
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, asistiu ao festival infantil de curtametraxes Pequefilmes, que reúne esta fin de semana na Cidade da Cultura a preto de 2000 nenos e nenas e promove a cultura audiovisual desde as idades máis novas. Neste festival, subliñou o conselleiro, os máis pequenos da casa son moito máis que espectadores, xa que adoptan o papel de críticos de cine valorando os filmes que se proxectan e estréanse tamén como realizadores en obradoiros pensados para gozar en familia.
A programación de Pequefilmes abrangue todas as etapas da infancia, con tres seccións diferenciadas por idades: Vagalumes de 0 a 3 anos, Miñocas para maiores de 4 anos e Fanecas a partir dos 7 e ata os 12 anos de idade. En total durante os días 26 e 27 de xaneiro realizaranse no Museo Centro Gaiás máis de 150 proxeccións de curtametraxes procedentes de 30 países. Unha ampla escolma de películas con variedade de estilos, temáticas e historias para espertar a curiosidade e o gusto polo audiovisual de calidade entre a cativada.
Catro traballos feitos na nosa comunidade poderán verse na sección a concurso de Pequefilmes, onde compiten por levar algún dos dous premios (Miñocas e Fanecas) que decide o propio público do festival. Vila Pelusa, The magic oven (O forno máxico) premiado no Festival de Cans 2017 Criaturas caóticas e Paquita finalista nos Premios Mestre Mateo 2018 son as catro producións galegas que participan nesta edición.
Xunto a elas estará o máis destacado do panorama internacional actual para as audiencias máis miúdas. Moitas das curtametraxes que se proxectan na Cidade da Cultura pasaron, así mesmo, polos festivais de cinema infantil, xuvenil e de animación máis importantes do mundo, como o Annency, Chicago ICFF, Animamundi, Animafesta, Dresdner Kinderfilfest ou Clermont-Ferrand. Este último mantén unha colaboración especial con Pequefilmes, ofrecendo unha selección das mellores curtametraxes exhibidas no prestixioso festival francés.
Primeiros pasos no mundo do cine
Ademais de gozar do mellor cine miúdo, Pequefilmes propón obradoiros para que as familias dean xuntas os seus primeiros pasos na creación cinematográfica. Nestes obradoiros darán vida a personaxes de cartolina cos que realizarán a súa propia curtametraxe, empregando a técnica da animación fotograma a fotograma (stop motion).
Para poder logo ver as súas creacións en pantalla grande, pais, nais e cativada aprenderán a construír un proxector de cine caseiro con materiais reciclados, co que transformarán as súas casas en pequenas salas de cine.
Pequefilmes é unha actividade impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, coa colaboración da empresa audiovisual Cinética e o festival internacional de curtametraxes Clermont-Ferrand.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.