Noticias

Galicia convértese nunha Comunidade punteira en control ambiental ao incorporar indicadores de calidade na inspección

Esta será unha das principais novidades do Plan de Inspección Ambiental de Galicia 2019-2024, o segundo destas características que se pon en marcha na comunidade co obxectivo de fixar os principais obxectivos no que respecta á realización deste tipo de controis e ás grandes liñas estratéxicas a seguir para poder acadalos. Así, Galicia converterase nunha das comunidades autónomas máis rigorosas e avanzadas en control ambiental, e será a única de España recoñecida desde o ano 2018 co certificado ISO 9001:2015 que acredita a calidade do seu traballo.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda incluirá por primeira vez indicadores de calidade nos procedementos de inspección ambiental, de tal xeito que Galicia se situará como unha das comunidades máis avanzadas e punteiras nesta materia.

Así o avanzou esta mañá a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Cruz Ferreira, quen subliñou que esta será unha das principais novidades do Plan de Inspección Ambiental de Galicia 2019-2024, o segundo destas características que se pon en marcha na comunidade co obxectivo de fixar os principais obxectivos no que respecta á realización deste tipo de controis e ás grandes liñas estratéxicas a seguir para poder acadalos.

Coas directrices presentadas hoxe, Galicia converterase nunha das comunidades autónomas máis rigorosas e avanzadas en control ambiental, segundo subliñou Ferreira Costa. De feito, explicou que a inspección galega, a única de España recoñecida desde o ano 2018 co certificado ISO 9001:2015 que acredita a calidade do seu traballo, é unha das mellores de todo o país e das máis participativas nos programas europeos desta área.

Na liña por manter e incrementar a calidade do servizo, outra das melloras previstas no novo plan plurianual é a incorporación, por primeira vez, dun índice de risco ambiental para aquelas instalacións que non teñen Autorización Ambiental Integrada (AAI). Este novo indicador, que non é obrigatorio no caso deste tipo de actividades, aplicarase tamén a partir do ano 2019 co obxectivo de determinar a frecuencia máis axeitada das inspeccións que xa se viñan realizando a instalacións non suxeitas a autorización ambiental.

Esta decisión adóptase, segundo explicou Ferreira Costa, co fin de mellorar a planificación dos controis que se levan a cabo sobre estas actividades seguindo unha orde baseada na análise do risco concreto que presente cada unha.

Así mesmo, no Plan de Inspección Ambiental 2019-2024 tamén se actualizan os índices de risco para instalacións suxeitas a AAI -e que, polo tanto, tamén son as de maior impacto ambiental- e o de traslado de residuos transfronteirizos. O obxectivo neste caso é adaptar ambos índices á normativa estatal e europea, incorporando factores novos, coma por exemplo o ruído no caso das actividades con AAI.

Tres programas específicos

Cómpre lembrar que tanto a normativa comunitaria como a española establecen a obriga de que os organismos competentes en materia ambiental elaboren plans de inspección que cubran todas as actividades suxeitas a AAI así como plans de control e vixilancia dos traslados de residuos entre países da UE. A Xunta, en todo caso, vai máis alá e xa no plan anterior incluíu tamén un programa de seguimento para actividades sen AAI.

Neste sentido, a planificación realizada en materia de inspección ambiental para o período 2019-2024 volverá diferenciar entre tres liñas ou plans de actuación: o programa sobre actividades sometidas ao real decreto polo que se aproba o texto refundido da Lei de Prevención e Control Integrados da Contaminación (IPPC); o de vixilancia e control sobre traslado transfronteirizo de residuos; e o de actividades non IPPC.

A duración do plan será outra vez de seis anos e, por primeira vez, contémplanse indicadores para levar un control e seguimento do mesmo con carácter anual, ademais dunha vez que se complete o período de vixencia.

Colaboración coas forzas e corpos de seguridade

As inspeccións a empresas sometidas a AAI e a xestores de residuos realízanas os 13 inspectores da Xunta dependentes da Consellería de Medio Ambiente, mentres que as restantes visitas de control corren a cargo dos axentes da Unidade Adscrita á Policía Autonómica de Galicia (UPA), que colabora e actúa coordinada coa Inspección Ambiental.

Cómpre subliñar, precisamente, que a implicación directa da UPA nos últimos anos na execución dos programas de inspección da Xunta resultou determinante para poder estender a actuación de control a un amplo abano de actividades. Por este motivo, a directora xeral indicou que os axentes da policía autonómica son, a día de hoxe, “un dos piares” sobre os que se asenta o Plan Xeral de Inspección Ambiental de Galicia.

A UPA, en todo caso, non é o único corpo que presta o seu apoio a este servizo da Xunta, co que tamén colaboran o Seprona e a Garda Civil de Tráfico en actuacións moi concretas. Precisamente, unha das novidades que se incorporarán no ano 2019 será a colaboración coa Garda Civil nun programa específico para inspeccionar os residuos nas estradas galegas e facer un seguimento da súa trazabilidade. Esta iniciativa xorde como resultado da experiencia pioneira que se levou a cabo no último trimestre de 2018 e que se saldou cun gran éxito.

En 2019 tamén están previstas máis controis conxuntos coa Inspección de Portugal –tanto en control transfronteirizo de residuos como en actividades IPPC-; con outros servizos de inspección da Xunta; así como a realización de inspeccións transfronteirizas de residuos a países non UE en virtude dun futuro acordo de colaboración co Ministerio de Transición Ecolóxica.

Así mesmo, o Servizo de Inspección Ambiental do Goberno galego tamén participará activamente, xunto con outras comunidades autónomas e Portugal, nun programa específico de inspeccións de actividades IPPC con autorización ambiental integrada de cría intensiva de aves de curral e porcino, ante a entrada en vigor en xullo do ano 2020 da decisión da UE de aplicación das melloras técnicas dispoñibles neste sector.

O obxectivo para este ano será a realización de 570 inspeccións en toda Galicia, tendo en conta tanto as visitas programadas como as que non.

Balance 2013-2018

Por último, a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático fixo tamén un pequeno balance do plan de inspección anterior, o primeiro que se levou a cabo en Galicia en cumprimento da normativa tanto estatal como comunitaria. En total, no período 2013-2018 leváronse a cabo algo máis de 3.500 controis por parte do Servizo de Inspección Ambiental (3.581) da consellería, e máis de 15.000 da Unidade de Policía Autonómica de Galicia, que se saldaron con case 3.700 (concretamente, 3.691) expedientes sancionadores abertos.

En todo caso, como subliñou Ferreira Costa os datos rexistrados no período 2013-2018 permiten falar dunha diminución progresiva dos sancionadores nos últimos anos debido á “autoconcienciación” detectada por parte das empresas e ao impacto positivo que tivo a actividade sancionadora inicial á hora de incentivar que as actividades sen a preceptiva autorización, a solicitasen. “Estas cifras poden considerarse un éxito da inspección ambiental en Galicia”, concluíu a directora xeral de Calidade.

En base á experiencia acadada nos últimos seis anos elaborouse o novo plan presentado esta mañá, o segundo que se pon en marcha en Galicia e que introducirá algunhas novidades e melloras con respecto ao precedente.

R., 2019-01-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (union-europea-bandeiras.jpg) O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións (CdR), onde Galicia presentou 21 emendas a catro dos ditames sometidos a aprobación. Un dos máis relevantes para a comunidade foi o ditame sobre a ferramenta de facilitación transfronteiriza. Calcúlase que a eliminación do 20% das barreiras e obstáculos xurídicos e administrativos actuais entre rexións de fronteira na UE -entre as que se atopa Galicia, que conforma unha Eurorrexión xunto co Norte de Portugal- permitiría aumentar o seu PIB nun 2% e crear nelas ata un millón de empregos.
Foto de la tercera plana (cdc-01.jpg) InnovArt 24, o maior evento en Galicia de promoción e difusión das ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas propicia o encontro entre as vocacións e os profesionais, e facilita que o alumnado de diferentes niveis educativos se familiaricen e tomen contacto cos eidos da arte dramática, as artes plásticas e deseño, a conservación e restauración de bens culturais, a danza, as ensinanzas deportivas, os idiomas e a música. A feira conta cunha zona de 4.100 m² no Museo Centro Gaiás, na que os visitantes poden participar en obradoiros de artes plásticas e deseño, traballos de conservación e restauración de bens culturais, actividades deportivas didácticas de música, arte dramática e danza, así como de idiomas. Tamén se ofrecen mostras e exhibicións das distintas ensinanzas, concertos, conferencias e espectáculos escénicos en directo.

Notas

Mostrar á cidadanía os resultados do traballo realizado ao longo do curso nas aulas teatrais dos tres campus da UVigo, á vez que achegar a cidade propostas escénicas chegadas desde outros países. Estes dous obxectivos conflúen na XV Mostra Internacional de Teatro Universitario de Pontevedra (Miteu), que se desenvolverá entre o 24 de abril e o 3 de maio, con cinco funcións con entrada libre no Teatro Principal, todas elas ás 20.30 horas.
A Sala Cloud do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) acollerá o vindeiro martes un novo taller do ciclo HumanIA UDC, organizado polo Consello Social e a Facultade de Humanidades da UDCe por dito centro. Baixo o título 'Perfís profesionais: Humanidades e IA', a experta en lingüística, tecnoloxía e diversidade, Cristina Aranda, cofundadora de Big Onion e Mujeres Tech, explicará as claves da cooperación entre perfís profesionais de cara ao futuro e presente da IA.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES