Noticias

A Cidade da Cultura afondou en 'Contornos e contornas' na mellora do benestar e aprendizaxe nas escolas a través da arquitectura

A Cidade da Cultura de Galicia celebrou hoxe a primeira edición de Contornos e contornas. Unha visión transdisciplinar sobre a arquitectura, na que profesionais da arquitectura, psicoloxía e pedagoxía procuraron crear un clima de reflexión e de propostas en común sobre accións e medidas a executar nos recintos educativos para mellorar a habitabilidade, benestar e o clima de aprendizaxe, tirando proveito dos respectivos coñecementos destas disciplinas. Nesta primeira edición, o obxecto de análise son os recintos educativos, coa intención de acadar un clima de reflexión conxunta entre profesionais da arquitectura e as ciencias sociais.

A directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura, María Pereira Otero, deulles a benvida aos e ás participantes e salientou que a experiencia da Cidade da Cultura “en convivencia e irmandade” entre programación cultural, emprendemento, tecnoloxía e intercambio social convértea no “lugar axeitado” para celebrar unha xornada como Contornos e contornas —organizada pola xestora cultural ‘taller abierto’— que tivo como cerna incidir nas posibilidades da arquitectura como axente condicionante das actividades humanas e os efectos que o espazo arquitectónico ten sobre o comportamento e benestar das persoas.

Nesta primeira edición, Contornos e contornas centrou o seu obxecto de análise nos recintos educativos, coa intención de que, a través dunha aproximación atenta e detida, se acade un clima de reflexión conxunta entre profesionais da arquitectura e as ciencias sociais. Dúas disciplinas chamadas a entenderse e que evidencian, en máis dunha ocasión, que están máis desconectadas entre si do que deberan.

Fronte esta situación, a xornada procurou crear un espazo de debate sobre a necesidade de establecer unha complementariedade efectiva entre disciplinas, rexeitando o tradicional illamento metodolóxico entre arquitectos e profesionais do eido pedagóxico á hora de acometer os proxectos de escola.

Expertos en psicoloxía ambiental, pedagoxía e arquitectura

Para crear este espazo de debate e reflexión interdisciplinar, contouse nas xornadas con Ricardo García Mira, catedrático de Psicoloxía Social na Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña (UDC), especializado en Psicoloxía Ambiental; Julia María Crespo Comesaña, doutora en Pedagoxía e mestra de Organización Escolar na Facultade de Ciencias de Educación na Universidade de Santiago de Compostela (USC), e Celestino García Braña, doutor arquitecto e mestre titular de Teoría da Arquitectura na Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC.

Ricardo García Mira arrancou a xornada de Contornos e contornas apuntando, desde un punto de vista científico, as claves físicas e espaciais que inflúen no comportamento social e individual; no desenvolvemento cognitivo; e no estado de saúde mental. Mentres, Julia María Crespo Comesaña incidiu nas necesidades educativas e na súa intervención procurou achegarse a como son os procesos e os elementos que constrúen un ambiente de aprendizaxe.

Pola súa banda, Celestino García Braña abordou no seu relatorio como enfrontarse a un proxecto arquitectónico para un centro educativo; os parámetros baixo os que se executa: o marco conceptual e metodolóxico; ou cales son as relación coas institucións e profesionais docentes.

Contornos e contornas rematou abrindo o debate entre os tres relatores e o público, na mesma liña da súa cerna de crear un clima de reflexión conxunta entre todas as disciplinas, arquitectónicas e sociais, que deben ser tidas en conta nos deseños de espazos arquitectónicos.

R., 2018-11-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.
Foto de la tercera plana (hoteis-galicia.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este martes os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que revelan que os hoteis e pensións galegas ingresaron nos oito primeiros meses do ano 334,7 millóns de euros, que revelan un incremento do 6,6% con respecto ao mesmo período do pasado ano. A rendibilidade hoteleira medra nos oito primeiros meses do ano o 7,5%. Só no mes de agosto, o sector tivo uns ingresos de 92,4 millóns de euros que se traducen nunha suba do 8,8% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Por primeira vez supérase a barreira dos 90 millóns de euros de ingresos no mes de agosto rexistrando un máximo histórico.

Notas

O luns 28, Día Internacional do Dereito a Saber, arranca na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a XI edición do Congreso Internacional de Transparencia e Bo Goberno (CIT), que se prolongará ata o martes 29 co apoio institucional da Xunta de Galicia, o Consello de Contas e o Consello Consultivo, entre outras institucións e organismos.
137 traballos científicos elaborados por preto de 260 autores vinculados a 52 institucións académicas e de investigación de máis dunha ducia de nacionalidades. A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UVigo acollerá o 1 e 2 de outubro, o ITC’26, 18º Congreso Internacional de Turismo, un encontro académico e profesional no que se reunirá persoal investigador, docente e experto en turismo transfronteirizo procedente de catro continentes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES