Noticias

Atopan en Cova Eirós (Triacastela, Lugo) un recipiente cerámico vinculado aos momentos iniciais do Neolítico

O achado dun vaso cerámico parcialmente conservado durante as escavacións de Cova Eirós (Triacastela, Lugo) permite achegar novos datos sobre o proceso de Neolitización da Fachada Atlántica e de Galicia en particular, tal e como reflicte un estudo recentemente publicado na revista Trabajos de Prehistoria. Tanto pola súa forma de botella como pola súa profusa decoración (realizada coa impresión dunha cuncha de berberecho, Cerastoderma edule), o recipiente lembra claramente a cerámica cardial, tan característica do rexistro arqueolóxico entre os primeiros grupos neolíticos do sur da Península Ibérica. As actuacións que levan desenvolvéndose desde o ano 2008 permitiron descubrir pinturas e gravados dun valor único e excepcional en Galicia.

A cerámica foi recuperada no interior dunha fosa escavada na entrada de Cova Eirós durante as intervencións dirixidas polo Grupo de Estudos para a Prehistoria do NW Ibérico–Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEPN-AAT) da Universidade de Santiago e o Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social (IPHES) co apoio da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, que precisamente este luns renovou a súa colaboración para continuar coas intervencións arqueolóxicas. Para ese efecto, o conselleiro Román Rodríguez e o reitor Antonio López subscribiron esta mañá un novo acordo que suporá unha inxección económica de 30.000 euros para este ano.

A análise realizada por Miriam Cubas, da Universidade de York, dos lípidos contidos no interior da cerámica atopada permite inferir que o recipiente foi utilizado para o procesado de carne de ruminantes xunto con vexetais. Aínda que a peza non se puido datar directamente, os paralelos estilísticos e tipolóxicos permiten relacionala con conxuntos oleiros do sur de Portugal.

A cerámica cardial está vinculada cos primeiros grupos do Neolítico Antigo, que penetran ao longo do litoral mediterráneo, traendo consigo a introdución das prácticas agrícolas e gandeiras. Os paralelos máis próximos xeograficamente atópanse na conca do río Mondego (Coimbra), no centro de Portugal, a máis de 300 km. A partir doutros exemplos identificados e datados no litoral portugués (Galería dá Cisterna, Santarém, Casével), o achado de Cova Eirós podería sinalar que o inicio das prácticas neolíticas no Noroeste peninsular remóntase probablemente ao final do VI milenio a. C, unha etapa aínda escasamente representada na Prehistoria galega.

Máis dunha década de traballos

As actuacións que levan desenvolvéndose desde o ano 2008 tanto na entrada da cova, con abundantes materiais e unha estratigrafía complexa onde se atoparon restos de ocupacións paleolíticas que van desde o paleolítico medio ata os momentos finais do superior, como nas paredes do interior da cova, onde se localizaron evidencias de arte rupestre do paleolítico superior, permitiron descubrir pinturas e gravados dun valor único e excepcional en Galicia.

R., 2019-06-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (cgac-2021.jpg) Jannis Kounellis é un dos artistas fundamentais da historia da arte da segunda metade do século XX. Foi obxecto de grandes exposicións retrospectivas na Fondazione Prada, Venecia (2019), e no Museo Jumex, Cidade de México (2023). Entre as súas exposicións individuais institucionais destacan as do Musée d’Art Moderne de la Ville de Paris (1980), Whitechapel Gallery, Londres (1981), Castello di Rivoli, Turín (1988), Stedelijk Museum, Ámsterdam (1990), Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Madrid (1996), Albertina, Viena (2005), Neue Nationalgalerie, Berlín (2007), MACRO, Roma (2016), Walker Art Center, Minneapolis (2022) e Museo Jumex, Cidade de México (2023).
Foto de la tercera plana (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.

Notas

Desde o ano 2022 e financiado polo International Space Science Institute, un equipo internacional liderado polo físico da UVigo Juan Antonio Añel estuda os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta do planeta, a orbitación de satélites e o lixo espacial. O equipo acaba de realizar unha xuntanza na sede do ISSI en Berna (Suíza).
As chuvias que recibimos no oeste da Península Ibérica dependen en boa medida do que sucede no Atlántico Norte. Un novo estudo liderado pola investigadora do CICA da UDC Uxía Fernández-Pérez reconstrúe como cambiaron as precipitacións nesta rexión durante os últimos 11.000 anos e permite comprender mellor os mecanismos oceánicos e atmosféricos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES