Noticias

Galicia tivo en 2018 a mellor evolución da poboación dos últimos nove anos grazas á chegada de máis habitantes á comunidade

Galicia rexistrou ao longo do ano 2018 a mellor evolución da súa poboación dos últimos nove anos, segundo reflicten os datos do Padrón Municipal a 1 de xaneiro de 2019. A poboación de Galicia a 1 de xaneiro de 2019 situouse en 2.699.499 persoas, o que supón un descenso do 0,08% en comparación coa mesma data do ano anterior, a mellor evolución do padrón municipal galego desde o ano 2010. Esta mellor evolución da poboación galega é consecuencia directa do bo comportamento do saldo migratorio, toda vez que Galicia conseguiu atraer milleiros de novos habitantes procedentes de fóra da comunidade autónoma.

Galicia rexistrou ao longo do ano 2018 a mellor evolución da súa poboación dos últimos nove anos, segundo reflicten os datos do Padrón Municipal a 1 de xaneiro de 2019 publicados hoxe polo Instituto Nacional de Estadística (INE).

En concreto, a poboación de Galicia a 1 de xaneiro de 2019 situouse en 2.699.499 persoas, o que supón un descenso do 0,08% (-2.244 persoas) en comparación coa mesma data do ano anterior. É a mellor evolución do padrón municipal galego desde o ano 2010, cando tamén rexistrara unha baixada do 0,08% en comparación co exercicio precedente.

Esta mellor evolución da poboación galega é consecuencia directa do bo comportamento do saldo migratorio, toda vez que Galicia conseguiu atraer milleiros de novos habitantes procedentes de fóra da comunidade autónoma. De feito, segundo os datos do INE, en 2018 entraron a vivir en Galicia 13.136 persoas máis das que saíron a outras partes de España ou ao estranxeiro.

Neste apartado foi clave á excepcional evolución do saldo migratorio co estranxeiro, xa que en 2018 entraron en Galicia procedentes do exterior 12.884 persoas máis das que saíron a outros países. De feito, o saldo migratorio de Galicia co estranxeiro medrou un 88,6% respecto ao ano 2017, segundo os datos publicados polo INE.

As cifras do padrón municipal publicadas hoxe tamén mostran que a evolución da poboación de Galicia foi mellor que a do resto de comunidades autónomas colindantes. O descenso poboacional rexistrado en Galicia (-0,08%) no ano 2018 é moi inferior ao que se produciu en Asturias (-0,53%) e Castela e León (-0,40%), e tamén é mellor que o da comunidade de Estremadura, onde a poboación baixou un 0,48%.

Revisión á alza de 624 habitantes

Os datos publicados hoxe polo INE revisan os xa publicados por este organismo no pasado mes de abril. En comparación coas cifras publicadas naquel momento Galicia rexistra 624 habitantes máis, xa que a cifra do padrón municipal publicada de xeito provisional foi de 2.698.875 persoas.

R., 2019-12-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (premiso-rse-galicia-2026.jpeg) Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
Foto de la tercera plana (pesca-azul.jpg) A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade. Villaverde trasladará que Galicia afronta este debate desde unha posición singular pola dimensión e diversidade do seu complexo mar-industria, cunha extensa frota de baixura e pequena escala, unha importante presenza da altura e gran altura, unha industria transformadora e conserveira de referencia e unha acuicultura cun destacado peso na produción comunitaria.

Notas

Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
A campaña de escavación arqueolóxica realizada este verán na Cova do Santo e na Pala da Zorra, no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá, Ourense), permitiu obter novos datos sobre a ocupación e a historia destas cavidades ao longo da Prehistoria e confirma que conservan un rexistro de gran valor para coñecer tanto as comunidades humanas da Prehistoria como e as paisaxes que ocuparon este territorio miles de anos atrás. Os traballos dan continuidade ás investigacións iniciadas en 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES