Noticias

A nova estratexia de turismo rural avanza no Parlamento como un proxecto transversal que impulsará o progreso de Galicia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, compareceu a petición propia para informar sobre os avances deste documento normativo no que se está a traballar, e anunciou a inminente convocatoria ao sector para avanzar na nova clasificación por estrelas que equipararán o turismo rural ao resto de aloxamentos turísticos

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, compareceu a petición proipa no Parlamento de Galicia para informar dos avances na nova Estratexia de Turismo Rural na que a Consellería de Cultura e Turismo está a traballar como un proxecto transversal que impulse o progreso de Galicia. Anunciou, ademais, a inminente convocatoria ao sector para avanzar na nova clasificación por estrelas, unha das medidas máis innovadoras que inclúe esta estratexia e coa que se dará un significativo avance de cara a profesionalización e calidade do turismo rural.

“Impulsar o turismo rural é un obxectivo prioritario do Goberno galego”. Con esta declaración de intencións, a directora de Turismo de Galicia referiuse á importancia que esta estratexia terá no modelo turístico galego, que fomenta a desestacionalización e xera sinerxías co sector primario, creando emprego e asentando poboación no rural. Por iso, recordou, desde fai un lustro a Xunta vén desenvolvendo diferentes accións que inciden no aumento da oferta e na calidade, así como na profesionalización do sector.

Neste sentido, recordou que os resultados desta actividade son hoxe máis visibles que nunca. Nos últimos anos, o turismo rural está xerando cada vez máis interese entre os viaxeiros. O ano pasado, máis de 200.000 persoas escolleron esta modalidade, acadando o seu máximo histórico. Tamén, por primeira vez nesta década o volume e peso da temporada media está a superar ao rexistrado na temporada alta, facendo así grandes avances na desestacionalización.

A directora puxo de manifesto estas boas cifras recordando, ademais a marxe de mellora noutros indicadores nos que a nova Estratexia de Turismo Rural afondará. Referiuse ao intenso traballo de campo realizado para recabar información e debater sobre as necesidades do sector con máis de 20 mesas de traballo coa presenza dos xeodestinos, empresarios e asociacións de turismo rural, activo, enogastronómico, do sector primario, persoal das denominacións de orixe e consellos reguladores, máis de 40 entrevistas persoas, máis de 60 entrevistas a responsables de casas rurais e preto de 200 enquisas a aloxamentos de turismo rural.

Liñas, obxectivos e medidas

A Estratexia de Turismo Rural, da que se deu conta esta mañá en sede parlamentaria, está vertebrada arredor dun total de catro liñas, 10 obxectivos e preto dun centenar de accións. En concreto, as catro liñas estratéxicas previstas comezan pola potenciación da oferta de turismo rural e potenciación dos valores diferenciais incluíndo aquí o apoio aos axentes relacionados coa comercialización para implementar un catálogo de produtos de turismo rural, impulso ás casas no Camiño ou a reestruturación da oferta de turismo rural na liña da nova categorización de estrelas que se prevé.

Será unha clasificación de unha a cinco estrelas, coa que Galicia busca a súa equiparación ao resto de infraestruturas de aloxamento turístico, o impulso á profesionalización destes establecementos, a difusión e promoción dos seus servizos e mesmo unha maior seguridade a clientes e propietarios. Pola súa especial importancia e repercusión para o sector convocarase de xeito inminente mesas cos representantes de turismo rural de Galicia, para informar sobre esta nova clasificación e sobre o novo decreto que se redactará nese sentido que actualizará o vixente.

A segunda liña de traballo céntrase na profesionalización que pasa pola cooperación con outras empresas e a mellora da calidade e está dirixida a aportar ferramentas ao empresariado para potenciar os seus produtos e incrementar a competitividade do sector, con accións como seguir promovendo a implantación de sistemas de calidade como o SICTED ou Q de Calidade, conciencia de destino ou xornadas informativas sobre normativas en colaboración coa inspección turística.

A terceira liña baséase no coñecemento e innovación incluíndo aquí o desenvolvemento de aplicacións de análise de Big Data, para obter unha mellor comprensión dos fluxos e preparar Galicia para o turismo do futuro e mesmo un importante estudo de mercado, que nos de máis e mellores ferramentas para formular a oferta.

Por último, e como explicou a directora de Turismo, a estratexia tamén comprende a definición da promoción e comercialización mellorando a visibilización do turismo rural en feiras e eventos promocionais, campañas en países emisores, fomento do turismo de proximidade e interno ou reforzo da creación de experiencias e escapadas rurais fomentando a participación das axencias de viaxes no proceso de deseño.

R., 2019-06-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-20260302.jpg) A Filmoteca de Galicia programa en marzo unha carteleira marcada polo inicio dun ciclo dedicado ao cineasta alemán Rainer Werner Fassbinder, que se prolongará ata maio, e pola celebración dunha nova edición de Olladas de muller en colaboración co Consello da Cultura Galega. Ao tempo, a Sala José Sellier acolle o peche do especial Béla Tarr / László Krasznahorkai, tres miniciclos de dúas sesións con presentacións e coloquios e novas propostas de Fóra de serie, Off Galicia, Filmoteca Júnior e Materiais para unha historia do cine en Galicia. A partir do 17 de marzo, a cinemateca da Xunta inicia Rainer Werner Fassbinder (I) cun primeiro bloque de proxeccións con versións restauradas que abre o ciclo sobre o realizador xermano, un dos principais representantes do Novo Cinema Alemán dos anos sesenta e setenta.
Foto de la tercera plana (economia-moedas.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que Galicia pechou o 2025 nunha situación de 'equilibrio', mantendo un 'alto nivel de execución orzamentaria e sen déficit', o que permitiu reforzar as políticas de gasto en servizos públicos. Así o reflicte o informe presentado ao Consello da Xunta pola Consellería de Facenda relativo ao avance de peche do exercicio do pasado ano. O documento destaca a execución dos gastos correntes, vinculados principalmente aos servizos públicos, que chegou ao 106% dos créditos iniciais, aumentando en 555 millóns de euros. Reflicte, tamén, a boa execución do orzamento, que se sitúa no 97,4%, e dos fondos propios, que chega ao 101% dos créditos iniciais.

Notas

'Esta exposición pretende reunir unha pequena pero significativa historia de militantes da esquerda heterodoxa galega, aos que podemos cualificar con razón como dobremente esquecidos. Sufriron a represión franquista como militantes de esquerdas, moitos deles pagándoa coas súas vidas e, ao mesmo tempo, o estalinismo foi tan cruel como, ou incluso máis que os primeiros; ademais do encarceramento ou asasinato, sufriron calumnias acusándoos de ser axentes de Hitler'.
A Facultade de Veterinaria de Lugo acolleu este venres a gala de entrega do XXVI Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, que nesta edición recaeu en Bico de Xeado, iniciativa da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña, 'pola súa forte vinculación co medio rural e co sector primario e o desenvolvemento dun proxecto que combina produción leiteira, servizos ao sector e elaboración e comercialización de xeados propios, con presenza en Galicia e tamén fóra das nosas fronteiras'.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES