Noticias

Volve a Santiago 'Ciencia Singular': II Xornada de Portas Abertas na Rede de Centros Singulares da USC

A Rede de Centros Singulares de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela (RCSI-USC) celebra o vindeiro sábado 10 de novembro a segunda edición da súa xornada de divulgación «Ciencia Singular», un encontro que convida á cidadanía galega a coñecer in situ a investigación de excelencia que realizan CiQUS, CiMUS e CiTIUS. Adentrarse nun centro de investigación científica de excelencia para coñecer de preto ao seu persoal e o traballo que este desempeña.

O vindeiro sábado, 10 de novembro, a Rede de Centros Singulares de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela celebra a súa segunda xornada de portas abertas «Ciencia Singular», co obxectivo de achegarse á cidadanía galega e reivindicar o papel deste centros de referencia científica desde a súa localización no campus de excelencia internacional Campus Vida. A xornada constitúe así coma o gran encontro divulgativo do CiQUS (Química Biolóxica e Materiais Moleculares), o CiMUS (Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas) e o CiTIUS (Tecnoloxías da Información), e servirá para dar testemuño da calidade dos resultados de investigación da rede, así como do valor engadido que está a achegar á mellora da nosa calidade de vida.

Ao longo da 'II Edición de Ciencia Singular' os visitantes participarán en distintas actividades, como charlas de divulgación, obradoiros científicos ou experimentos infantís, así como encontros con especialistas ou demostracións de tecnoloxías desenvolvidas nos centros.
O futuro é tecnolóxico.

No CiTIUS trabállase no desenvolvemento de novas tecnoloxías informáticas en distintas áreas, como a Intelixencia artificial, a Supercomputación, a Robótica ou a Nanosensórica. Todas elas contan con múltiples aplicacións no eido das ciencias da computación, mais tamén en ámbitos como a industria manufactureira, a seguridade, a sanidade ou o transporte, sempre co obxectivo final de mellorar a nosa calidade de vida.

A Química: unha ciencia interdisciplinar para o século XXI

A Química é unha das ferramentas máis poderosas coas que conta a sociedade para afrontar os desafíos presentes e futuros. O compromiso diario do CiQUS en campos como a saúde (Química Biolóxica e Médica) ou a industria (Materiais Funcionais, Catálisis) permitiu que en só oito anos o centro se consolidara como referente de investigación multidiscilplinar, na fronteira entre a Química, a Biomedicina e a Ciencia de Materiais.

Enfermidades crónicas e medicina molecular

O CiMUS traballa na prevención, comprensión e tratamento das enfermidades crónicas en áreas como Cancro, Endocrinoloxía e Nutrición, Trastorno Cardiovascular, Neurociencias, Xenética e Xenómica Funcional, Terapias experimentais ou Bioestatística. Xunto co Hospital Clínico Universitario de Santiago, o centro está integrado no IDIS, un Instituto de Investigación Sanitaria acreditado polo Ministerio de Sanidade.

Ciencia para tódolos públicos

A participación nesta xornada é completamente gratuíta e require inscrición previa a través do formulario web disposto pola organización. O programa está deseñado para visitar os tres centros ao longo do día (mañá e tarde) en diferentes franxas horarias.

Os tres centros da RCSI están financiados polo Programa de axudas competitivas para a acreditación, estruturación e mellora de centros de investigación singulares e agrupacións estratéxicas consolidadas do Sistema Universitario de Galicia.

R., 2018-10-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (programacion-karmica-2026.jpg) O calendario de Programación Kármica arranca este 25 de setembro con Taïn na Sala Guión de Pontedeume. A seguinte cita será o 16 de outubro, con Camellos e Cora Yako en La Conservera de Viveiro, mentres que o 24 de outubro actuarán Javier Lago e Santi Araújo na Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro. O ciclo chegará precisamente á sala que acolle hoxe a súa presentación, A Cofradía de Vilanova de Arousa, o 27 de novembro, coas actuacións de Montedapena e Nuntia. O programa de 2026 pecharase o 26 de decembro na Pousada da Galiza Imaxinaria con Portosanto e Hermanos Visi.
Foto de la tercera plana (hoteis-galicia.jpg) O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou este martes os datos da enquisa de ocupación hoteleira na comunidade galega, que revelan que os hoteis e pensións galegas ingresaron nos oito primeiros meses do ano 334,7 millóns de euros, que revelan un incremento do 6,6% con respecto ao mesmo período do pasado ano. A rendibilidade hoteleira medra nos oito primeiros meses do ano o 7,5%. Só no mes de agosto, o sector tivo uns ingresos de 92,4 millóns de euros que se traducen nunha suba do 8,8% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Por primeira vez supérase a barreira dos 90 millóns de euros de ingresos no mes de agosto rexistrando un máximo histórico.

Notas

O luns 28, Día Internacional do Dereito a Saber, arranca na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC) a XI edición do Congreso Internacional de Transparencia e Bo Goberno (CIT), que se prolongará ata o martes 29 co apoio institucional da Xunta de Galicia, o Consello de Contas e o Consello Consultivo, entre outras institucións e organismos.
137 traballos científicos elaborados por preto de 260 autores vinculados a 52 institucións académicas e de investigación de máis dunha ducia de nacionalidades. A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UVigo acollerá o 1 e 2 de outubro, o ITC’26, 18º Congreso Internacional de Turismo, un encontro académico e profesional no que se reunirá persoal investigador, docente e experto en turismo transfronteirizo procedente de catro continentes.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES