao mesmo tempo, ao mellora do mercado laboral propiciou un incremento dos ingresos procedentes do traballo por conta allea (aumentan ata o 51,48%) e do traballo por conta propia (10,84%), mentres que se reducen os ingresos procedentes de prestacións –supoñen o 34,83%- e as rendas e outros ingresos, que representan o 2,84%.

Composición dos fogares

Os datos anuais do IGE tamén analizan a composición dos fogares galegos, que acadan a cifra de 1.062.822. En 2018, a tipoloxía máis habitual foi a dunha parella con fillos (31,33%), seguida da parella sen fillos (23,5%) e os fogares unipersoais, que supoñen o 22,78% do total. Ademais, o 23,78% dos fogares de Galicia están compostos por persoas de 65 ou máis anos, mentres que no 22,85% viven unha ou varias persoas menores de 16 anos.

A Enquisa Estrutural a Fogares é unha actividade estatística anual dirixida aos fogares galegos co obxecto de obter información sobre as súas características socioeconómicas, e inclúe información detallada sobre as distintas áreas territoriais galegas.

R., 2019-12-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (premiso-rse-galicia-2026.jpeg) Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
Foto de la tercera plana (pesca-azul.jpg) A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade. Villaverde trasladará que Galicia afronta este debate desde unha posición singular pola dimensión e diversidade do seu complexo mar-industria, cunha extensa frota de baixura e pequena escala, unha importante presenza da altura e gran altura, unha industria transformadora e conserveira de referencia e unha acuicultura cun destacado peso na produción comunitaria.

Notas

Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
A campaña de escavación arqueolóxica realizada este verán na Cova do Santo e na Pala da Zorra, no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá, Ourense), permitiu obter novos datos sobre a ocupación e a historia destas cavidades ao longo da Prehistoria e confirma que conservan un rexistro de gran valor para coñecer tanto as comunidades humanas da Prehistoria como e as paisaxes que ocuparon este territorio miles de anos atrás. Os traballos dan continuidade ás investigacións iniciadas en 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES