Noticias

BioIncubatech incorpora 22 proxectos á incubadora de alta tecnoloxía

Un total de 22 proxectos ou pemes conformarán a primeira selección de incubación de BioIncubatech, a incubadora de alta tecnoloxía da USC para o fomento da innovación e transferencia de biotecnoloxía no ámbito da saúde e as tecnoloxías alimentarias ás micropemes. De xeito practicamente inmediato iranse incorporando ás instalacións do Edificio Emprendia da USC. O proxecto, que conta coa colaboración de Uninova e a Cámara de Comercio de Santiago, está financiado pola Fundación Incyde na súa convocatoria 2018 de ‘Incubadoras de Alta Tecnoloxía para o fomento da Innovación e a transferencia de tecnoloxía a micropemes’ (Fondos FEDER) e cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN).

Das candidaturas seleccionadas sete son empresas xa constituídas nos últimos anos que, logo de teren conseguido poñer no mercado novos produtos e servizos, poderán agora recibir apoio para a procura de investimentos, potenciar os labores de comercialización e saír ao mercado ou potenciar a súa actividade internacional. É o caso de Taste Lab, QuBiotech, Celtalga, Software 4 Science, HGBeyond, i-Grape e INTERA.

Outras catro das propostas seleccionadas (LiberaBio, MatPrint, Diversa e Fluorotools) xa recibiran apoio do Programa Ignicia da Axencia Galega de Innovación (GAIN) durante os últimos 12 ou 24 meses e neste momento encóntranse en fase de constitución. Dende BioIncubaTech poderán agora recibir apoio para captación de talento, busca de investidores, desenvolvemento comercial e internacionalización. Pódese deste xeito constatar a complementariedade entre programas xa existentes no ecosistema galego de biotecnoloxía (como o programa Ignicia) e BioIncubaTech. Os apoios da bioincubadora permitirán avanzar na consolidación de proxectos que xa tiñan percorrido parte do seu camiño cara ao mercado a través de Ignicia.

Estas sinerxías con outros programas detectáronse tamén no caso dalgún proxecto que pode recibir distintos tipos de apoio a través de BioIncubaTech e da Business Factory Food de Clusaga. O resto dos proxectos aprobados atópanse nunha fase máis incipiente e recibirán apoio para rematar o seu plan de empresa, captar talento empresarial e/ou financiamento e iniciar a súa actividade comercial a nivel nacional ou internacional.

Saúde

No ámbito da saúde hai varios proxectos que tratan de desenvolver mecanismos para que os axentes terapéuticos (fármacos ou material biolóxico) cheguen de xeito máis efectivo ao seu destino (diana terapéutica). As aplicacións das técnicas da xenómica e a medicina personalizada, tamén están presentes entre os obxectivos dalgúns dos proxectos que obtiveron mellores valoracións. Tamén hai casos nos que se hibridan de xeito eficaz os ámbitos de Coñecemento da medicina co das tecnoloxías da información e comunicacións. E tamén algúns centrados no desenvolvemento de novas vacinas ou dispositivos de uso no ámbito hospitalario.

Alén disto, hai varios proxectos seleccionados en torno á obtención de extractos de recursos naturais e sectores económicos moi vinculados a Galicia. A aplicación deses extractos van dende o ámbito da cosmética, a hixiene animal ata o do desenvolvemento de novos aditivos alimentarios de carácter máis saudable.

As propostas elixidas son, en formato de incubación física (módulos de incubación): HGBeyond, Celtalga Extract, I-Grape In-yectable para Mastitis Bovina, Arnigal Cultivos, ou a creación dun Laboratorio de Análise de Gas Radon en Interiores. Tamén en formato de incubación física, en espazo de coworking, figuran Diversa, Libera Bio, Genomes & Disease, Matprint, Bactidec ou Stelabus.

En Incubación virtual foron seleccionados Biobalmis, Qubiotech Health Intelligence S.L., BFlow, Taste Lab, Traffikgene, Ibonelab S.L.; FluoroTools, Terapia Contra la Metástasis, Hifas Vet, Materias Primas Ácidos Grasos Ozonizados, ou Aguas de Vino Enriquecidas en Antioxidantes Naturales.

Os proxectos foron seleccionados por un comité representado pola USC e o resto dos socios do proxecto: Uninova, Cámara de Comercio de Santiago, GAIN, BIOGA e CLUSAGA, cuxa presenza contribúe a unha integración máis efectiva entre os centros xeradores de coñecemento (universidades e outros centros públicos) e o sector empresarial.

Que é BioIncubatech?

Trátase da primeira bioincubadora de Galicia e a única en España especializada en proxectos biotecnolóxicos aplicados á saúde e ao sector agroalimentario. BioIncubaTech conxuga dotación de infraestruturas e programas de incubación e aceleración, para conseguir atraer talento emprendedor e resultados de investigación de todo o mundo a Galicia.

Esta nova infraestrutura, cuxa sede está situada no edificio Emprendia da USC, ofrece apoio e espazo para a incubación tanto de micropemes como de proxectos do ámbito biotecnolóxico: espazos de traballo privativos (laboratorios e oficinas); instalacións e equipamentos especializados en réxime compartido (salas: branca, de cultivo celular, de bioloxía molecular, de equipamentos de gran volume e de almacenamento de mostras); ademais de programas coordinados de apoio no ámbito da transferencia de tecnoloxía, desenvolvemento de negocio, internacionalización e financiamento. Ademais, proporciona un acceso preferente a infraestruturas científicas da USC.

Alén da infraestrutura científico-técnica proporcionada, as empresas usuarias de BioIncubatech contarán cunha serie de programas de apoio en catro eidos fundamentais de actividade: a transferencia de coñecemento e xestión da innovación; captación e xestión de talento directivo; coordinación e networking internacional; e captación de investimento e xestión financeira.

R., 2019-12-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES