Notas de prensa

O X Festival Internacional de Música Clásica de Ribadeo ofrece cinco concertos desde mañá ata o vindeiro luns

A décima edición do Festival Internacional de Música Clásica de Ribadeo, que organiza a asociación EoClásica, ofrece cinco concertos dende mañá, xoves, ata o vindeiro luns. Foi presentado hoxe no salón de plenos municipal, acto no que participaron a alcaldesa en funcións, Ana Martínez, e o concelleiro de Cultura, Farruco Graña, xunto co director do festival, Leopoldo Erice.

Ana Martínez explicou que este festival “xa hai dez anos arrancaba como un fermoso soño da man dun grupo de persoas vinculadas á tradición musical ribadense pero, polo que levo escoitado e visto e polo que sei, cun alma fundamental, que é Leopoldo Erice, que é un madrileño de nacemento pero desde logo un ribadense de corazón. Este grande concertista de piano fai que durante estes días Ribadeo soe de xeito diferente para o mundo enteiro”. Ademais a alcaldesa en funcións destacou que “Ribadeo é un concello de grandísima tradición musical con institucións tan relevantes como é a coral polifónica, que está celebrando precisamente estes días o seu 60º aniversario, ou a banda municipal de música, que ambas as dúas van participar nesta décima edición do festival”.

O concelleiro de Cultura engadiu que “este é un festival de moita envergadura que pon moi alto o nome de Ribadeo e que ademais axuda a cultivar o gusto pola música, facéndoa accesible a todos e a todas os ribadenses, aos mariñáns, á xente do Occidente de Asturias e a un feixe enorme de persoas que durante o verán pasan por aquí e empezan a ter claro que achegarse ata Ribadeo implica, aparte de disfrutar da súa paisaxe, que é ben bonita, tamén poder gozar da música ou de calquera outro espectáculo”. Ademais Farruco Graña confirmou “o apoio decidido da Concellaría de Cultura e de todo o Concello de Ribadeo ao desenvolvemento deste festival” e comentou: “primeiro gozar da música durante estes días e acto seguido, unha vez que remate e poidamos dicir que saíu todo ben, poñernos a traballar entre todos, a preparar e deseñar estratexias para recadar o maior número posible de apoios, tanto públicos como privados, para a 11ª edición do Festival Internacional de Música Clásica de Ribadeo”.

O director do festival agradeceu o apoio do Concello ribadense e explicou: “eu nacín en Madrid, pero a miña avoa materna era de Ribadeo e o meu avó, de Tui. Teño, polo tanto, sangue galego e cando estou en Ribadeo síntome na casa. Este lugar e o seu mar teñen un algo moi especial e único que desde moi pequeno me fai volver aquí sempre que podo”. Leopoldo Erice engadiu que “cuando deje de sonar la última nota del concierto del día 24 el festival cumplirá oficialmente diez años. Llegamos a esta edición con mucha ilusión y tras mucho trabajo y esfuerzo. Confíamos en que el futuro sonría a nuestro querido festival y que podamos celebrar muchas más décadas”.

Ademais da banda municipal e a coral polifónica de Ribadeo, no festival participarán a violinista holandesa Frederieke Saeijs, o violonchelista japonés Tsuyoshi Tsutsumi, o clarinetista canadense James Campbell, o pianista Leopoldo Erice e o narrador ribadense Toni Deaño.

Os concertos dos días 20, 21, 23 e 24 será no auditorio municipal Hernán Naval ás 21:30 horas, mentres que o do sábado 22 será ás 12 do mediodía no establecemento nAmor, que está na rúa Amando Pérez,16. O prezo das entradas para cada concerto é de 12 euros, mentres que o abono para os cinco custa 55 euros.

Concello de Ribadeo, 2015-08-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Una ducia de proxeccións e cinco persoas convidadas conforman o menú da 34ª edición da Semana de Cine Submarino da UVigo, que se celebrará entre os días 3 ao 5 de novembro no auditorio da Afundación. Producións internacionais e nacionais volverán encher de público o auditorio vigués, que acollerá nunha sesión matinal a centos de escolares da provincia, e que poderá somerxerse nas profundidades das augas das Maldivas, do Caribe ou da costa norte galega.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES