Notas de prensa

Exposición Manuel Rodríguez López en Ferrol

O día 13 de outubro, martes, abreuse na sala municipal do Antigo Hospicio de Ferrol a exposición Manuel Rodríguez López, sobre a vida e obra do escritor de Paradela, fillo predilecto dese concello, e que da nome á Casa municipal de Cultura e a un Certame Literario do que se está a celebrar a vixésima edición.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, inaugurou no edificio do antigo Hospicio de Ferrol a exposición coa que se lle rende homenaxe a Manuel Rodríguez López, que chegou a ser considerado o máis insigne poeta obreiro da literatura galega do século XX. A mostra, que se enmarca nas actividades do proxecto que leva o nome do escritor, está promovida por Galicia Dixital e a familia de Rodríguez López co apoio da Consellería de Cultura e Educación, do Concello de Paradela, ademais da Deputación e mailo Concello de Lugo, e a Real Academia Galega, entroutros.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria financia e promove diversas iniciativas co fin de renderlle unha homenaxe acorde á trascendencia da obra de quen foi un dos promotores da Real Academia Galega e que destacou en múltiples facetas como folclorista, filólogo, filósofo, literato e pensador político.

O proxecto Manuel Rodríguez López, iniciado hai tres anos, está conformado por unha páxina web en galego, catalán, castelán e inglés, diversas publicacións e actividades, ademais desta mostra itinerante que xa percorreu parte da xeografía galega e mailo Centro Galego de Barcelona. Con el preténdese dar a coñecer a vida e obra deste autor de Paradela, que con moi poucos anos emigrou a Cataluña converténdose no poeta en lingua galega que difundiu o labor dos seus paisanos na comunidade onde emigraron, constituíndo a ponte entre Galicia e Cataluña e chegando a ser considerado o máis senlleiro da literatura galega do século XX.

A mostra sobre a vida e a obra do poeta poderase visitar no edificio do antigo Hospicio de Ferrol ata finais do mes de outubro. O seguinte destino será, xa en novembro, a biblioteca provincial de Pontevedra.

------------------

A mostra forma parte do Proxecto Manuel Rodríguez López emprendido por Galicia Digital e a familia do escritor, co apoio do Concello de Paradela, a Xunta de Galicia (Secretarías Xerais de Política Lingüística e de Cultura), a Deputación Provincial de Lugo e a Real Academia Galega.

Esta mostra itinerante comezou o seu percorrido na casa da cultura de Paradela para logo expoñerse en Lugo, Begonte, Portomarín, Sarria, Vilalba, Santiago, A Coruña, Barcelona, Madrid, na Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso, na Biblioteca Anxo Casal de Compostela, na Casa das Palabras de Guitiriz e no Concello de Meira. O próximo mes de novembro irá á Biblioteca Provincial de Pontevedra.

NotaEstá composta por oito paneis dobles, nos que se reflicte de xeito moi gráfico a vida e obra do escritor paradelense, considerado o mellor poeta obreiro galego do século XX, que escribiu en Catalunya a maior parte da súa obra, e foi, ademais dun grande animador das actividades galegas en Catalunya, o vínculo perfecto entre Galicia e os galegos emigrantes no País catalán.

A exposición, na que colabora o Club de Prensa de Ferrol e permanecerá na cidade departamental ata finais do mes de outubro, será inaugurada ás 20,00 horas deste martes próximo en acto que presidirá o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez.

Fotografías: Man Castro

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia + Xulio Xiz, 2015-10-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES