Noticias

A Cidade da Cultura convida a disfrazarse de estrelas do rock para gozar dun baile de entroido coa música da Gramola Gominola

A Cidade da Cultura de Galicia convida aos amantes do entroido a disfrazarse de roqueiras e roqueiros e gozar dun baile especial coa música en directo da banda infantil A Gramola Gominola, unha festa para toda a familia que terá lugar o luns 4 de marzo ás 17.30 horas no Museo Centro Gaiás. A estética do rock’n’roll, coas súas cazadoras de coiro, pantalóns axustados, chatolas ou topetes, convértese desta volta no tema do baile que a Cidade da Cultura organiza polo entroido desde fai catro anos e que, en edicións anteriores, se ten dedicado ás xentes do mar, á cultura chinesa ou aos diferentes xeitos de celebrar estas festas ao longo do mundo.

As entradas para este baile poden adquirirse na recepción do Museo Centro Gaiás ou en Ataquilla.com (3 € + gastos de xestión en venda anticipada e 4 € na billeteira).

Rock en galego

A música correrá a cargo da Gramola Gominola, banda infantil integrado por Paula Romero (voz), Ro Muñoz (batería), Anxelo de Xermar (baixo) e Paco Cerdeira (guitarra e voz). As guitarras, baixo e batería deste grupo farán gozar do rock en galego a toda a cativada que se achegue ao Museo Centro Gaiás.

“Somos un grupo de música infantil, en galego, pensado para as máis pequenas e pequenos da casa. Pero non un grupo máis, non o de sempre, somo unha banda de rock”, preséntanse os membros desta banda, convencidos de que non hai idades nin barreira para gozar da música.

O Baile de Entroido do Gaiás forma parte da programación dirixida a público familiar que organiza ao longo de todo o ano a Cidade da Cultura, con citas xa ben coñecidas como Nadal no Gaiás, Cidade Imaxinaria –na edición de primavera e verán- ou as acampadas no Bosque de Galicia, entre outras moitas actividades.

R., 2019-02-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (premiso-rse-galicia-2026.jpeg) Tivo lugar o acto de entrega dos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia 2026, que puxeron en valor a importancia de promover unha cultura empresarial que integre a responsabilidade social no seu modelo de xestión e sitúe as persoas no centro da actividade. As entidades premiadas foron Galaica Consultaría Integral e Nasas Social Media, na categoría de pequena empresa; Torres y Sáez, na de mediana empresa; Citanias Obras y Servicios, na de grande empresa; e Altia, coa Mención á Conciliación.
Foto de la tercera plana (pesca-azul.jpg) A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defenderá ante o Goberno central a posición de Galicia sobre o futuro da Política Pesqueira Común, baseada na necesidade de garantir financiamento suficiente para o sector, facilitar a renovación e modernización da frota e avanzar cara a un modelo de xestión que teña en conta tanto a conservación dos recursos como a viabilidade económica e social da actividade. Villaverde trasladará que Galicia afronta este debate desde unha posición singular pola dimensión e diversidade do seu complexo mar-industria, cunha extensa frota de baixura e pequena escala, unha importante presenza da altura e gran altura, unha industria transformadora e conserveira de referencia e unha acuicultura cun destacado peso na produción comunitaria.

Notas

Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
A campaña de escavación arqueolóxica realizada este verán na Cova do Santo e na Pala da Zorra, no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá, Ourense), permitiu obter novos datos sobre a ocupación e a historia destas cavidades ao longo da Prehistoria e confirma que conservan un rexistro de gran valor para coñecer tanto as comunidades humanas da Prehistoria como e as paisaxes que ocuparon este territorio miles de anos atrás. Os traballos dan continuidade ás investigacións iniciadas en 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES