Noticias

Inaugurada en Portomarín a mostra itinerante que conmemora os 25 anos do Camiño Francés como Patrimonio Mundial

Inaugurada hoxe no concello lucense de Portomarín a exposición itinerante que conmemora o 25 aniversario da inclusión do Camiño Francés na Lista Indicativa do Patrimonio Mundial da Unesco. A mostra fotográfica realiza unha retrospectiva sobre este fito que, no contexto do Xacobeo 93, marcou un antes e un despois na peregrinación a Compostela. Ao longo deste cuarto de século o Camiño Francés avanzou de maneira notable en todos os aspectos relativos á súa xestión e posta en valor.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, inaugurou hoxe no concello lucense de Portomarín a exposición itinerante que conmemora o 25 aniversario da inclusión do Camiño Francés na Lista Indicativa do Patrimonio Mundial da Unesco. A mostra fotográfica realiza unha retrospectiva sobre este fito que, no contexto do Xacobeo 93, marcou un antes e un despois na peregrinación a Compostela.

Como salientou, ao longo deste cuarto de século o Camiño Francés avanzou de maneira notable en todos os aspectos relativos á súa xestión e posta en valor, tanto desde un punto de vista cultural e patrimonial como desde a perspectiva turística e de desenvolvemento económico. Neste sentido, agradeceu aos alcaldes e veciños a súa contribución na atención aos peregrinos e animou a perseverar na busca da mellora e a excelencia permanente.

“Ninguén dubida que o recoñecemento da Unesco, no marco do Xacobeo 93, tróuxonos ata aquí”, afirmou Román Rodríguez. Así, destacou que a declaración motivou a recuperación dos valores do Camiño de Santiago, avivou a conciencia sobre o seu legado e propiciou a súa revitalización, coa preservación e rehabilitación do patrimonio vencellado á ruta.

Antes da apertura da exposición, o conselleiro reuniuse cos membros da Mancomunidade dos Concellos Galegos do Camiño Francés como parte da rolda de encontros que vén mantendo cos distintos axentes implicados na Ruta Xacobea tras a creación da nova Consellería de Cultura e Turismo. Nesta xuntanza, Román Rodríguez puxo en valor a intensa colaboración mantida entre a Xunta e este conxunto de municipios nos últimos anos, no marco do Plan Director do Camiño de Santiago, á que se referiu como “a base deste éxito colectivo”.
Mantemento e albergues

Ademais, avanzou que en 2019 o Goberno galego daralle continuidade aos acordos en marcha e mesmo ampliaranse os proxectos de actuación no horizonte do Xacobeo 21. A maiores dos distintos convenios, sumarase un novo contrato de mantemento e outras melloras na rede pública de albergues, cunha aposta tanto pola sustentabilidade como pola accesibilidade.

Román Rodríguez lembrou que o Camiño Francés, con seis de cada dez peregrinos, é a ruta máis percorrida. Dos máis de 327.000 peregrinos de 180 nacionalidades que recolleron este ano a súa Compostela, o 57% elixiu esta vía. “Isto é unha riqueza cultural que no medio rural non está ao alcance de moitos lugares”, celebrou o titular de Cultura e Turismo da Xunta.

Neste contexto, e coa vista na organización do Xacobeo 21, Román Rodríguez animou aos concellos da ruta a implicarse na planificación desta cita. “A nosa aspiración –sinalou– é que o vindeiro Ano Santo non sexa unha celebración que se circunscriba só a Santiago de Compostela, senón que teña repercusión en toda a nosa Comunidade”.

Coa mirada posta no futuro, o encontro de hoxe supuxo unha ollada ao pasado, coa homenaxe brindada polo Concello de Portomarín a Víctor Vázquez Portomeñe, que descubriu unha placa nun novo monumento na localidade. Trátase, como indicou o conselleiro, dun “xusto recoñecemento ao ‘pai’ do primeiro Xacobeo moderno por unha vida dedicada a Galicia e ao Camiño”, que impulsou “un proxecto de dimensión global que levou e leva o nome da nosa Comunidade por todo o mundo” e que segue a estar presente nesta construción.

R., 2018-12-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (112-4.jpeg) O 112 Galicia rexistra os seus picos de emerxencia durante as tardes e noites de verán. Os meses estivais traen consigo un cambio nos hábitos da poboación galega: días máis longos, noites máis activas e un aumento significativo das incidencias xestionadas polo 112. Segundo os datos, as franxas horarias con maior demanda son as 15:00 e as 20:00 horas, coincidindo cun estilo de vida máis intenso e prolongado durante o verán. En 2023, o servizo rexistrou medias de 1.300 intervencións entre as 15:00 e as 16:00 horas, e case 1.500 (1.484) entre as 19:00 e as 20:00 horas durante xuño, xullo e agosto. Aínda que en 2024 houbo un descenso global de incidencias (233.289 anuais), estas franxas mantiveron cifras elevadas: máis de 1.000 chamadas á tarde e 1.200 á noite no mesmo período.
Foto de la tercera plana (incendios-camions.jpeg) O Goberno galego incrementará o orzamento destinado á formación do persoal dos servizos de prevención de incendios forestais ata os 1,8 millóns de euros no bienio 2025-2026, o que supón un 19% máis que no período anterior. Esta medida enmárcase no Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga), cuxo obxectivo é minimizar o impacto ecolóxico, económico e social dos lumes, optimizando os recursos dispoñibles. O compromiso formativo da Consellería do Medio Rural xa se reflectiu en 2024, cando se impartiron 473 cursos con 11.447 participantes e máis de 108.000 horas de adestramento.

Notas

A revista científica Nature publica un achado fundamental para comprender a prevalencia da materia sobre a antimateria que existe desde as orixes do universo. O artigo, asinado polo equipo do experimento LHCb do CERN no que participa o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (USC), abre unha nova vía na procura de física máis alá do Modelo Estándar, a construción máis completa que a ciencia conseguiu ofrecer ata agora para explicar o universo.
Aínda que o descubrimento remóntase ao ano 2021, non foi ata onte cando a revista Archaeological and Anthropological Sciences publicaba o achado realizado por integrantes do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da UVigo, que hai anos traballan no xacemento ourensán de Arema, na parroquia ourensá de Santa Mariña de Augas Santas (Allariz), do primeiro trilobite confirmado da época romana.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES