Noticias

Os hoteis galegos reciben un 7,6% máis de viaxeiros en xullo cun forte crecemento do turismo internacional

Os hoteis galegos pecharon o mes de xullo recibindo máis viaxeiros, rexistrando un salientable incremento no número de pernoitas e cunha mellora nos indicadores de calidade. Así o reflicten os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) publicados hoxe referentes á ocupación nos hoteis e pensións da Comunidade que se completarán a semana que vén coas cifras da oferta extrahoteleira. Segundo estes datos, o sector hoteleiro galego recibiu un 7,6% máis de viaxeiros en xullo, fronte ao incremento do 3,3% a nivel estatal, o que sitúa a Galicia como a segunda Comunidade que experimentou unha maior suba.

Deste xeito, superouse a cifra de 540.000 visitantes debido, en boa parte, ao forte impulso do turismo internacional, que rexistrou un alza do 12,2%, mentres que o nacional creceu un 7,5%. Así pois, a chegada de visitantes nacionais e internacionais acada neste 2019 a segunda cifra máis elevada da serie histórica no mes de xullo grazas, en boa medida, á aposta da Xunta de promocionar o destino Galicia fóra das nosas fronteiras, en feiras nacionais e internacionais.

Con todo, os hoteis galegos non só recibiron un maior número de visitantes en xullo, senón que estes realizaron un maior número de noites. A demanda hoteleira experimentou un crecemento do 6,7% fronte o 1,1% do resto do Estado, e superou os 1,2 millóns de pernoitas, acadando a segunda cifra máis elevada da serie histórica. Así mesmo, a ocupación experimentou un alza de preto do 3% fronte o 0,13% a nivel estatal.

Oferta consolidada e de calidade

Malia a inestabilidade meteorolóxica rexistrada ao longo do mes e xullo, os datos do INE confirman que Galicia é un destino cunha oferta consolidada á marxe da meteoroloxía ao situarse como a segunda Comunidade que rexistrou un maior incremento tanto no número de viaxeiros como no referente á demanda hoteleira. Trátase dunhas cifras que confirman o impulso do Goberno galego a un turismo de calidade e vencellado ás particularidades de cada territorio, capaz de atraer viaxeiros durante todo o ano e a todos os puntos da xeografía galega.

A aposta pola profesionalización e a mellora da competitividade dos establecementos hoteleiros galegos reflíctese na mellora tanto da rendibilidade como das tarifas. En concreto, a rendibilidade mellorou un 7,3% acadando a cifra máis elevada da década mentres que as tarifas experimentaron unha suba do 2,4%.

Lugo lidera o crecemento

No que respecta aos datos por provincias, todas rexistran un comportamento positivo e homoxéneo da demanda hoteleira. En canto ao volume de noites, Lugo é a provincia que rexistrou un maior crecemento, un 14,2%; seguida de Pontevedra, cun 6,5%; Ourense, cun 5,7%, e A Coruña, cun 5,1%, uns incrementos parellos á cifra de viaxeiros aloxados. As cifras amosan a aposta pola descentralización do turismo que vén realizando a Xunta de Galicia, favorecendo a chegada de turistas ás catro provincias durante os doce meses do ano.

En termos absolutos, Pontevedra é a provincia que absorbe o maior volume de demanda no conxunto da Comunidade grazas aos bos datos rexistrados nos destinos do litoral. Séguena A Coruña, Lugo e Ourense.

R., 2019-09-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (gozo-festival-2026.jpg) Os Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia achegarán a mellor música internacional do momento a Santiago de Compostela cunha nova edición de O Gozo Festival. Maroon 5, Martin Garrix, Danny Ocean, Rita Ora e Miriam Rodríguez son as primeiras confirmacións do festival, que presentarán os seus directos no Monte do Gozo compostelán o sábado 11 de xullo de 2026. O Gozo Fest conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco dos Concertos do Xacobeo. En 2026, O Gozo Festival celebrará a súa cuarta edición cun line-up de luxo. O proxecto O Gozo Festival, que naceu en 2023 co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco de Concertos do Xacobeo, consolidouse na súa terceira edición, celebrada en 2025, cun éxito rotundo de crítica e público.
Foto de la tercera plana (20251210-rueda.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu esta mañá, na súa condición de presidente da delegación española do Comité Europeo das Rexións (CdR), unha maior cogobernanza das rexións na planificación e xestión dos fondos europeos e máis recursos para o sector primario. Así o destacou logo dunha reunión organizada polo Executivo galego entre os representantes españois tanto das comunidades autónomas como das entidades locais do CdR con eurodeputados españois e o embaixador representante permanente de España ante a Unión Europea, Marcos Alonso, 'para poñer en común as intencións e o noso plantexamento' de cara á negociación do novo Marco Financieiro Plurianual 2028-2034.

Notas

A mostra 'Alfredo Brañas Menéndez XIX-XXI. 125 anos do seu pasamento' chega ao Claustro Alto do Colexio de Fonseca para, en palabras da comisaria, Belén Trigo, 'buscar e descubrir os aspectos menos tratados' da figura deste intelectual rexionalista e 'establecer un diálogo entre dúas épocas', o século XIX e as primeiras décadas do século XXI. A exposición, que pode visitarse ata o 15 de xaneiro, conta cunha mostra bibliográfica con obras do autor e sobre o autor, documentos que obran no poder da USC, e 16 paneis.
Organizada polo Concello de Pontevedra e a Facultade de Belas Artes, a exposición Do final e do comezo reúne as creacións que 25 novos tituladas e titulados deste centro desenvolveron como parte dos seus traballos de fin de grao . As obras de 21 egresadas e catro egresados foron seleccionadas para unha mostra que busca achegar á cidadanía o proceso de 'construción e reconstrución' como artistas que implicou a súa formación, á vez que reúne un conxunto de pezas que representen as múltiples disciplinas traballadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES