Noticias

O 82% das persoas que comercializan vivendas de uso turístico en Galicia son pequenos propietarios cun único inmoble

O reparto da propiedade destes inmobles aporta un dato novidoso e que constata que se trata dunha opción maioritariamente de pequenos propietarios. De feito, o 82% dos galegos que comercializan unha vivenda de uso turístico contan cun único inmoble en alugueiro. Esta cifra aumenta ata o 93% no caso de arrendatarios cunha ou dúas vivendas. Así, só un 7% dos propietarios dispoñen de máis de dúas no mercado. A análise efectuada amosa a gran dispersión na distribución das vivendas de uso turístico polo territorio, así como a dispersión na distribución da súa propiedade. Hai máis de 6.300 propietarios distintos que libremente deciden poñer a súa primeira ou segunda vivenda no mercado do alugueiro turístico.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, acompañado pola directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, fixo hoxe balance da actividade desenvolvida polas vivendas de uso turístico, unha tipoloxía de aloxamento que desde hai dous anos conta cunha regulación específica na nosa Comunidade. Entre as cifras expostas, o conselleiro chamou a atención sobre o reparto da propiedade destes inmobles, un dato novidoso e que constata que se trata dunha opción maioritariamente de pequenos propietarios. De feito, o 82% dos galegos que comercializan unha vivenda de uso turístico contan cun único inmoble en alugueiro. Esta cifra aumenta ata o 93% no caso de arrendatarios cunha ou dúas vivendas. Así, só un 7% dos propietarios dispoñen de máis de dúas no mercado.

Esta foi unha das cifras máis destacadas da rolda de prensa arredor desta actividade que, á vista dos resultados, Galicia está regulando con eficacia e normalidade. Isto, como afirmaron, permite que tanto as persoas que ofrecen estes servizos como as que os contratan poidan facelo con garantías e con total seguridade xurídica para ambos.

“As cifras confirman que na Xunta acertamos cando hai dous anos decidimos regular as vivendas de uso turístico con sentidiño e de maneira eficaz”, declarou o conselleiro sobre o decreto posto en marcha en 2017. Neste sentido, lembrou que as comunidades autónomas tiveron que regular este fenómeno a raíz da modificación da Lei de Arrendamentos Urbanos aprobada polo Goberno central, que fai das vivendas de uso turístico unha modalidade particular, pois poden alternar en distintos momentos o seu uso residencial, como vivenda habitual dun particular ou dunha familia, co uso turístico.

A análise efectuada polo Goberno galego amosa a gran dispersión na distribución das vivendas de uso turístico polo territorio, así como a dispersión na distribución da súa propiedade. “Contabilizamos máis de 6.300 propietarios distintos que libremente deciden poñer a súa primeira ou segunda vivenda no mercado do alugueiro turístico”. É un dato, reflexionou, “que fala tamén dun modelo propio coas súas características respecto a outras zonas”. Asemade, é compatible co que o resto do sector afiance o seu desenvolvemento e garante a convivencia de usos, para o que faculta a concellos e comunidades de veciños a establecer límites se o consideran necesario.

Coordinación adinistrativa

Neste sentido, Román Rodríguez avanzou a súa vontade de continuar dando pasos, para o que xa trasladou unha proposta á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) co fin de facilitar a coordinación das competencias turísticas e urbanísticas exercidas pola administración autonómica e local. Como recordou, no ámbito de actuación dos concellos están funcións como a de regular os usos a través dos seus Plan Xerais de Ordenación Municipal ou constatar a legalidade urbanística.

“Temos un permanente contacto cos concellos neste ámbito –manifestou o conselleiro –, dado que cada vez que damos de alta unha vivenda de uso turístico notificámolo cunha comunicación tanto ao propietario como ao concello no que operará”. A Xunta quere ampliar esa colaboración en dúas direccións, para que o vén de propoñer á Fegamp “a creación dun marco de colaboración que nos permita afianzar o modelo”, un feito que, como avanzou, foi recibido con receptividade por este organismo.

Do mesmo xeito, a Xunta seguirá demandando maior coordinación a nivel estatal neste eido. Para iso, reclama ao Goberno central marcos normativos nos que poder desenvolver as competencias autonómicas con seguridade xurídica, a unificación de criterios que permitan dar unha resposta común a unha realidade dinámica e en constante evolución, e a xeración de espazos de cooperación nos que poder prever e anticiparse aos rápidos cambios que experimenta, de forma xeneralizada, o sector.

Ante a disparidade de criterios entre comunidades autónomas, o conselleiro apostou por unha harmonización cun marco común mínimo que redunde en beneficio de todos”, así como maior colaboración por parte das plataformas de comercialización online. Igualmente, volveu solicitar o establecemento dun sistema que permita medir a cifra de persoas que empregan este tipo de aloxamentos, algo inexistente na actualidade.

Distribución no territorio

O marco creado en Galicia, permitiu neste tempo regular 8.541 vivendas de uso turístico, unha pequena parte do parqué de vivendas da comunidade que, segundo o último censo realizado polo Instituto Nacional de Estatística (INE), é de 1,6 millóns de vivendas. Polo tanto, só o 0,53% terían como finalidade o uso turístico nestes momentos. E tamén unha cifra inferior á de comunidades como Cataluña, que conta con arredor de 80.000, das que máis de 18.000 operan só na cidade de Barcelona.

No caso de Galicia, o concello máis destacado é Sanxenxo, que supera as 1.600. A moita distancia sitúanse O Grove, Barreiros, Foz, Cangas ou Poio, todos eles por debaixo das 300. Superan esa cifra tres dos destinos urbanos galegos: Santiago de Compostela con 566 vivendas inscritas, Vigo con 310 e A Coruña con 296. “Só o 18% das vivendas de uso turístico se localizan nas sete grandes cidades”, apuntaron.

A provincia de Pontevedra é a que conta cunha porcentaxe superior, o 47%, seguida da Coruña (37%), Lugo (13%) e Ourense, que suma unicamente o 3% dos inmobles.

Influencia no sector

Sobre a repercusión no resto do sector, o conselleiro lembrou que as tipoloxías de aloxamento turístico que existían previamente (hoteis, pensións, apartamentos turísticos, cámpings e turismo rural) están incrementando o seu volume de viaxeiros. En concreto, no primeiro cuadrimestre do ano recibiron un 3,2% máis de turistas, que realizaron un 5% máis de pernoitas, co que a subida da ocupación por habitación foi do 6,4%. “Falamos sempre dun crecemento en cantidade, pero sobre todo en calidade”, recalcou o conselleiro, quen aludiu á mellora dos prezos hoteleiros ou ao aumento da rendibilidade empresarial, dun 7,7%, “ata os mellores niveis acadados esta década”.

“Por tanto, observamos que en Galicia existe unha correcta convivencia entre as vivendas de uso turístico e o resto de tipoloxías de aloxamento, un modelo polo que debemos seguir traballando”, declarou o titular de Cultura e Turismo da Xunta.

Labor de inspección

O conselleiro tamén deu conta da tarefa inspectora desenvolvida nesta área, “un labor que ten moito de asesoramento e de prevención a prol dun turismo de calidade”. Tras un período inicial, a Xunta incorporou as vivendas de uso turístico ao seu plan de inspección co resto de opcións de aloxamento e servizos, actuando principalmente de oficio. En total, incoáronse 53 expedientes, cos cales 30 xa foron finalizados.

A maior parte dos casos eran derivados de infraccións tipificadas como graves, en concreto por realizar a actividade de xeito ilegal, sen estar inscritas no rexistro autonómico. Só un grupo reducido motiváronse por incumprir ou alterar as circunstancias que motivaron a autorización para a actividade; efectuar cambios substancias ou non cumprir na prestación dos servizos acordados, ou empregar denominacións, rótulos e distintivos diferentes do fixado na normativa.

R., 2019-07-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (cdc-01.jpg) A Cidade da Cultura reunirá estes días as persoas representantes dunha vintena de linguas minoritarias de Europa. Será durante a asemblea xeral e a conferencia anual da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD), unha organización de ámbito europeo cuxa finalidade é promover a diversidade lingüística na UE. Entre os seus membros figura, desde a súa creación, a Xunta de Galicia, que, a través da Consellería de Cultura actúa como anfitrioa nos eventos de 2024. Na xornada trataranse os asuntos que atinxen á administración da organización e presentaranse varios informes.
Foto de la tercera plana (costa.jpg) A Xunta vai solicitar de xeito inmediato ao Goberno central o traspaso dos medios materiais e persoais para xestionar a súa costa trala sentenza do Tribunal Constitucional que avala a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, respondeu unha pregunta no pleno do Parlamento sobre esta materia na que salientou que o Alto Tribunal certifica que a norma galega é plenamente constitucional. Ademais, subliñou, confirma o que sempre defendeu a comunidade, que non é necesario reformar o Estatuto de Autonomía para que Galicia poida exercer plenamente as súas lexítimas competencias sobre o litoral.

Notas

Dos inicios do cinema galego á progresiva profesionalización do sector, pasando polo novos modelos de produción e pola situación das cineastas no momento actual. Trazar un percorrido histórico do panorama audiovisual galego ao longo das últimas tres décadas era o obxectivo central das xornadas que este xoves promoveu na Facultade de Comunicación a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), con motivo do seu 30 aniversario.
A 22ª edición do Encontro Universitario de Danza da USC chega a Lugo este xoves 25 e o venres 26 coa presentación de producións de danza das compañías das universidades de Vigo, A Coruña e máis a propia da USC. As funcións, de entrada libre e de balde, serán ambos os dous días ás 20.30 horas na Caixa Negra do Museo Interactivo de Historia (MIHL). A compañía de danza da UDC abrirá este encontro o xoves 25, ás 20.30 horas, coa posta en escena de ‘… E todo o demais non importa’, unha coreografía colectiva con dirección artística de Alba Fdez. Cotelo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES