
Nota de prensa de la Real Academia Galega (RAG):
Irmandade foi elixida a Palabra do Ano 2016 na votación popular promovida polo Portal das Palabras, o proxecto que comparten a Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a difusión da nosa lingua. Os participantes nesta iniciativa quixeron así renderlles homenaxe, no centenario da súa fundación na Coruña, ás Irmandades da Fala, e tamén salientar a vixencia das súas reivindicacións. Este movemento pulou no primeiro terzo do século XX pola modernización e a dignificación da lingua e da cultura galegas, defendo o uso do idioma propio de Galicia en todos os contextos.
Tendo en conta o obxectivo que impulsou a súa actividade, a súa acción transversal e mais a súa maneira colectiva de actuar, non hai dúbida de que irmandade é a palabra que os membros deste movemento puideron escoller para se presentar á historia. Entre eles tratábanse de irmáns e irmás, e con este apelativo figuraban nos seus carnés, a xeito de contestación simbólica contra a oficialidade establecida. Un século despois, irmandade convértese na Palabra do Ano 2016, tras recibir os votos de 623 das máis de 2.000 persoas que participaron na segunda fase desta iniciativa, á que chegaron seis termos como finalistas.
En segunda posición, con 481 votos, quedou o curioso neoloxismo porcoril, que triunfou nos medios de comunicación para nomear o cruce de porco vietnamita e xabaril. En terceiro lugar, con 372 apoios, sitúase alburgada, termo tradicional que rexurdiu no uso ao funcionar como algo semellante á voz posverdade. Os demais votos repartíronse entre as outras tres palabras finalistas: eleccións, populismo e xenofobia.
O equipo do Portal das Palabras, iniciativa da Real Academia Galega e da Fundación Barrié, escollera os devanditos seis termos finalistas entre todos os recibidos na primeira fase da campaña atendendo a tres criterios: cales son os máis populares, cales tiveron unha maior proxección pública ao longo de todo o ano e aqueles destacados ben pola súa carga significativa, ben pola súa construción morfolóxica. En 2015 e termo gañador foi refuxiado e en 2014, corrupción.
Co gallo do centenario das Irmandades da Fala, a Real Academia Galega impulsou distintas iniciativas de divulgación e posta en valor do seu herdo. Coorganizou, da man da Deputación da Coruña e do Museo do Pobo Galego, a exposición Saúde e Terra irmá(n)s!, que pode verse ata hoxe, 27 de decembro, no Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol. A Fundación Barrié tamén colaborou nesta mostra cedendo varias pezas e acollendo a exposición nas súas sedes da Coruña (onde se estreou o pasado 3 de xuño) e Vigo (durante agosto).
A RAG organizou ademais un ciclo de mesas de debate que percorreu oito localidades, puxo en marcha na súa web a sección As Irmandades da Fala nos fondos da Academia, que ofrece dixitalizados publicacións e documentos relacionados con este movemento conservados na súa biblioteca e no seu arquivo; e dedica os primeiros volumes da súa nova colección Antoloxías da Academia á divulgación do teatro, a prosa non ficcional, a narrativa de ficción e a poesía que se crearon no tempo das Irmandades.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.